O vigués Iñaki Varela Pérez gaña o VIII Premio de Poesía Victoriano Taibo – ELM de Morgadáns

DesdeIñaki Varela o Instituto de Estudos Miñoranos:
“O VIII Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local Menor de Morgadáns acadou este ano unha importante participación, como vén sendo costume dende a súa institución, con corenta e dous orixinais presentados. Na primeira quincena de setembro reuniuse o xurado, que resaltou a importante calidade de moitos deles e elixiu, en primeiro lugar, as obras finalistas, que resultaron ser as citadas a continuación por orde de entrada, as que ostentaban os seguintes títulos e lemas ou pseudónimos:
Camuflaxe (Campos de néboa eléctrica).
Exhumación.
Do outro lado das portas (O Miño).
Diario de ladras, bailarinas, asasinas e flores (Vita da Vita).
Culpable (Nüwa).
A continuación acordaron concederlle o galardón desta convocatoria ao poemario titulado Do outro lado das portas valorando que estamos ante un libro que trata os temas máis actuais dende unha perspectiva social, nunha especie de épica actual, en que o autor nos dá a súa particular visión do que nos preocupa hoxe sen que os poemas se resintan na súa construción lírica. A cidade de Vigo ou o Miño adquiren personalidade propia neste poemario que engancha a lectura dende as primeiras páxinas.
O autor da obra premiada é Iñaki Varela Pérez, natural de Vigo cidade na que exerce como profesor de Xeografía e Historia. Afeccionado á literatura dende moi novo, este é, non obstante, o seu primeiro libro, que será publicado polo IEM na súa colección Victoriano Taibo como parte do premio acadado, consistente, ademais, en tres mil euros en metálico, unha peza escultórica conmemorativa, obra do artista miñorán Fino Lorenzo, e a presentación do autor e o poemario nunha gala que se celebrará ao longo do mes de novembro, en data que se anunciará oportunamente.”

ProLingua: A lingua galega excluída de Xuventude Galicia Net

Desde06d0b4010a032b97528686ceb35b3c70603789d8 ProLingua:
“Estes días está a celebrarse en Silleda a maior party informática galega, o Xuventude Galicia Net, que a pesar de levar na cabeceira o nome de Galicia, o galego está ausente de todo o demais. De querérmonos inscribir, non podemos facelo en galego; de consultarmos as normas do encontro ou de conectármonos ao seu streaming, unha e outra vez a mesma canción: só castelán; e de navegarmos polo portal do Xuventude Galicia Net, nada de galego, e o mesmo podemos dicir das redes sociais ligadas ao evento. A exclusión do galego non se deu ata agora, pois abonda con consultarmos o timeline do facebook ou do twitter das anteriores edicións para comprobarmos como daquela se dirixían con toda normalidade en galego aos seus seguidores.
O Xuventude Galicia Net conta co apoio da Xunta, que asinou un convenio de colaboración de 25.000 euros para a súa organización. A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato e o vicepresidente Alfonso Rueda visitaron o recinto feiral de Silleda ratificando coa súa presenza que apoian a expulsión da lingua galega.
Dóenos moito que quen debería ser o principal valedor do galego, a Xunta de Galicia, rompa unha vez máis con ese compromiso que está na cerna da súa razón de ser. Que foi da ratificación legal de prestar todos os servizos públicos preferentemente en galego publicada nun DOG no pasado mes de abril? Xa é papel mollado? Tamén nos doe que entidades públicas como a Deputación de Pontevedra ou o Concello de Silleda actúen como mudos patrocinadores dun novo desprezo á lingua propia de Galicia.
Campañas como a de #EmpápateCoGalego, posta en marcha pola fundación de ABANCA para celebrar o Día das Letras Galegas, ou a colaboración de Coca-Cola coa Secretaría Xeral de Política Lingüística para o concurso Novos Talentos de Relato Curto fican sen credibilidade se por outra banda se aposta pola financiamento dun evento coma este que refuga do galego.”
A plataforma apartidaria ProLingua arela que a Xunta de Galicia, e o mesmo outros organismos que deberían ser exemplo no uso normalizado do galego, non patrocinen eventos que salientan pola ausencia da nosa lingua.

ProLingua, 20 de setembro do 2015″

Onte 1445: Datos da edición en galego 2014, por Manuel Bragado

Desdepanoramica_2014-212x300 Brétemas, de Manuel Bragado:
“A publicación da Panorámica de la edición española de libros 2014, o informe estatístico de referencia elaborado polo Ministerio de Cultura a partir dos rexistros do ISBN, achega os datos claves da produción do libro galego do pasado ano. Sen dubida o primeiro que chama a atención é o aumento de títulos publicados, 1763, que supón un incremento do 23,00 % con respecto a 2013, aínda que quede aínda moi lonxe daqueles 2.544 de 2010 (un 30,00 % menos). Sei que este aumento no número de títulos prodúcese sobre todo pola primeira campaña escolar da LOMCE e polo desenvolvemento do libro dixital, que acada as 465 referencias, cifra que duplica a do ano anterior e tamén a de 2010. A hibridación do libro galego é un feito, xa que en 2014 ofreceu o 73,62 % dos seus títulos en formato impreso e xa o 26,37 % en diversos formatos dixitais.
Por tipoloxías de edición, o libro de texto, 692 referencias, representa o 39,25 %, e o libro infantil e xuvenil, 362, o 20,53 %, polo tanto un 60,00 % da edición, sendo tamén ambos estes dous subsectores os que máis aumentan con respecto a 2013, feito ao que non é alleo o desenvolvemento dos novos materiais didácticos da LOMCE. A literatura, 411 rexistros, representa o 23,31 % da edición en galego, mantendo os niveis do ano anterior, aínda que moi lonxe das cifras de 2010, un 35,00 % superiores, mesmo a pesar do incremento da oferta en formato epub.
Os títulos traducidos doutras linguas, 224, supoñen o 12,70 % da edición en galego, o que supón un incremento do 19,00% con respecto ano anterior, ao que non foi alleo o aumento da tradución ao castelán do libro de texto, aínda que este dato queda moi lonxe daquel de 616 títulos traducidos en 2010. Continúa sendo unha anomalía que o castelán sexa a lingua máis traducida, xa que supón o 45,98 % destes rexistros, sendo o inglés con 56 títulos, o 25,00 %, a segunda.
Con respecto á edición pública, continúa a diminución dos títulos publicados en galego, apenas 101, que representan apenas o 5,72 % do total, moi lonxe dos 250 de 2010, que daquela supoñían o 9,82 %. Non deixa de ser curioso que a edición autonómica, realizada polo Consello da Cultura Galega e a Xunta de Galicia acade os 15 títulos, apenas o 0,85 % de toda a edición en galego de 2014. Tamén é significativa a diminución da publicación das tres universidades, 38 títulos, moi lonxe dos 173 de 2010, o que supón unha diminución do 78,03 %.
Por último, no listado de editores de 2014 nos primeiros postos aparece Xerais con 301 rexistros (17,10 %), Obradoiro con 216 (12,30 %), Anaya con 151 (8,6%) e Galaxia con 141 (8,00 %).”

Fisterra: recital poético e musical en homenaxe á Vaca de Fisterra

OA Vaca de Fisterra Concello de Fisterra, en colaboración cos escritores Modesto Fraga, Xosé Iglesias e Francisco X. Fernández Naval, convoca para o día 19, sábado, ás 17:00 horas, unha marcha poética e musical que partindo da lonxa de Fisterra camiñará ata o faro.
O motivo desta marcha festiva é reivindicar o son do Nautófono, coñecido en toda a bisbarra como A Vaca de Fisterra, así como o mantenemento e conservación da maquinaria deste sinal marítimo sonoro. Ao longo dos anos, os navegantes do mundo e os habitantes da comarca, interiorizaron ese son poñéndolle un nome: a Vaca de Fisterra, por ser o seu berro un bramar semellante ao dunha vaca. O son pasou a formar parte da vida cotián da xente, integrouse nas conversas, fíxose música e os poetas tomárona ou tomáronas, que dúas era as vacas, como referencia nalgunhas das súas composicións.
A reivindicación parte da convicción de que a Vaca é patrimonio inmaterial de todos os habitantes do litoral, ao norte e ao sur de Fisterra, así como do interior, que durante máis de cen anos sentiron o seu bruar nos días e noites de borraxeira, pero tamén, convencidos de que altofalantes e mecanismo que os fai soar, o Nautófono, é patrimonio material, por tratarse dun sinal marítimo do que quedan escasas mostras en funcionamento no territorio peninsular.
Ás 17:00 horas, diante da lonxa de Fisterra, lerase o texto da convocatoria, dando paso a un primeiro recital poético. Ao remate, iniciarase a marcha, precedidos os participantes polo son da gaita e do acordeón de Moncho do Orzán, con dúas paradas para ler textos de adhesión, unha primeira no campo da igrexa de Santa María das Areas, e outra xa na estrada, xunto a escultura do peregrino. Durante o traxecto faranse soar as buguinas.
No faro lerase o texto que contén a reivindicación e que será enviado aos responsables da Actividade Portuaria da Provincia da Coruña, organismo a quen corresponde o funcionamento e conservación do faro. A continuación, e como peche, desenvolverase outro recital.
Exercerá como mantedor o actor César Cambeiro.
Amais dos citados, confirmaron a súa participación: Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de escritoras e escritores en lingua galega (AELG); Juan Alberte, Iolanda Aldrei, Marilar Aleixandre, Concha Blanco, Rocío Blanco Formoso, Fernando Cabeza Quiles, Anxo Cousillas, José Estévez, María José Fernández, Francisco X. Fernández Naval, Modesto Fraga, Mónica Góñez, Serxio Iglesias, Xosé Iglesias, Alex López, Miguel Mato Fondo, Alexandre Nerium, Olga Patiño, Fernando Patricio, Marité Prieto, Xesús Rábade Paredes, X. H. Rivadulla Corcón, Pilar Silva, Francisco Souto, Nolo Suárez, Roberto Traba Velay, Suso Bahamonde, Miguel Vázquez Freire e Helena Villar.”

O escritor Ramón Vilar gaña o XX Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela

DesdeRamón Vilar Landeira La Voz de Galicia:
“O xornalista e escritor Ramón Vilar Landeira, natural de Cerceda, ven de acadar o premio xornalístico Manuel Reimóndez Portela na súa vixésima edición.
O galardón, concedido pola Fundación de exposicións e congresos da Estrada, recoñece unha serie de tres artigos –A vez que me bicaron nunha cabina electoral, As volutas de fume dos habanos e Aquel lume que lles ardía nos ollos– publicados na sección Fóra de cobertura de La Voz de Galicia, na edición de Carballo. O xurado valorou «a frescura, a fluidez e o estilo narrativo que mantén a atención do lector ó longo dos artigos»
Ramón Vilar foi xornalista e columnista en varios xornais e director da revista Vieiros na súa derradeira etapa. Como escritor, obtivo o premio de poesía Rosalía de Castro de Cornellà e o premio Valle-Inclán de relato curto no 2006 coa obra Arrítmicos eran os corazóns. O ano pasado publicou na editorial Xerais a novela Os televisores estrábicos.
A entrega do premio -dotado con 1.000 euros- será o día 25 ás 19:00 horas no recinto da Feira do Moble, nun acto presentado polo presidente da Real Academia de Ciencias de Galicia, Miguel Ángel Ríos.

O profesor Isaac Alonso Estraviz, premio Arraiano Maior 2015

Desde oIsaac Alonso Estraviz Portal Galego da Língua:
“A associação cultural Arraianos concedeu o Prémio Arraiano Maior 2015 ao lexicógrafo Isaac Alonso Estraviz. O galardão será entregue num ato que decorrerá no sábado, 19 de setembro, na capela da Nossa Senhora do Jurês, em Lóvios; e a seguir haverá um jantar de confraternização num restaurante da localidade. Ainda, Estraviz receberá a guilhada e a pucha que o reconhecem como Arraiano Maior, bem como um diploma do coletivo português Porta XIII, premiados na anterior edição.
Da associação destacam o lexicógrafo como «pessoa de bem, referente ético e comprometido com a cultura e o territorio arraiano» e salientam o seu «trabalho sem descanso» para que o galego recuperasse o seu esplendor. (…)”

A esmorga cruza fronteiras

DesdeA Esmorga filme Galaxia:
“O filme baseado na novela de E. Blanco Amor acaba de ser seleccionado para participar na Sección Oficial a competición do “XX Festival du Film Espagnol de Toulouse” (Francia). A cinta de Ignacio Vilar, A esmorga, proxectarase os vindeiros 6 e 9 de outubro e estará arroupada no Festival pola presenza do director, Ignacio Vilar, e o actor Antonio Durán “Morris”.
Logo dun verán de pases ao aire libre por toda Galicia, como xa vén sendo habitual nas longametraxes de Vía Láctea Filmes, a historia do Cibrán, o Bocas e o Milhomes segue a conquistar o público galego. Concretamente ao pase que tivo lugar o pasado sábado 12 de setembro no Castelo da Guarda (Pontevedra) asistiron preto de 1.000 espectadores, que ademais tiveron a oportunidade de participar nun coloquio posterior á proxección co director, Ignacio Vilar, e o actor Antonio Durán “Morris”.
Tendes máis información aquí.”

A Coruña: obradoiro O ollo da Arte (I), impartido por Antía Otero

O ollo da Arte. I é un obradoiro de creación artística contemporánea impartido por Antía Otero, onde coñecer, descubrir e compartir a práctica contemporánea a través dunha mirada propia.
Para participar non se precisa ningunha experiencia previa e está destinado a todas as persoas que están interesadas no feito artístico, xa sexa desde o punto de vista do espectador como da acción. Neste obradoiro crearase a través dun programa definido, un espazo de convivencia ao redor da teoría e da práctica propoñendo ferramentas que axuden ao descubrimento do propio proceso artístico e fomentando o desenvolvemento das capacidades e habilidades artísticas de cada participante.
Buceando en disciplinas moi diversas que van desde a fotografía ao collage, ou do video á arte urbana, pasando por outras como a performance ou o cinema experimental e a literatura, en O ollo da Arte plantexamos un programa aberto que, dividido en sesións teóricas e prácticas, nos permita ampliar referentes sendo máis conscientes do acto creativo, da experiencia, do debate e da aprendizaxe grupal.
Tod@s aqueles e aquelas que participen en O ollo da Arte I no primeiro cuadrimestre poderán continuar a experiencia no Ollo da Arte II. Laboratorio de Creación durante o segundo cuadrimestre. Entre outras cuestións, afondaremos nos contidos iniciados na primeira parte e plantexarase un laboratorio de creación, coa fin de crear un marco idóneo no que cada participante poida transitar os seu propio proceso artístico. Os traballos resultantes serán presentados a finais de xullo nunha Mostra aberta ao público en Normal.
Pódese coñecer un pouco máis de preto o universo de O ollo da Arte a través deste vídeo…

Datas: todos os luns entre o 5 de outubro de 2015 e o 8 de febreiro de 2016.
Horario: de 19:00 a 21:00 horas (30 horas en total).
Lugar: Cubo de NORMAL.
Prezos: 35€ comunidade universitaria da UDC (25€ en segunda matrícula), persoas desempregadas e xubiladas / 55€ público xeral (45€ en segunda matrícula)
Créditos solicitados: 2 créditos libre elección (plans antigos), 1 crédito recoñecemento (plans novos)
Participantes: máximo de 15 persoas.
O prazo de matrícula e pagamento comprende desde o día 14 de setembro até o 2 de outubro. Pode facerse directamente nesta plataforma en liña.

Máis información en:
NORMAL. Espazo de intervención cultural da UDC. Paseo de Ronda 47, A Coruña.
TF: 981 167 000, extensión 4502 Mail: info@istoenormal.org

A RAG celebra os cen anos de Xose María Álvarez Blázquez

DesdeHomenaxe a Xosé María Álvarez Blázquez o Diario Cultural da Radio Galega:
“A RAG celebra os cen anos de Xose María Álvarez Blázquez coa relectura do seu libro de poemas Canle segredo. A nova completa pode escoitarse aquí.”