‘Como,
sentados diante do ordenador, contactamos con persoas doutra parte do planeta ou como, só a través dos ruídos que traspasan paredes, coñecemos aos nosos veciños. Fran Alonso retrata distintos xeitos de comunicación no eido urbano fuxindo do “adoutrinamento” “É imposible non ter unha mirada política sobre as cousas, pero intento non ser moralista nin didáctico”, explicou nos micrófonos de Radiofusión. En Ninguén, obra que Xerais vén de achegar aos andeis das librarías, comparten protagonismo unha muller que concerta unha cita a través de Internet, un mozo obsesionado polas voces dos seus veciños ou un escritor que recibe correos dunha lista na que nunca se deu de alta, entre outros.” Desde Xerais. A entrevista pódese escoitar enteira aquí.
Arquivo da categoría: Radio
Cartas de vellos amigos, de Neira Vilas
«Xosé Neira Vilas escolma e recolle a correspondencia que mantivo con máis de corenta personalidades, sobre todo do mundo do galeguismo.» (Diario Cultural da RG)
A TVG promociona a lectura con microespazos dun minuto
A Televisión de Galicia emite dende onte e de luns a venres, despois do telexornal do mediodía, o espazo Palabra de autor, palabra de autora co obxectivo de fomentar o libro galego ao longo deste Ano da Lectura. A campaña difusora das nosas letras tamén se estende á Radio Galega, xa que cada mañá a emisora autonómica programará unha entrevista que, baixo o título Biblioteca aberta, achegará os gustos literarios de autores, ilustradores e editores. A Consellería de Cultura inviste 120.000 euros entre a promoción radiofónica e a televisiva. [Ler información completa en Xornal de Galicia]
Entrevista a Xoán Abeleira hoxe en Radio 3
O programa La LiBéLuLa de Radio 3 ofrecerá hoxe unha entrevista co escritor galego Xoán Abeleira para falar sobre o seu poemario Animais animais. O programa emítese de luns a venres despois da medianoite; podedes escoitar tamén os podcast na web de RTVE.
Carta de despedida do programa da Radio Galega A casa do vagabundo
Oleiros, a 24 de xuño de 2009
Estimados habitantes da Casa do vagabundo:
Xa sabedes que esta casa non ten ni paredes nin portas, tampouco xanelas nin tellado e pode emprazarse en calquera lugar do mundo onde alguén teña a intención de ler un libro feito con palabras na fermosa lingua dos galegos, e cada sábado as dúas e media se emprazaba na Radio Galega, así foi dende o 14 de xaneiro do 2006 ata o 20 de xuño do 2009, despois de 172 emisións e que pasasen pola casa 120 profesionais do libro: escritores, editores, críticos, traballadores de editoriais…
O espazo tivo continuidade todos os veráns, pero no que está por chegar non será así, sen ter a certeza de que a volta do outono poderemos emprazar de novo a casa na Radio Galega, o asunto quedou pendente de conversa cos responsables da programación da emisora.
Resulta que cando se me comunicou a decisión xa non foi posible gravar e emitir un novo programa no que puidera despedirme como debera, agradecendo o cariño de toda a familia do libro galego.
Declaro que fun feliz facendo este programa porque cada persoa que veu á casa fíxome vivir un momento inesquecible. Cada un dos 172 programas son unha lembranza que perdurará por sempre.
Pode parecer que A casa do vagabundo era un programa de radio, pero foi realmente un espazo para facer amigos. Coñecín alí por vez primeira a moitos dos convidados que por el pasaron e nesa breve media hora de conversa construíuse unha amizade con cada un deles. A verdade é que me sinto afortunado. Cos que xa era amigo houbo reencontros moi entrañables.
As veces emociónome e non me importa que así sexa, por isto non podo elaborar un aséptico escrito de despedida, así que mellor remato.
Grazas a todos e desculpas aos que non deu tempo que viñeran á casa.
Grazas en especial a Xurxo Souto que foi quen me pediu un día que fixera para a Radio Galega un programa sobre libros.
Se volvo no outono xa o saberedes, e se non saudádeme se nos cruzamos nalgunha rúa, estrada ou corredoira.
Cunha fonda aperta
X. H. Rivadulla Corcón
Finalistas do Premio “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico
O Premio “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico xa ten finalistas. O xurado elixiu as pezas presentadas baixo os lemas Peter Buckley, Servizo de Información e Xou mas gou on, que agora serán adaptadas polo director e actor Cándido Pazó. As obras van ser emitidas en diferentes programas da Radio Galega ao longo do mes de marzo. Máis información, no blog do Diario Cultural
III premio “Diario Cultural” de teatro radiofónico
Até o 31 de decembro de 2008. Bases. (Consellaría de Cultura e Deporte)
Entrega en Pontevedra do II Premio Diario Cultural de teatro radiofónico
O 17 de abril ás 20:30 abrirase o Espazo Radioescénico en que se celebrará a entrega do II Premio Diario Cultural de teatro radiofónico, organizado pola Radio Galega en colaboración co Centro Dramático Galego. Será no Teatro Principal de Pontevedra (R/ Paio Gómez Chariño, s/n).
Medos Romero en Ferrol, para un programa radiofónico ao vivo
Ás 11:00 horas do día 29 de novembro, na Galería Sargadelos de Ferrol (Rubalcava, 30-32), A Radio Galega transmite en directo un programa sobre literatura coa intervención da escritora Medos Romero. (Galería Sargadelos de Ferrol)
I Encontro de Poesía en Lugo
«Os días xoves 29 e venres 30 de novembro celebrarase en Lugo o I Encontro de Poesía cunha grande parte dos poetas galegos de máis renome (Manolo Rivas, Yolanda Castaño, Luz Pozo, Álvarez Caccamo…). Tamén se contará coa presenza de moitas personalidades como o alcalde de Lugo (na inauguración) ou o Ministro de Cultura (na súa clausura).» (Dirección de RNE Galicia)