“O
mércores
comeza a Feira do Libro de Fráncfort e Galicia estará presente a través do traballo de 19 das súas editoras. Ademais, a Xunta presentará a súa colección Galician Classics, e dará a coñecer dúas novidades recentes, como son as traducións ao inglés da poesía de Lois Pereiro, homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas, e de Xente de aquí e de acolá, de Álvaro Cunqueiro, baixo o título de Folks from Here and There. O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, presentará estas dúas novidades o vindeiro venres.” Vía La Voz de Galicia.
A relación de editoriais que forman parte do expositor institucional son: Edicións Tambre, Edicións Xerais de Galicia, Biblos, Ir Indo Edicións, Kalandraka Editora, Nova Galicia Edicións, Editorial Galaxia, Hércules de Ediciones, Editorial Everest, Espiral Maior, Editorial Toxosoutos, Baía Edicións, Ideaspropias Editorial, OQO Editora, Ediciones Linteo, Edicións Embora, Andavira Editora, Rinoceronte Editora e Alvarellos Editora. (Vía Galaxia).
Madrid: As editoras galegas amosan o seu traballo en Liber
“O
posto da Asociación Galega de Editores, con novidades de 26 firmas galegsas, é o principal punto de respresentación deste sector na Feira Internacional do Libro Liber. O evento, que arrincaba onte en Madrid a súa XXIX Edición, conta asimesmo coa presenza dun posto propio de Kalandraka, Nova Galicia e de Ideaspropias editorial, mentres as tres universidades e a Fundación Barrié contan cun espazo compartido con outras institucións académicas. O Consello da Cultura Galega comparte espazo do Institut d’estudis Cataláns. As firmas representadas pola Asociación de Editores son Editorial Netbiblo, Edicións Tambre, Edicións Xerais de Galicia, Rodeira–Edebé, Ir Indo Edicións, Kalandraka Editora, Nova Galicia Edicións, Editorial Galaxia, Hércules de Ediciones, Editorial Everest, Editorial Toxosoutos, Baía Edicións, Ideaspropias Editorial, OQO Editora, El Patito Editorial, Ediciones Linteo, Edicións Embora, Andavira Editora, Alvarellos Editora, Edicións Nigra Trea, Primera Persona, KNS, Espiral Maior, Biblos, Edicións do Cumio e Embora. Pola súa banda, a coruñesa Ediciones del Viento inclúe a súa produción no posto do Gremio de Editores de Madrid, mentres Tambre vai no posto do Grupo Editorial Luís Vives e Xerais está tamén representada no posto do grupo Anaya.” Vía Cultura Galega.
Chegou xa ás librerías Bretemada, poemario inédito de Gonzalo López Abente
Chegou
xa ás librarías Bretemada, un poemario inédito do escritor muxián Gonzalo López Abente publicado conxuntamente pola Fundación López Abente e a Editorial Alvarellos na Colección Rescate. O manuscrito orixinal do ano 1922, integrado por cen poemas, atopábase na Real Academia Galega, que permitiu a edición a cargo de Miro Villar con limiar de Xosé Luís Méndez Ferrín. Gonzalo López Abente, escritor e activista cultural a quen en 1971 se lle dedicou o Día das Letras Galegas, escribiu os poemas de Bretemada (unha metonimia de Galicia) entre os anos 1917 e 1922.
Santiago: presentación da obra poética completa de Xosé Lois García
O
martes 11 de outubro, ás 19:45 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntanse Por ninguén aloumiñada e No sangue dos bardos, os dous tomos que conforman a obra poética completa de Xosé Lois García, publicados en Toxosoutos. No acto, acompañando ao autor, participan Héitor Picallo, Uxío Novoneyra Rei e David González Couso.
Pontedeume: Homenaxe a Ramiro Fonte, o domingo 9 de outubro ás 12:30 horas
Con
motivo do terceiro cabodano, o recordado Ramiro Fonte será homenaxeado o próximo domingo 9 de outubro, ás 12:30 horas, na praza das Angustias (en Pontedeume), onde viviu durante a súa infancia. Alí descubrirase unha placa e leranse algúns dos seus poemas por Euloxio Regueira, Cristina Fraga, Ainé Chao Valera e Xosé María Álvarez Cáccamo. Neste acto participará tamén a súa compañeira, Elsa Baluja.
A iniciativa pretende ser unha reivindicación popular do valor literario deste autor e nace coa intención de converterse nunha cita anual. “Non nos gustaría que a súa obra puidese caer no esquecemento ou ser usada en beneficio de vaidades persoais ou de institucións”, indican os organizadores. “A súa obra é un patrimonio cultural. É de todos vós, lectores. E como amigos de Ramiro, queremos axudar a que a xente se achegue a ela e a coñeza”, engaden. “Ramiro teimaba en que a tarefa artística fose un camiño individual e libre, en que o intelectual non se deixase condicionar polos ditados do mercado nin servir intereses espurios”.
Este acto estará complementado por diversas actividades de divulgación da súa figura.
Fene: o venres 7 de outubro remata o prazo para participar no obradoiro literario da Biblioteca Municipal, coordinado por Eduardo Estévez
Até
o venres 7 de outubro está aberto o prazo de matrícula para participar na edición 2011-2012 do obradoiro literario que coordina o poeta Eduardo Estévez na Biblioteca Municipal de Fene.
Este obradoiro comezou a súa andaina hai xa máis de once anos cun grupo que medra e se renova cada ano. Nestes anos, contamos como propios diversos premios literarios obtidos polos participantes do obradoiro no Francisco Añón, nos relatos de verán da Voz de Galicia ou no Avelina Valladares. Dúas participantes do obradoiro publicaron o seu primeiro libro individual e outros dous están a agardar no prelo.
O traballo desenvólvese en sesións semanais nos que os participantes amosan o seu traballo para propiciar, arredor del, un debate literario. Froito do debate vanse poñendo sobre a mesa os diferentes aspectos técnicos da construción do texto. Non se trata, xa que logo, de sesións teóricas senón dun traballo eminentemente práctico. Ademais, contamos coa visita de escritores e escritoras que se achegan ao obradoiro para compartir a súa experiencia.
Este ano, asemade, o obradoiro contará coa participación de tres escritoras que colaborarán na coordinación de algunhas das sesións: Antía Otero, Dores Tembrás e Elvira Riveiro Tobío.
Entrevista a Agustín Fernández Paz en Radio 5
Desde
o blog de Galix:
“Deixamos aquí o link á entrevista en Radio 5 que lle fixeron o pasado 26 de setembro ao noso querido Agustín Fernández Paz. Fala sobre a súa experiencia como docente, sobre a súa intención de mudar o mundo a través da educación, sobre o oficio de escritor, a paixón de crear… É un luxo escoitalo“.
Armando Requeixo: Novela negra galega
Artigo
de Armando Requeixo no seu blog, Criticalia, sobre a Novela negra galega:
“(…) Pois ben, quixera agora retomar o tema para sinalar, máis por extenso, os que, a meu parecer, son os trazos definitorios desta realidade literaria na Galicia dos nosos días.
– 1) Tal como eu o vexo, non hai, falando con propiedade, boom ningún deste tipo de escrita entre nós. Existe, si, un meridiano maior cultivo, pero sen que iso chegue a constituír unha deriva sistémica nucleadora.
– 2) As causas deste progresivo maior cultivo creo que son tanto de natureza esóxena coma endóxena. Entre as primeiras a máis evidente sería a da influencia que, tamén entre nós, tivo o éxito dos narradores nórdicos, convertidos en best sellers de consumo mundial, o que explica que as nosas editoras e autores puidesen barallar a oportunidade de potenciar unha escrita deste xorne. Canto ás segundas, eu destacaría dúas: dunha banda, a narrativa negra apenas se cultivou antes das últimas dúas décadas, o que seguramente moveu as empresas de edición e os escritores a tentar aterraplenar ese espazo sistémico que se vía desasistido, procurando así a desexable normalización da oferta. Doutra parte, non hai que esquecer que a ambientación espacial e todo o background vivencial que aerosoliza o contexto no que se desenvolven estas historias ten un maior correlato verosímil nunha Galicia como a destes comezos do século XXI, pois dificilmente podían acontecer certas aventuras propias do xénero no país de hai trinta anos (e de feito esta falta de credibilidade foi unha das críticas que adoito se sinalaron ás primeiras obras desta clase), o que tamén explicaría que sexa na actualidade cando máis abrollan as novelas negras.
Sexa como for, cómpre congratulármonos pola aparición deste xénero de obras, pois a nosa literatura medra e faise forte tamén coa súa existencia, para ben de todas as lectoras e lectores.”
Muxía: presentación de O noso amor será eterno, de Xosé Henrique Rivadulla Corcón
O
sábado 8 de outubro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos do Voluntariado de Muxía, preséntase a novela O noso amor será eterno, de Xosé Henrique Rivadulla Corcón, publicada en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Félix Porto, Viki Rivadulla, Miro Villar e Manuel Bragado. O acto está organizado pola editorial e a Fundación Gonzalo López Abente.
Ponteceso: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón
O
venres 7 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría A Tenda dos Libros (Avenida de Anllóns, 2, baixo) na Trabe (Ponteceso), preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto participan, co autor, Silvana Castro e Pepe Alborés.