Do 26 ao 28 de xuño, I edición do Festival Virtual do Libro Galego (FLIV)

I edición do Festival Virtual do Libro Galego (FLIV), do 26 ao 28 de xuño

Historias cativas de Rosa Aneiros

Desde Aulas Galegas:
“A nosa querida escritora Rosa Aneiros desenvolveu estes días unha iniciativa de lectura e escritura nas redes sociais (en Facebook e Twitter) co cancelo #historiascativas e, amablemente, quixo compartila con todos e todas nós. (…)
Esta práctica solidaria son, en palabras da autora, “#historiascativas nas que dialogo con personaxes de obras escritas e as sitúo en confinamento. Están subidas tamén en pdf e talvez poidan servir a alguén como material educativo xa que dialogo con obras de infantil e xuvenil que moitas leron e á rapazada tenlle a súa graza por falar do momento de actualidade inmediata.”
“As Historias cativas. Son sete días e sete historias cativas polo tamaño e ambición, pero tamén pola súa natureza confinada. Trátase dun xogo no que dialogo con personaxes das miñas obras e os sitúo nun contexto de confinamento. Que lle acontecería a Eusebio e Patricia de Ás de bolboreta se o covid-19 os confinase xuntos? Como afrontaría Edelmira de Tres bichicomas, dúas illas e unha serea a distancia con Edelmiro? Que podería sucederlle á nai de Noelia e Miguel de A batalla da pequena Chañan Curi Coca cando baixa mercar o pan? Cal sería a conversa de Elba, a protagonista de “Deixando sitio” de Corazóns amolecidos en salitre co seu fillo Rodri?”
Podedes acceder ás publicacións en Facebook clicando na seguinte ligazón: HISTORIAS CATIVAS.
Recuperamos a través de #historiascativas marabillosas lecturas da autora que nos fan gozar e relamber con estes doces textos. Axudan tamén a recuperar do andel da nosa biblioteca esas novelas que nos acompañaron, que compartimos nos clubs de lectura cando podiamos vernos e falar cara a cara, e a relelas, volver pasar as súas páxinas e perdernos na dozura da súa prosa.
Recomendámosvos estes “7 días escrita/7 historias/7 publicacións”, 7 alfaias que iremos degustando en entradas individuais; de seguro que estades desexando acompañarnos nesta viaxe pola escrita solidaria de Rosa Aneiros, polos seus diálogos que nos achegan á reflexión, aos sentimentos encontrados en tempos de confinamento e de incertezas.
Grazas mil por compartilo con nós, Rosa Aneiros.

Rosa Aneiros le un fragmento de Tres bichicomas, dúas illas e unha serea

Desde a AELG recollemos a lectura dun fragmento de Tres bichicomas, dúas illas e unha serea por parte da súa autora, Rosa Aneiros, no marco da iniciativa #envozpropia de Edicións Xerais, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora e/ou #CulturaNaRede.

Rosa Aneiros gaña o Fernández Paz de narrativa xuvenil pola igualdade

Desde Sermos Galiza:
Rosa Aneiros (Meirás, 1976) é a gañadora da segunda edición do II Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade, convocado polo Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais.
A obra presentouse baixo o seudónimo de ‘Khoedi’. Unha vez aberta a plica esta correspondía a Rosa Aneiros. Na plica, a autora manifesta que o título definitivo é: Tres bichicomas, dúas illas e unha serea.
O xurado considera que esta novela infantil expresa a capacidade das crianzas para intervir en problemas sociais como a crise das persoas refuxiadas, utilizando a empatía e a comunicación interxeneracional como motores de transformación das vidas e da sociedade.”