Vigo: recital A hostia en verso, con poesía, música e artes plásticas

O sábado 25 de setembro, ás 21:30 horas, terá lugar no Café Golem (Churruca, Vigo) un combate lírico que enfrentará a Ledicia Costas, Daniel Landesa, Laura Sáez, David Rodríguez, Lara do Are e Miguel Valverde, baixo o nome de A hostia en verso. O acto será unha divertida velada na que ambos equipos se enfrontarán para gañar o favor do público e estará presentado polas poetas Lucía Aldao e María Lado. Contarán tamén coa intervención musical do Leo i Arremecághona, e a das artistas plásticas Antía Sánchez e María Longa, que realizarán senllas obras en directo. Haberá tamén ricos e gratuítos petiscos para o público asistente, que se verá reconfortado coa posibilidade de votar el mesmo o equipo gañador ao longo dos tres asaltos que compoñen este singular combate.

Folgoso do Courel: Emilio Cao homenaxea a Novoneyra

O sábado 25 de setembro ás 18:30 h., na Ferrería Nova de Seoane, no Concello de Folgoso do Courel, terá lugar a presentación de Interseccións, o inconcluso proxecto conxunto que desenvolveran no seu día Uxío Novoneyra e Emilio Cao, e que se retoma co propio músico, Branca Novoneyra no recitado, Carme Rey na voz e Manuel Gutiérrez no piano. Este acto forma parte do festival Espazos Sonoros, organizado pola Consellería de Cultura.

Silvia Bardelás: “En Alemaña gustou que tocase un tema universal”

Entrevista a Silvia Bardelás en La Voz de Galicia:
“La Voz de Galicia (LVG): As Médulas é unha metáfora?
Silvia Bardelás (SB): Si, é unha paisaxe que me viña moi ben para explicar a situación das personaxes que están metidas como entre paredes que son as montañas do Bierzo. Por outra banda, son as médulas dos catro personaxes tamén, que o narrador métese nelas. (…)
LVG: Vostede dirixe un blog literario e vive en Madrid. ¿Dende esa perspectiva como ve a literatura actual galega?
SB: Vexo que está demasiado comercializada e ten que apostar por cousas novas e dalas. Hai unha tradición literaria moi boa en Galicia e a lingua está moi ben para escribir.
LVG: ¿Quere dicir que lle falta frescura?
SB: Non quero dicir que non haxa ideas frescas, pero quizais hai que apoialas máis, aínda que iso tamén ocorre a nivel mundial.”

Ribeira: presentación do especial A Voz de Barbantia

O venres 24 de setembro, ás 20:30 h., no auditorio de Ribeira, a Asociación Cultural Barbantia, La Voz de Galicia e o Concello de Ribeira presentan o especial A Voz de Barbantia, que recompila os números que van do 26 ao 50 do suplemento cultural que se edita co xornal La Voz de Galicia o último venres de cada mes. No acto estarán presentes Antón Riveiro Coello, presidente de Barbantia; X. Ramón Ares Noal, delegado no Barbanza de La Voz de Galicia; Xesús Laíño, socio de Barbantia; e José Luís Torres Colomer, alcalde de Ribeira.

A Coruña: Clube de lectura coordinado por Francisco Fernández Naval na Biblioteca González Garcés

En xoves alternos desde o 14 de outubro até o 23 de decembro retómase o Clube de Lectura en Galego que dirixe Francisco Fernández Naval na Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña. Neste último trimestre conxugaranse autores galegos clásicos e contemporáneos, homes e mulleres de idades diferentes, para poder ter unha mellor visión do panorama actual da narrativa galega, lendo, por exemplo a Rafael Dieste e Anxos Sumai. Lidos os libros na casa, as persoas que forman o club comentarán as súas impresións, discutíndose aspectos, literarios ou non, relacionados coa obra e co autor ou autora, favorecendo o diálogo e a convivencia e unha mellor comprensión da obra. Máis información sobre as actividades e a inscrición neste enlace.

Manuel Núñez Singala: “Somos galegos porque falamos a nosa lingua”

Entrevista a Manuel Núñez Singala no Xornal:
“Xornal (X): Toda obra literaria non é sempre un engano en si mesma?
Manuel Núñez Singala (MNS): A literatura é ficción. Nese sentido sempre é un engano. Agora ben, a literatura é un sistema para aprender, para non enganarnos nunca. É coller suficiente valía e bagaxe para non enganarse.
X: Os relatos son un xénero máis complicados que a novela pola necesidade de síntese?
MNS: Son xéneros moi difíciles. As novelas son sempre de longo percorrido. É como ser un corredor de fondo e un velocista ao mesmo tempo. Cando falamos de relatos, temos que ter presenten que agora non temos demasiado tempo. Ás veces, cando pillo un libro de contos, pregúntome por que está organizado dese xeito. No meu libro, os relatos van organizados por tamaño e densidade. Así, se un día alguén ten cinco minutos e quere ler só tres páxinas, xa pode escoller algún. Se ten máis tempo, pode escoller outro. Por outro lado, o relato é un xénero moi difícil. Non me gustan os relatos nos que sobra moito. Un conto é un conto porque di o que fai falla, pero máis nada. Iso moléstame moito, eu escribo só o que é necesario. Eu teño contos que teñen sete palabras. Moitas veces dáme a impresión de que leo relatos que se poderían contar empregando a metade de páxinas.”