O venres
24 de setembro, a partir das 20:30 h., no Museo Ramón María Aller Ulloa, en Lalín, preséntase o libro de narrativa de Xosé Vázquez Pintor Máis vidas, publicado por Espiral Maior. No acto intervirá, co autor, o poeta e editor Miguel Anxo Fernán-Vello, tendo lugar despois un recital de canto e de piano, coa cantareira Begoña Fernández Lorenzo e o músico e escritor Iago Mouriño.
Xurxo Sierra Veloso obtén con Os fíos o IV Premio de narrativa breve Repsol
Xurxo Sierra Veloso gañou
o IV Premio de narrativa breve Repsol coa súa obra Os fíos, dotado con 9000 euros. O xurado, composto por Francisco Pillado, Modesto Hermida, Xosé Luís Axeitos, María Canosa e Carlos Lema, valorou da obra gañadora “a súa ironía, a pulida e traballada narrativa do autor, a orixinalidade no tratamento literario, así como o xogo de distanciamento orixinal, que resulta sempre moi intelixente, sendo esta unha obra que deixa sempre un espazo aberto ao lector ou lectora”. A esta edición presentáronse un total de 41 orixinais e inéditos, o que representa o maior número desde a súa creación.
Iolanda Zúñiga: “Os tempos son chegados, tamén para a ficción”
Entrevista a Iolanda Zúñiga en La Voz de Galicia (vía Xerais).
Xornal: “Os editores galegos lémbranlle á Xunta o valor estratéxico do libro”
(Xornal)
Ourense: presentación de Filhos da brêtema, de Artur Alonso Novelhe
O
xoves 23 de setembro, a partir das 20:00 h., Artur Alonso Novelhe presenta Filhos da brêtema, publicado por Edições da Galiza, na Livraria Torga de Ourense (rúa da Paz, 12, baixo).
Inma López Silva gaña o certame literario Pousadas de Compostela
Inma
López Silva adxudicouse o primeiro premio do certame literario Pousadas de Compostela, cun relato titulado O despacho de Molly Bloom. En pouco tempo Pousadas de Compostela lanzará unha edición trilingüe, en galego, castelán e inglés da obra gañadora e da finalista, premiadas respectivamente con 3000 e 1000 euros. O relato que acadou a segunda posición do certame titúlase Codex Calixtinus, obra de Carmen Simón. Segundo os membros do xurado, John Rutherford –que non puido asistir á velada–, Gonzalo Navaza, Luís Manuel García Mañá, Luz Méndez e Xosé Luís Barreiro Rivas, tanto o relato gañador como o finalista do concurso “manteñen extraordinariamente a tensión narrativa”.
Víctor F. Freixanes: “A edición vive a tormenta perfecta”
Entrevista
a Víctor F. Freixanes no Xornal:
“Xornal (X): Que conta Víctor Freixanes nesta novela chamada Cabalo de ouros?
Víctor F. Freixanes (VF): Trátase dunha novela centrada na época do volframio na Galicia do 49 ao 51, aproximadamente. Hai unha partida de cartas que dura tres días e tres noites entre un grupo de sete persoas cun capitán xogador, un vello alcalde do interior e un cura. Ese sería o núcleo da novela, pero é unha historia que resulta complexa porque se hai sete personaxes, hai sete vidas, hai sete historias. As historias entrecrúzanse, hai unha aventura de amor e unha parábola do país. A novela está construída como un cantar de cegos. (…)
X: Dezasete anos sen publicar unha novela. Por que agora?
VF: Eu escribo moito, pero publico pouca ficción. Escribo moito sobre investigación, estudos e literatura gris. De ficción, moi pouco porque é onde máis son eu. Na ficción atópome comigo, coas miñas pantasmas, coa miña visión de país. E cando escribo ficción, vexo a outra cara da moeda. Aínda así, teño catro ou cinco libros comezados. Este libro ía ser un conxunto de contos, pero atopei que no primeiro deles había unha novela que é a que finalmente sae agora. Os contos quedarán para outra ocasión. Cando escribes, de cando en vez volves, sobre as túas historias porque na literatura hai algo de diván de psiquiatra e algo de fuxida, unha especie de escape a outros mundos.
X: Falar con Freixanes, ademais de falar cun escritor, é falar cun editor. Non hai moito o presidente da Asociación de Editores, Manuel Bragado, advertía de que a edición en Galicia ía baixar un 20%. Son moi malos tempos para os libros?
VF: Probablemente sexa así, pero non é só un problema galego, senón que é algo xeral. E tamén hai que ter en conta que baixa o libro, pero tamén baixa a produción audiovisual ou da música. O mundo da produción cultural vive e vivirá momentos de recesión ou, polo menos, de austeridade. A edición vive unha tormenta perfecta porque agora temos uns factores políticos, económicos, financeiros e lingüísticos e temos unhas circunstancias de consumo e de novas tecnoloxías que a provocan.”
María do Carme Kruckenberg: “Non podo esquecer a desolación que vin nos países comunistas”
Entrevista
a María do Carme Kruckenberg en Xornal:
“Xornal (X): Cales son a estrutura e a temática d’A voz da auga?
María do Carme Kruckenberg (MCK): O libro está composto de poemas curtos divididos en catro partes: primavera, verán, outono e inverno. Estes poemas están pensados xa dende o ano 1997, en que fixen a primavera e o verán, e este ano rematei o outono e o inverno para facer un libro. A temática é a auga, pero a auga en moitos sentidos: a auga que un sente, a auga que unha persoa é, o recordo dos ríos, das fontes, do mar…
X: Este é o seu derradeiro poemario?
MCK: Si, este é o último, con el penso pechar a temática poética da miña vida, e xa non escribirei máis poesía. É o último porque hai outro libro meu, entregado a Galaxia que aínda non está publicado, pero está feito antes deste.”
A porta verde do sétimo andar: “Poesía en galego e para Galiza”
(Xornal)
Bases do V Certame de poesía erótica Illas Sisargas
Publicadas as bases do V Certame de poesía erótica Illas Sisargas, ao que se poderán presentar obras até o 15 de outubro:
“Dando continuidade ao que xa se está a converter nunha tradición na convocatoria poética en lingua galega, o Concello de Malpica de Bergantiños e a Asociación Cultural Caldeirón convocan o V Certame de poesía erótica “Illas Sisargas”, de acordo coas seguintes:
BASES
PRIMEIRA. Poderán optar ao premio tódolos autores de calquera nacionalidade, que presenten obras inéditas de temática erótica e non premiadas con anterioridade, escritas en lingua galega.
SEGUNDA. Os convocantes establecen un premio único e indivisible dotado con 1.000 euros e a publicación da obra premiada, reservándose durante un prazo de dezaoito meses os dereitos de editala, e entregarán ao gañador trinta exemplares.
TERCEIRA. As obras que serán de temática erótica, terán unha extensión inferior a seiscentos versos, e presentaranse por triplicado, en exemplares separados, en tamaño DIN A4, por unha soa cara, numerados, grampados ou encadernados. As obras presentaranse baixo un título e un lema, achegados de plica na que conste o título e o lema no seu exterior e contendo no interior o nome e apelidos do autor, o seu enderezo, nacionalidade e número de teléfono.
CUARTA. O prazo de admisión de orixinais remata o día 15 de outubro de 2010, e deberán enviarse ó Concello de Malpica de Bergantiños: Avenida Emilio González López 1, 15113 Malpica de Bergantiños, indicando no sobre “V Premio de poesía erótica Illas Sisargas”.
QUINTA. O xurado estará presidido por un representante do Concello de Malpica proposto e nomeado polo Alcalde-presidente do Concello de Malpica de Bergantiños, un representante da Asociación Cultural Caldeirón proposto polo Presidente desta entidade e nomeado polo Alcalde-Presidente do Concello de Malpica de Bergantiños e o gañador/a do certame inmediatamente anterior a esta convocatoria, nomeado polo Alcalde-Presidente do Concello de Malpica de Bergantiños, quen poderá ser substituído por outra persoa no caso de que non lle fose posible acepta-la súa participación; actuará como secretario o da corporación ou funcionario no que delegue. A composición do xurado farase pública con anterioridade á súa reunión, co fin de que se poidan interpor, se é o caso, os recursos legais pertinentes.
SEXTA. Os participantes terán a obriga de comunicar ó Concello de Malpica de Bergantiños a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada, no momento no que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do concurso. O xurado actuará en pleno, en sesión a ser posibel única, sendo necesaria a asistencia dos dous tercios dos seus membros. As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente. O premio poderá ser declarado deserto ou compartido “ex aequo” por varios autores/as se o xurado o estima conveniente e a súa proposta será obxecto de resolución do Alcalde – Presidencia do Concello de Malpica, que é o órgano competente para resolve-lo premio. A decisión do xurado terá lugar no mes de novembro de 2010 e darase a coñecer nos distintos medios de comunicación, no marco da Cea das Letras, na cal deberá estar presente o gañador do certame. A plica correspondente á obra que resulte gañadora poderá ser aberta polo secretario do xurado co fin de que, se o seu autor o permite, poida darse a coñece-lo nome do gañador/a.
SÉTIMA. Non se manterá correspondencia sobre as obras presentadas. Agora ben, os interesados poderán retirar das oficinas do Concello de Malpica, Departamento de Educación e Cultura, as obras non premiadas no mes seguinte ao fallo do xurado a partir do día seguinte serán destruidas.
OITAVA. A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.
Malpica de Bergantiños, 22 de xuño de 2010.
O ALCALDE – PRESIDENTE,
José Ramón Varela Rey.”