Fene: o venres 7 de outubro remata o prazo para participar no obradoiro literario da Biblioteca Municipal, coordinado por Eduardo Estévez

Até o venres 7 de outubro está aberto o prazo de matrícula para participar na edición 2011-2012 do obradoiro literario que coordina o poeta Eduardo Estévez na Biblioteca Municipal de Fene.
Este obradoiro comezou a súa andaina hai xa máis de once anos cun grupo que medra e se renova cada ano. Nestes anos, contamos como propios diversos premios literarios obtidos polos participantes do obradoiro no Francisco Añón, nos relatos de verán da Voz de Galicia ou no Avelina Valladares. Dúas participantes do obradoiro publicaron o seu primeiro libro individual e outros dous están a agardar no prelo.
O traballo desenvólvese en sesións semanais nos que os participantes amosan o seu traballo para propiciar, arredor del, un debate literario. Froito do debate vanse poñendo sobre a mesa os diferentes aspectos técnicos da construción do texto. Non se trata, xa que logo, de sesións teóricas senón dun traballo eminentemente práctico. Ademais, contamos coa visita de escritores e escritoras que se achegan ao obradoiro para compartir a súa experiencia.
Este ano, asemade, o obradoiro contará coa participación de tres escritoras que colaborarán na coordinación de algunhas das sesións: Antía Otero, Dores Tembrás e Elvira Riveiro Tobío.

Entrevista a Agustín Fernández Paz en Radio 5

Desde o blog de Galix:
“Deixamos aquí o link á entrevista en Radio 5 que lle fixeron o pasado 26 de setembro ao noso querido Agustín Fernández Paz. Fala sobre a súa experiencia como docente, sobre a súa intención de mudar o mundo a través da educación, sobre o oficio de escritor, a paixón de crear… É un luxo escoitalo“.

Armando Requeixo: Novela negra galega

Artigo de Armando Requeixo no seu blog, Criticalia, sobre a Novela negra galega:
“(…) Pois ben, quixera agora retomar o tema para sinalar, máis por extenso, os que, a meu parecer, son os trazos definitorios desta realidade literaria na Galicia dos nosos días.
– 1) Tal como eu o vexo, non hai, falando con propiedade, boom ningún deste tipo de escrita entre nós. Existe, si, un meridiano maior cultivo, pero sen que iso chegue a constituír unha deriva sistémica nucleadora.
– 2) As causas deste progresivo maior cultivo creo que son tanto de natureza esóxena coma endóxena. Entre as primeiras a máis evidente sería a da influencia que, tamén entre nós, tivo o éxito dos narradores nórdicos, convertidos en best sellers de consumo mundial, o que explica que as nosas editoras e autores puidesen barallar a oportunidade de potenciar unha escrita deste xorne. Canto ás segundas, eu destacaría dúas: dunha banda, a narrativa negra apenas se cultivou antes das últimas dúas décadas, o que seguramente moveu as empresas de edición e os escritores a tentar aterraplenar ese espazo sistémico que se vía desasistido, procurando así a desexable normalización da oferta. Doutra parte, non hai que esquecer que a ambientación espacial e todo o background vivencial que aerosoliza o contexto no que se desenvolven estas historias ten un maior correlato verosímil nunha Galicia como a destes comezos do século XXI, pois dificilmente podían acontecer certas aventuras propias do xénero no país de hai trinta anos (e de feito esta falta de credibilidade foi unha das críticas que adoito se sinalaron ás primeiras obras desta clase), o que tamén explicaría que sexa na actualidade cando máis abrollan as novelas negras.
Sexa como for, cómpre congratulármonos pola aparición deste xénero de obras, pois a nosa literatura medra e faise forte tamén coa súa existencia, para ben de todas as lectoras e lectores.”

Muxía: presentación de O noso amor será eterno, de Xosé Henrique Rivadulla Corcón

O sábado 8 de outubro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos do Voluntariado de Muxía, preséntase a novela O noso amor será eterno, de Xosé Henrique Rivadulla Corcón, publicada en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Félix Porto, Viki Rivadulla, Miro Villar e Manuel Bragado. O acto está organizado pola editorial e a Fundación Gonzalo López Abente.

Ponteceso: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón

O venres 7 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría A Tenda dos Libros (Avenida de Anllóns, 2, baixo) na Trabe (Ponteceso), preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto participan, co autor, Silvana Castro e Pepe Alborés.

Marín: presentación de Loita e clases e represión franquista no mar, de Dionísio Pereira

O venres 7 de outubro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal de Marín (Rúa Ourense, 8), preséntase o libro Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939), Dionísio Pereira, publicado en Xerais. No acto participan, co autor, Carlos Velasco e Xosé Manuel García Crego.

Vigo: Mesa redonda de narrativa, no VI Ciclo Escritoras/es na Universidade

O xoves 6 de outubro, ás 12:00 horas, no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, comeza o VI Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, baixo o lema Literatura galega hoxe (alba de gloria ou solpor dos deuses): poesía, narrativa, teatro. Os escritores/as perante a crise, cunha Mesa redonda de narrativa, coa participación de Marilar Aleixandre e Bieito Iglesias, presentados por Camiño Noia. O acto de inauguración contará coa presenza do Secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e da escritora Marta Dacosta en representación da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Pontevedra: faladoiro Os intelectuais galegos e o franquismo

O xoves 6 de outubro, ás 20:00 horas, no Sexto Edificio do Museo de Pontevedras, terá lugar un novo faladoiro organizado polo Consello da Cultura Galega, dentro do Ano Cunqueiro, baixo o título Os intelectuais galegos e o franquismo, coa participación de Xesús Alonso Montero, Luís Cochón, Xosé Fortes e Olivia Rodríguez, coordinados por Henrique Monteagudo.

La Opinión: “A AELG crea a Escola de Escritores para fomentar o compromiso coa lingua galega”

“(…) O presidente da AELG considera que a asociación que preside “podería ser útil neste momento” para cumprir a función de normalizar a lectura e a escritura en Galicia. “A nosa idea é procurar entre os mozos e mozas de últimos anos de estudos medios ou primeiros da universidade esa paixón pola escritura, poder compartir con eles a creación literaria”, afirmou Cesáreo Sánchez. Os obradoiros están destinados a persoas maiores de 16 anos e con eles a AELG pretende, segundo di nun comunicado, proporcionar estratexias para a escrita de ficción, afondar nos motivos que alimentan a literatura, crear unha capacidade de observación, reflexión e intercomunicación no propio interior, concienciar á sociedade da necesidade de estimulación creativa e poñer en valor as olladas subxectivas xeradoras de materia prima literaria. Cesáreo Sánchez sinala que o máis importante é “inicialos na escrita, e que isto leve a que de aí saian futuros escritores e non só iso, senón que se formen persoas que saiban escribir ben e comunicar o que pensan con calidade literaria”.
O primeiro dos talleres da Escola de Escritoras e Escritores terá lugar na Coruña e correrá a cargo da poeta Antía Otero, aínda que a AELG mantén conversas con moitos concellos galegos para levar eses obradoiros por toda a comunidade. En Lugo, segundo afirmou Sánchez, “case con total seguridade impartirán un curso Antonio Reigosa e Isidro Novo, e en Pontevedra realizarase un de literatura infantil e xuvenil”. A Escola de Escritores da AELG, explica o seu presidente, “pretende transmitir, como primeiro valor, a liberdade creadora”, e cos obradoiros tentarán “potenciar as capacidades interiores que xa existen na propia persoa, fomentar o mundo poético, en canto que mundo persoal e interior de cada un”. O presidente da asociación revelou que “haberá obradoiros de escrita creativa, sen separar en xéneros, porque cada un camiñará cara a certos xéneros. Crear literatura é un exercicio de liberdade interior”, apuntou. A Asociación de Escritores en Lingua Galega amosou o seu apoio aos medios de comunicación en galego: “Galicia necesita xente comprometida coa lingua, é un acto deplorable o peche de xornais”, dixo Cesáreo Sánchez, quen afirmou que “é un acto de responsabilidade coa lingua apoiar aos medios de comunicación en galego, aos galegofalantes vainos a vida en ter unha prensa nesta lingua”. Os escritores en galego confirmaron o seu apoio “tanto os medios como os traballadores deses medios, xa que dalgún xeito a nosa razón de ser é tamén que haxa xornalistas en galego”, concluíu Sánchez.” Vía La Opinión.