Santiago: presentación do libro Máquina de Guerra

Mañá día 23 de Xullo de 2009 ás 20:00 presentarase no Centro Social A Gentalha do Pichel (R. Santa Clara 21, Santiago de Compostela) o poemario de Raida Rodríguez Máquina de Guerra que saiu á luz baixo o carimbo de Estaleiro Editora.

Xa presentado anteriormente en Barcelona, cidade en que Raida Rodríguez traballa e estuda, Máquina de Guerra vén traer agora á Galiza un diálogo iniciado na Universidade Autónoma de Barcelona, que continuou no Centre Social Magdalenes da mesma cidade e que tivo un punto e seguido no seu camiñar no Centro Galego de Barcelona.

Como todos os materiais de Estaleiro Editora, este poemario pode descargarse libremente na web e véndese ao económico prezo de seis euros, que se reinvestirán, como é habitual, na edición de outros materiais.

Santiago: presentación de Once máis 15

Edicións do Cumio e a asociación MusicARTE presentarán ao público o Libro-CD Once máis 15 durante a celebración do Festigal, cun concerto que terá lugar o venres día 24 de xullo a partir das 19 horas no espazo do Café Concerto. Intervirán o cantautor Miguel Alonso e os grupos Nao e Ataque Escampe, formacións que participan nesta edición de textos da nosa lírica musicados por conxuntos galegos a cal vén de publicar a editora de Pontevedra.

A Coruña: Pilar García Negro presenta novo libro

Hoxe xoves 9 no paraninfo da Universidade (Maestranza, s/n) presentarase o libro Sobre o racismo lingüístico, de María Pilar García Negro. Ademais da autora participarán no acto Carme Fernández Pérez-San Julián, Celia María Armas, Manuel Ferreiro, Xosé Ramón Freixeiro, Xosé Manuel Sánchez Rei, Goretti Sanmartín, Francisco Rodríguez, Luis Villares e Francisco Pillado. O acto comeza ás 20 horas e a entrada é libre até completar capacidade.

Vigo: presentación de Pirata de María Reimóndez

Mañá martes 30 de xuño ás 20:30 horas preséntase a novela Pirata da escritora María Reimóndez. Será no Salón Social do Real Club Náutico de Vigo (As Avenidas, s/n, Vigo). O acto contará coa participación de María Reimóndez, Manuel Bragado e do músico Xabier Díaz.

Vigo: presentación do novo libro de Xesús Alonso Montero

O vindeiro xoves, 25 de xuño, ás 20:00 horas, nas instalacións do MARCO (antigo cárcere) de Vigo, presentarase o máis recente libro do profesor Xesús Alonso Montero, Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948). No acto acompañarán ao autor Alfonso Álvarez Gándara (decano do Colexio de Avogados de Vigo), Carlos Núñez e o editor Manuel Bragado.

A Coruña: presentación do Premio Torrente Ballester 2008

O vindeiro mércores, 24 de xuño ás 11,00 horas, na sede da Deputación da Coruña, terá lugar a roda de prensa- presentación do libro A vida do outro de Carlos G. Reigosa, Premio Torrente Ballester 2008 convocado pola Deputación da Coruña. No acto intervirán Salvador Fernández Moreda (Presidente da Deputación da Coruña), Manuel Bragado (Director de Xerais) e Carlos G. Reigosa.