Retornan as Polafías

A AELG, a través da súa sección de Literatura de Tradición Oral e coa coordinación de Antonio Reigosa, comeza neste mes de maio a temporada de polafías na vila de Ponteceso o vindeiro venres 21, ás 20.30, na Fundación Eduardo Pondal. O día 22 terá lugar outra en Mesía.

Durante 2010 organizaranse un total de seis polafías. Cos patrocinios da Consellaría de Cultura e Turismo e das Deputacións Provinciais da Coruña e Lugo.

A Coruña: presentación do documental Na frente unha estrela, de Rivadulla Corcón

O mércores 21 de xaneiro ás 19:00 terá lugar na sede da Real Academia Galega (Tabernas, 11) a presentación do documental Na frente unha estrela, realizado por Rivadulla Corcón sobre a figura de Manuel Curros Enríquez. Convidan a RAG e a Concellaría de Cultura da Coruña.

Polafía en Friol

O sábado 22 de novembro de 2008, ás 18:00 no Museo Etnográfico de San Paio de Narla, intervirá nesta Polafía o músico ANTÓN CASTRO, de Álvaro do Sixto, “O novo Laxe”, e veciñas e veciños do concello de Friol.
Colaboran: Asociación de Mulleres Rurais “Fonte da Xonza” / Asociación Cultural “Cova da Serpe” / Museo Etnográfico de San Paio e Rede Museística da Deputación de Lugo. Coordinadores: Isidro Novo e Antonio Reigosa. Divulgador: Antonio Reigosa. Recitador: Isidro Novo.
Organiza a Asociación de Escritores en Lingua Galega e patrocina a Vicepresidencia Primeira, Área de Cultura da Deputación de Lugo.

Polafía en Vilamartín de Valdeorras

Será no Centro Sociocultural “Santa Lucía” o sábado 15 de novembro de 2008 ás 17:00. Coa intervención do músico Xavier Blanco e de veciñas e veciños da comarca de Valdeorras. Colaboran : Agrupación Cultural “Abertal” / Asociación de Mulleres Rurais “Cima de Vila” / Xornal “O Sil” e concello de Vilamartín de Valdeorras.
Divulgador: Antonio Reigosa; recitador: Isidro Novo.
Ao remate celebrarase un magosto popular organizado pola Asociación de Mulleres Rurais “Cima de Vila”.

“As polafías son unha proxecto da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), coordinado polo Vogal de Literatura de Tradición Oral, Antonio Reigosa, que conta coa colaboración de diversas asociacións e institucións.
A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego. O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns,…) con semellantes contidos. A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio.
O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores…etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber.
O que suceda nas polafías será gravado e logo difundido a través da web da AELG. As polafías terán unha duración aproximada de arredor de 90 minutos.”

Homenaxe a Manuel Curros Enríquez en Compostela

«O martes 24 de xuño a Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais convídante aos actos de homenaxe a Manuel Curros Enríquez co seguinte programa de actividades:

-Conferencia de Pilar García Negro. “A defensa da lingua galega en Curros Enríquez”. Ás 20:00 horas no Centro Sociocultural do Ensanche (Rúa de Frei Rosendo Salvado, 14-16).

-Concerto homenaxe a Curros Enríquez. María José Ladra / Antón de Santiago / Cítola: “Na frente unha estrela”. Ás 21:00 horas no Teatro Principal.»

Relatorio de Francisco Rodríguez sobre “A vixencia de Curros” en Compostela

Hoxe martes 17 de xuño, ás 20:00 horas no Centro Sociocultural do Ensanche de Compostela (rúa de Frei Rosendo Salvado, 14-16), a Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais promove o relatorio de Francisco Rodríguez sobre “A vixencia de Curros”. Nesta conferencia un dos maiores estudiosos da obra e figura de Curros Enríquez defende a súa vixencia na actualidade.

Concurso na web Galicia Encantada

Boletín Galicia Encantada

No “Concurso na web Galicia Encantada” o premio non son cartos, mais a emoción está asegurada. Propoñemos un concurso arredor dos lugares con lenda. Facilitamos unha foto e un punto xeográfico no Google Maps. Queda na vosa man identificar o lugar co seu verdadeiro nome e achegar as lendas que consigades sobre o mesmo. O que mandedes irase facendo público e entre todos completaremos un circo máxico: identificaremos e descubriremos os lugares lendarios de Galicia.
Unha listaxe de honra dos que máis colaboren agarda polo nome dos aventureiros da internet. Estas son as normas… e esta é a primeira proba. Saúde e sorte para todos do Coordinador de contidos de Galicia Encantada.
© 2007 | Galicia Encantada.com