Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Preséntase o poemario Ficar, de Cristina Corral Soilán, publicado por Urutau. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Ledicia Costas: “En Infamia hai unha sociedade enferma. Pero non máis que a nosa, que é profundamente violenta”
Entrevista de Montse Dopico a Ledicia Costas en Praza:
“(…) – Praza (P): Infamia ten elementos de thriller e de novela negra. Cun ritmo moi áxil e unha intriga ben dosificada, o/a lector/a vai descubrindo o que lles aconteceu ás irmás Giraud -que Emma trata de investigar- unhas nenas desaparecidas 25 anos atrás. Mais parece que a túa intención como autora era apuntar máis ás consecuencias sociais (e psicolóxicas) da violencia…
– Ledicia Costas (LC): Quería escribir unha historia sobre a violencia e remarcar as consecuencias que esa violencia provoca nas persoas implicadas. Isto tamén ten que ver cos traumas. En moitas ocasións son os episodios violentos os que provocan un trauma que adoita estar asociado á culpa. Interésame moito a psicoloxía das persoas. Esa foi a raíz da que naceu a posibilidade de escribir un psico-thriller, esmerándome na construción dos personaxes. Interesábame que fosen complexos, cheos de matices, defectos e contradicións, fuxindo de arquetipos.
– P: Merlo é, de feito, un lugar envelenado polo silencio, polo consentimento dos máis terribles abusos de poder. O poder, representado por unha Igrexa corrupta e un Estado cómplice, depreda, devora, persoas. Non é, por suposto, a primeira vez que falas do poder: (o cacique en Escarlatina, a cociñeira defunta, por exemplo), nin da violencia: Recinto Gris, Un animal chamado néboa… Mais desta volta é a violencia estrutural instalada nunha pequena comunidade, de xeito que mesmo as vítimas acaban sendo verdugos… Por que? En que sentido muda a túa reflexión sobre a violencia neste libro con respecto aos anteriores?
– LC: O ciclo da violencia, no sentido de reproducir roles, é unha pauta de comportamento que me interesa. Persoas que sofren algún tipo de abuso, da clase que sexa, e de adultas acaban por imitar esa conduta. Extrapolei isto a toda unha comunidade onde o silencio os vai devorando a todos. Aquilo que non se menciona, non existe. Mais vai comendo por dentro ás persoas afectadas, coma ese verme que devora unha mazá. Aparentemente todo está intacto, pero a infección está estendida e todo cambalea e corre o risco de se derrubar.
– P: Algo que se nota tamén en Infamia é a vontade de estilo: por veces roza a prosa poética. Supoño que tamén é un xeito de achegarse a feitos tan espeluznantes como os que conta o libro. Algunha razón especial para que estea escrito así?
– LC: A escrita de Infamia é moi próxima á dos relatos d’Un animal chamado néboa. O público non está afeito a lerme neste rexistro, mais é o xeito no que eu me expreso cando escribo unha obra destinada a persoas adultas. Non sabería explicar os motivos. É algo que xorde de xeito natural, un acto absolutamente espontáneo que eu mesma non sei racionalizar. (…)”
Entrevista a Rodrigo Costoya en Correo Televisión
Monforte: actos destacados da Feira do Libro 2019 para o 29 de agosto
O 29 de agosto continúa a Feira do Libro de Monforte (na Rúa do Cardeal), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 19:00 a 22:00 h., co seguinte acto literario destacado dentro do seu programa para este día:
– 19:00 h. Presentación de Estrelas de manteiga, de Isabel Porto Collazo, publicado por Sar Alejandría.
Sarria: presentación de Tres obras teatrais, de Andrés Pociña
O 28 de agosto, ás 20:00 horas, na Sociedade La Unión de Sarria (Rúa Matías López, 19), Andrés Pociña presenta o seu libro Tres obras teatrais, publicado por Laiovento.
Monforte: actos destacados da Feira do Libro 2019 para o 28 de agosto
O FETEGA do Carballiño pasa a chamarse Festival de Teatro Galego Celso Parada
Desde Erregueté:
“Inclúe unha ducia de citas con destacadas compañías galegas, ademais de monólogos, animación de rúa, coloquios, obradoiros e a entrega dos premios Dorotea Bárcena.
O Festival de Teatro Galego (Fetega) do Carballiño anunciou hoxe a súa programación, nunha edición que marca o trixésimo aniversario da súa existencia. A dirección do festival carballiñés rende homenaxe ao recentemente falecido Celso Parada rebautizándoo como Festival de Teatro Galego Celso Parada.
Unha ducia de compañías de teatro e de novo circo danlle forma ao cartel deste ano, que se despregará en diferentes espazos da localidade do 2 ao 6 de setembro e inclúe, así mesmo, actividades paralelas como monólogos, animación de rúa, coloquios, obradoiros e a entrega dos premios Dorotea Bárcena.
Cinco compañías conforman a programación que acollerá o Auditorio Municipal: Iria Pinheiro con Anatomía dunha serea o 2 de setembro; Contraproducións con A compañeira de piso o día 3; Chévere con Curva España o día 4; Redrum Teatro con Idiota o día 5; e Enconarte Producións con Monstuación o día 6.
A estas función do Auditorio súmanse ás do anfiteatro da Veracruz con varios espectáculos de novo circo, clown e maxia: Catro segundos, da compañía IO o día 2, Don Gelati de Dani García o día 3, Cartoons de PT Excéntricas o día 4, Lume de Asacocirco o día 5 e 4.0 de Sue Moreno o día 6.
Ademais, na Casa da Cultura, haberá monólogos cómicos a cargo de Xan Veiga (día 2), Fran Campos (día 3), Víctor Grande (día 4) e Pepo Suevos (día 5). No mesmo lugar, o mércores 4 ás 12:00, Raquel Queizás presentará Toin toin, un espectáculo de contos con monicreques de mesa acompañado de instrumentos musicais sinxelos para gozo dos máis pequenos da casa e os seus pais.
Como en anos anteriores, o programa complétase cunha serie de actividades paralelas, entre as que se atopan pasarrúas diarios a cargo da compañía Barafunda, dous obradoiros de interpretación a cargo de Fernando Tato e Nekane Fernández e un coloquio de creadoras baixo o título Arte con nome de muller o venres 6, no que participarán a directora do Centro Dramático Galego, Fefa Noia, as actrices Belén Constela e Iolanda Muíños, a escenógrafa e iluminadora Silvia Penas, a dramaturga e directora da erregueté Vanesa Sotelo e a directora de escena Ánxeles Cuña, baixo a moderación de Inma López Silva.
A trixésima edición do Festival de Teatro Galego do Carballiño pecharase na noite do venres coa gala de entrega dos premios Dorotea Bárcena, que será presentada pola directora e actriz Marián Bañobre no Auditorio Municipal.”
Eli Ríos: “Cando adquirín unha mirada crítica deixei de ler obras de señores”
Entrevista de Uxía Iglesias a Eli Ríos en Galicia Confidencial:
“(…) – Galicia Confidencial (GC): A túa escrita é claramente feminista. É unha necesidade? Poderías concibilo doutro xeito?
– Eli Ríos (ER): Non creo que sexa unha necesidade. Ser feminista non é algo que escollas. Non podes dicir: ‘pois vou ser feminista de nove a nove e media’. É unha mirada, é unha forma de estar na vida, eu son feminista as 24 h da vida e en todos os aspectos da miña vida. É algo natural. A miña ten que ser unha escrita feminista porque é o que eu son. (…)
– GC: E no teu caso, cales foron e son os teus referentes?
– ER: O que lin no instituto foron sempre obras de señores. Medrei pensando que as mulleres non escribiamos. Eu vía a Rosalía, a única señora, e era unha Rosalía que sempre estaba chorando e queixándose de todo, e claro, a min interesábame ben pouco. Pero de repente comezas a facer todo este proceso, que leva o seu tempo… Raio! Somos a metade da poboación, estatisticamente é imposible que as mulleres non escribamos. Comezas a investigar, cousa que non é facil porque non está accesible, e descubres a Ursula K. Le Guin, descubres a Agatha Christie na novela negra… ‘Como non me deron a coñecer isto antes?’ Regresas outra vez sobre Rosalía e decátaste de que é a primeira feminista da nosa historia, de que está reivindicando a loita das mulleres e as nosas raíces.
No momento no que adquirín unha mirada crítica deixei de ler obras de señores, porque non me interesa. É sempre o mesmo, teñen catro clichés e non saen de aí. Interésame moito máis o que fan as mulleres porque escriben desde as marxes, dende unha posición de non privilexio. A partir de aí é dende onde se contan cousas que a min me interesan. Xela Arias, por exemplo, esa muller que di ‘intempériome‘. Como non a estudamos nos institutos? Como non chegamos á súa literatura? Paréceme aberrante. Todas as mulleres que escribiron antes ca a nosa xeración foron abrindo portas: María Xosé Queizán, María Vitoria Moreno, Xohana Torres, a inmensa Begoña Caamaño. Todas elas son mulleres que nos facilitaron o camiño e nos ofreceron referentes ás autoras de hoxe. Non seriamos nada sen o traballo das compañeiras. (…)
– GC: E como está de saúde o mundo literario?
– ER: Eu traballo nas marxes, con mulleres. Nesas marxes o sistema literario é vizosísimo. Estanse facendo traducións feministas, textos que rompen con todo o anterior, xa sexa na forma e no contido. O resto? Non me interesa o sistema literario que fala sempre do mesmo. Creo que hai un mercantilismo atroz que vai acabar con nós, que nos vai autoconsumir. Estámoslle prestando moitísima atención ás campañas de marketing, e un dos que máis funciona é o do feminismo. Ti poslle a un libro a etiqueta de feminismo e parece que xa está todo feito, cando o contido está dicindo exactamente o mesmo: hai un señor que me explica cousas. Ese mercantilismo, ese sacar produtos porque si, vai acabar con nós, converteranos nun panfleto. Precisamente nas persoas que están creando nas marxes está o futuro da literatura galega. (…)”
Manuel Vieites, premio Mácara na XX Mostra de Teatro Amador de Palas de Rei
Desde Erregueté (foto: Aisge):
“O sábado, 6 de setembro, durante a xornada de SON D’ALDEA, entregarase o XIV Premio Careón á escritora Ana Pillado Vega en recoñecemento polo seu labor como escritora e dinamizadora da cultura galega e o XIX Premio Mácara a Manuel Vieites pola súa traxectoria profesional como escritor e o seu apoio ao teatro. O sábado, 31 de agosto, ás 21:00, na Casa de Cultura de Palas, entregarase o II Premio Garabato á conservación do Patrimonio en Homenaxe a Gabriel Barreiro Toural, dotado con 1000 euros e plica a unha entidade que se distingue pola súa labor de defensa do patrimonio cultural do rural.
O sábado, 7 de setembro, nas aldeas de Albá, Santo Xusto, Vilafofe e Pambre celebrarase a XIX edición de SON D’ ALDEA, actividade protagonizada polos veciños e polas veciñas das aldeas do Concello. Trátase dun evento dinamizador da cultura rural que procura amosala, proxectala e dignificala.
Todas as funcións serán ás 21:00 na Casa de Cultura de Palas de Rei, salvo as sinaladas abaixo.
Programa
MARTES, 27 DE AGOSTO.
GRUPO: Barafunda Teatro
OBRA: Bañistas despistados.
HORA: 18:00
MÉRCORES, 28 DE AGOSTO.
GRUPO: Lila Teatro
OBRA: Duncan de palleiro.
HORA: 21:00.
XOVES, 29 DE AGOSTO.
GRUPO: Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei.
AUTOR/-A: Creación colectiva do alumnado, coordinado por Afonso García Penas.
OBRA: Vogando nos contos.
HORA: 21:00.
VENRES, 30 DE AGOSTO.
GRUPO: Iara Teatro.
OBRA: No berce da palabra.
HORA: 21:00.
SÁBADO, 31 DE AGOSTO. (DOBRE FUNCIÓN)
No campo da festa de Santo Xusto
GRUPO: Metátese Teatro.
HORA: 17:30.
GRUPO: Metátese Teatro.
Na Casa de Cultura de Palas de Rei
OBRA: Na procura dun traballo.
HORA: 21:00.
DOMINGO, 1 DE SETEMBRO.
GRUPO: Ateneo, de Pozuelo.
OBRA: En el estanque dorado.
HORA: 21:00.
MÉRCORES, 4 DE SETEMBRO.
GRUPO: Caxigo Teatro, de Curtis.
OBRA: O conxuro das letras.
HORA: 21:00.
XOVES, 5 DE SETEMBRO.
GRUPO: Alentía.
OBRA: Conversas teatralizadas con… Johan Photography.
HORA: 21:00.
VENRES, 6 DE SETEMBRO.
GRUPO: Caxoto (Felipe Díaz).
OBRA: Daló de onde eu veño.
HORARIO: 21:00 horas.
Esta función será no Parladoiro de Arqueixal, en Albá con motivo da IX edición do Son d’aldea.
SÁBADO, 7 SETEMBRO.
Sairase do campo da festa da aldea de Santiago de Albá ás 9:30.
GRUPO: Son d’aldea.
OBRA: Os ollos da experiencia.
AUTOR: Creación colectiva dirixida por Metátese Teatro e Alentía Teatro.
HORA: 10:00.”
Entrevista a Rodrigo Costoya sobre Portosanto
Desde o Chamando á Terra da Radio Galega:
“O debut literario de Rodrigo Costoya con Portosanto. Un libro que conta a historia de Cristovo Colón coa hipótese do seu nacemento en Galicia. A entrevista pode escoitarse aquí.”