A Coruña: coloquio arredor de Galicia, distrito industrial, de Antón Baamonde

O 8 de outubro, ás 13:30 horas, na Cidade das TIC, na Coruña, no evento Conexión Maker Fair Galicia, celebrarase un coloquio arredor de Galicia, distrito industrial, de Antón Baamonde, publicado por Galaxia. Acompañando o autor, estarán Xandre Bastos (AIMEN) como moderador; Daniel Hermosilla, CEO de Rodiñas; e Pilar Vilar (Forensic & Security).

Samuel Merino: a voz reflexiva que conquista o VII Premio ‘Nacional de Poesía Viva #LdeLírica’

Desde Estandarte:
“O pontevedrés Samuel Merino foi proclamado gañador da sétima edición do Premio Nacional de Poesía Viva #LdeLírica, organizado por Ámbito Cultural de El Corte Inglés. Nunha convocatoria que reuniu máis de 500 poetas de toda España, Merino impúxose cunha obra que conxuga profundidade filosófica, sensibilidade escénica e unha ollada contemporánea sobre a palabra poética. (…)
Como parte do recoñecemento, Merino protagonizará o vindeiro 10 de outubro unha gala poética no Museo Nacional Thyssen-Bornemisza, acompañado por figuras de altura internacional como o poeta surcoreano Ko Un, os actores Ginés García Millán e Silvia de Pé, a cantautora Guada e a poeta Annët Batlles, gañadora do Premio #LdeLírica 2024 e recente vencedora do Poetry Slam de España.”

Letra das Festas. Revista oral do San Froilán 2025. Chegaron de lonxe: a poboación inmigrante no San Froilán

A Letra das Festas. Revista oral do San Froilán 2025. Chegaron de lonxe: a poboación inmigrante no San Froilán, é unha actividade organizada pola Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

Terá lugar o martes, terza feira, 7 de outubro, ás 19:00 horas, no Auditorio do Centro Cultural Vello Cárcere (Praza da Constitución, s/n). A entrada é de balde até completar capacidade.

Interveñen:
Luz Darriba.
– Julieta Insagaray.
– Kike de Vidal.
– Leo Zordán.

Ambientación musical:
– Vadim Yukhnevich.

Conduce:
Lois Pérez.

Compostela: actividades dos 6 e 7 de outubro na SELIC 2025

Eugénio Outeiro, Cláudia Morán e Manolo Broa gañan os Premios Johan Carballeira do Concello de Bueu

Desde o Concello de Bueu:
“Eugénio Outeiro Lojo, Cláudia Morán e Manolo Broa son os gañadores dos Premios Johan Carballeira convocados polo Concello de Bueu. Os xurados, reunidos este sábado 4 de outubro pola mañá, acordaron conceder o premio na categoría de poesía a Eugénio Outeiro Lojo coa obra Réquiem; e a Cláudia Morán e Manolo Broa coa reportaxe ‘Convivir co lume. O baleiro que arde: un territorio a mercé do lume’, publicada orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do Nós Diario.
O xurado do premio na modalidade de poesía compuxérono Xosé Luís Mosquera, poeta e gañador da edición anterior, Silvia Penas, poeta, e Manuel Forcadela, crítico literario, escritor e profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Da lectura dos 44 poemarios presentados, o galardón concedeuse á obra de Outeiro Lojo, da que se sobranceou que “está ben artellada e moi acaída para o significado do premio convocante, cunha estrutura e arquitectura poética traballada, delicado no tratamento, nada panfletario que engancha por unha musicalidade evidente, de vocación trobadoresca e que conecta coa oralidade”. Así mesmo, trátase dunha poética máis clásica e diferente da cultivada na actualidade e que formula unha proposta de verdadeiro acto de memoria histórica.
Pola súa banda, o xurado na categoría de xornalismo estivo composto por Lois Pérez, gañador da anterior edición, Diana López Varela, xornalista pontevedresa, e Manuel A. Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos de Johan Carballeira. De entre os dezaseis traballos presentados ao certame, a gañadora foi a reportaxe de Cláudia Morán e Manolo Broa, de cuxo traballo o xurado valorou “a análise das aldeas sen case veciñanza, cunha perspectiva orixinal sobre os tópicos do lume”. A reportaxe establece a correlación entre o despoboamento e os incendios, e o contraste entre o urbano e o rural, así como as distintas vagas de lumes. Atópase, ademais, a análise entre a responsabilidade cidadá e política e o impacto sobre o territorio, ofrecendo unha visión directa do conflito e establecendo unha progresión eficaz no contido da reportaxe. A perspectiva trasloce un proxecto máis global, no que se achegan datos e contexto a un problema non sinxelo como é o despoboamento do rural e os incendios. Chama á reflexión dun xornalismo que reivindica o valor fundamental como elemento democratizador e emancipador da cidadanía contribuíndo á súa autonomía e conformador do espírito crítico.
O xurado desta categoría ademais fixo unha mención especial do traballo presentado por Míriam Ferradáns Ferradás titulado Altri e a erosión da identidade galega: cando o monocultivo enterra a memoria, publicado no Nós Diario.
A entrega dos premios vai ter lugar nun acto público que se celebrará ao longo deste ano. (…)”