Compostela: presentación de Vento e chuvia, de Manuel Gago e Manel Cráneo

O venres 22 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Compostela, preséntase o libro Vento e chuvia. Mitoloxía da Antiga Gallaecia, de Manuel Gago e ilustrado por Manel Cráneo, publicado en Xerais. No mesmo acto, os autores, acompañados por Manuel Bragado, contarán o making of do proxecto e Sole Felloza contará unha das historias.

Gondomar: presentación de A memoria da choiva, de Pedro Feijoo

O venres 22 de novembro, ás 20:30 horas, na Libraría Libraida (Rúa Rosalía de Castro, 13) de Gondomar, preséntase a novela A memoria da choiva, de Pedro Feijoo, publicada en Xerais. No acto, xunto ao autor, participa Fran Alonso.

Compostela: presentación de Historia de Galicia, de Anselmo López Carreira

O xoves 21 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Pedreira (Rúa do Home Santo, 55) de Santiago de Compostela, preséntase Historia de Galicia, de Anselmo López Carreira, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola libraría, a editora e a A. C. O Galo, estará presente o autor.

Compostela: presentación de Noite~Día, de Alfonso Láuzara

O xoves 21 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o poemario Noite~Día, de Alfonso Láuzara, publicado pola Porta verde do sétimo andar. No acto, xunto ao autor, participa Rosa Enríquez.

Compostela: presentación de Ámote Leo A. Destino Xalundes, de Rosa Aneiros

O mércores 20 de novembro, ás 12:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase Ámote Leo A. Destino Xalundes, de Rosa Aneiros, publicado en Xerais. No acto participan, xunto á autora, Manuel Bragado e a colaboración especial de alumnos e alumnas do IES Eduardo Pondal de Santiago, acompañados pola profesora Mercedes Espiño.

Compostela e Vigo: presentación de Círculo Edições e a revista Elipse

A cuarta feira 20 de novembro, ás 20:00 horas, na Ciranda (Rua Travesa, 7) de Santiago de Compostela, preséntase publicamente Círculo Edições, e o número 1 da revista Elipse.
A quinta feira 21 de novembro, ás 20:00 horas, o este acto terá lugar na Libraría Cartabón (Rúa Urzaiz, 125) de Vigo.

Vigo: presentación de O corazón de Branca da Neve, de Francisco Castro

O martes 19 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa do Libro de Vigo (Rúa Velázquez Moreno, 27), preséntase O corazón da Branca de Neve, de Francisco Castro, publicada en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Víctor F. Freixanes e Ramón Nicolás.

Un libro recolle a obra poética de López Abente, “a alma de Muxía”

Desde La Voz de Galicia:
“«Imos empezar cun poema de López Abente, Muxía; este é un acto moi muxián». Isto dicía na noite do venres Rivadulla Corcón, vicepresidente da Fundación Gonzalo López Abente, na presentación do libro Poesía completa (Espiral Maior). O acto tivo lugar en Portas Ártabras, na Coruña, e Corcón apuntou que así como Luís Seoane dicía que «os galegos queremos coas nosas diferenzas enriquecer o mundo, os muxiáns queremos coas nosas diferenzas enriquecer Galicia». Para Corcón, todo o escrito neste volume «é a alma de Muxía», e lembrou como López Abente ingresou na Real Academia Galega en 1941 «cun discurso en galego sobre a obra de Pondal». Era algo moi pouco habitual que así se fixera, anotou antes de rematar cun poema sobre o monte Corpiño que «os nenos de Muxía o tiñamos como un himno».
Miguel Anxo Fernán Vello, editor deste libro de máis de 600 páxinas, recordou que foi Manuel María quen lle falou de López Abente e que fora precisamente o poeta da Terra Chá o que presentara a Antoloxía de López Abente publicada en 1995.
O editor salientou que a foto da portada do libro é de Ramón Caamaño Bentín, fotógrafo muxián, que «a obra do poeta é algo vivo, palpitante» e que tiña unha gran riqueza lingüística e «ese sabor a mar que recorre todos os seus libros». Para Fernán Vello, López Abente é «un clásico intemporal, con versos que son actuais, como se falara hoxe», sinalou antes de ler un poema que fala do corvo negro petando na alma. Era unha alusión, como xa antes fixera Corcón, á sentencia do Prestige e as manifestacións de Nunca Máis.
A fouce, un dos poemas de López Abente que pertence ao seu libro Escumas da ribeira, foi recitado, de memoria, por Xosé Luís Vilela, director de La Voz de Galicia e quen relatou aos asistentes como aprendera de neno os versos dese libro, axudado pola súa nai, e por iso, «cando non había galego na escola», el lía e falaba en galego. Evocou como aquel libro foi o que lle descubriu a poesía e concluíu: «Gonzalo López Abente, para min, é o primeiro poeta; despois viñeron outros».
Miro Villar, autor da recolleita da obra de López Abente, dixo que foi «unha honra chegar a este punto, poder xuntar a súa poesía completa», e confesou que cando descubriu a súa lírica sentiuse deslumbrado. Apuntou que a tarefa non foi fácil, xa que o poeta empezou a escribir con só 21 anos, pero en ducias de revistas e xornais, sobre todo da emigración, de Bos Aires. Villar lembrou que Vicente Risco cualificaba a López Abente de clásico, e o chamaba «o poeta do mar», aínda que «non no mesmo sentido que Manuel Antonio».”