Aberta a votación dos Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2019
Desde Fervenzas Literarias:
“Un ano máis, abrimos en Fervenzas Literarias esta fiestra para que poidas votar os que para ti foron os mellores libros do 2019 máis outros aspectos relacionados coa literatura nas vinte categorías que propoñemos. Todas e todos vos sodes os responsables de confeccionar estas listaxes co mellor do ano. O poder d@s lector@s!!!
Lembra: non é obrigatorio cubrir todos os campos. Se non liches por exemplo ningún libro infantil, ou un libro de poesía ou ningún libro de teatro, non te preocupes, valora aqueles campos que queiras, sempre que o fagas antes do mércores 15 de xaneiro do 2020.
Como en anos anteriores, entre todas e todos os participantes sortearemos un magnífico lote de libros cedido polo noso patrocinador DataLib Servizos Documentais. Se queres participar neste sorteo recorda deixarnos os teus datos de contacto. Se es o gañador ou gañadora publicaremos o teu nome na listaxe de Os mellores libros do 2019.
IMPORTANTE: Para que o resultado final sexa o máis limpo posible levaremos ao igual que todos os anos un control de IPs duplicadas e tomaremos igualmente todas as medidas necesarias para evitar votacións que poidan dar pé a fraude nos resultados finais, incluíndo a eliminación de enquisas sospeitosas. Lembrade! É unha enquisa para escoller os mellores libros do ano, non aos escritor@s con máis número de amigos. Grazas pola vosa comprensión!
Moitas grazas pola túa colaboración e, sobre todo, pola túa participación!!!”
Para votar, pode entrarse na seguinte ligazón.
Manuel Forcadela: “A liquidación social de Ferrín é síntoma dunha sociedade que está podre”
Entrevista
de H. Pena a Manuel Forcadela en Sermos Galiza:
“O Ateneo de Pontevedra proxectou a cuarta feira ás 19:30 horas o documental Os mundos de Xosé Luís Méndez Ferrín. O seu director, Manuel Forcadela, debulla para Nós Diario os pormenores dun dos tótems da cultura galega do século XX, así como dun filme que conta coa participación de nomes como Xosé Manuel Beiras, Rexina Vega, Álvarez Cáccamo ou Antón Reixa.
– Sermos Galiza (SG): Cales son eses Mundos de Xosé Luís Méndez Ferrín?
– Manuel Forcadela (MF): Os Mundos de Xosé Luís Méndez Ferrín é un proxecto de documental que acabou sendo outra cousa, sempre co obxectivo de facer unha aposta pola memoria de Ferrín como figura clave da cultura galega das últimas cinco décadas. Tratamos de mostrar unha figura moi poliédrica, chea de matices, de sentidos, de significantes, tantos que moitas veces o Ferrín en si non ten nada que ver co Ferrín para si. Usando unha terminoloxía un pouco pedante, o Ferrín en esencia ten pouco que ver co Ferrín en apariencia.
– SG: De onde xorde a idea de trazar este retrato?
– MF: Dunha reunión da directiva do Ateneo Atlántico de Vigo o ano pasado, no que, entre outras propostas para conmemorar o 80 aniversario de Ferrín, propuxen elaborar unha serie de vídeos que atendesen ao percorrido vital da personaxe.
– SG: Como se traza a obra documental para compoñer un todo unitario que mostre quen é Méndez Ferrín?
– MF: De dous xeitos distintos. Por unha banda, Xosé Manuel Beiras, como Virxilio na Divina Comedia, condúcenos polos mundos de Ferrín. E por outra, hai un fío cronolóxico, para trazar un percorrido complementado con diferentes voces pola súa infancia, adolescencia, época universitaria, etc. (…)”
Tiago Alves Costa fala sobre Žižek vai ao ginásio
Jorge Llorca faise co XX Premio Risco de Creación Literaria
Desde
Cultura Galega:
“Fallouse a XX edición do Premio Risco de Creación Literaria do Concello de Ourense. O gañador foi o autor ferrolán Jorge Llorca, co seu texto O anxo de Durero. O premio está recoñecido con 6.000 euros e a publicación da obra. Para o xurado, o texto destaca pola “voz narradora que se presenta como unha persoa de común pero ao tempo, excepcional e polas descricións plásticas que trasladan de xeito moi nítido á persoa lectora ao interior da trama”.”
Carballo: presentación de Brevedume, de Xurxo Borrazás
Ribadavia: presentación do libro Kallaikos, de Paco Boluda
Quiroga: presentación de Corte e confección, de Celia Díaz Núñez
Bases do V Premio Antón Risco de Literatura Fantástica
Ignacio Vidal Portabales gaña o XXVI Premio Manuel Lueiro Rey coa obra Lara e Sabela
Desde
o Concello do Grove:
“O xurado nomeado polo Concello do Grove xuntouse na tarde do martes 18 de decembro para ditaminar a obra gañadora da XXVI edición do Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta.
Despois de deliberar, o xurado, composto por Armando Requeixo, Mario Requeira, Ánxela Gracián, Henrique Dacosta –gañador da pasada edición– e Manuel Bragado -en representación da Edicións Xerais de Galicia-, decidiu declarar gañadora da presente edición a obra titulada Lara e Sabela, presentada baixo o lema “Aloia”.
Logo de se abrir a plica da obra premiada, o seu autor resultou ser Ignacio Vidal Portabales, doutor en Dereito, profesor de dereito mercantil na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela e escritor.
Esta vixésimo sexta edición foi a que maior participación acadou ata o momento, cun total de vinte orixinais presentados; alén diso, o xurado quixo destacar o considerable incremento na calidade das obras participantes.
O Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta é un certame literario convocado polo Concello do Grove desde 1992 co obxecto de promover a vida e a obra do escritor e xornalista que lle dá nome, veciño desta vila desde a súa máis tenra infancia, axudando asemade á promoción da literatura galega e dos seus autores.”



