Hoxe luns 1 de febreiro ás 20:15 no Liceo de Ourense a escritora Rosa Aneiros impartirá unha conferencia-coloquio co título Literatura e compromiso: palabra dada, palabra recibida. A entrada é libre.
Cid Cabido: ‘A memoria sempre se transforma en ficción’”
A Nosa Terra conversa co escritor galego Xosé Cid Cabido:
“Como sabemos, a organización de datos para crear un relato é sempre unha construción artificial, por moito que eses datos procedan dunha experiencia real. Sempre hai versións. E nesas versións hai un grao de distorsión da realidade, ou polo menos, sempre se detectan diferenzas de percepción. O que comprobas nunha investigación como esta é que as versións adoitan ser moi nebulosas en aspectos esenciais e moi precisas en cuestións completamente secundarias. Así confirmamos que a memoria posúe uns mecanismos que contribúen a construír o relato, a deformar os feitos de tal xeito que, claro, rematan por transformarse en ficción. A que a cada quen lle convén contar.” [Ler entrevista completa]
Alberto Lema: “Pasará este Feijóo como pasaron tantos coma el. Pero Rosalía permanece”
Entrevista a Alberto Lema no xornal Galicia Hoxe:
A literatura galega vive un momento de esplendor ou polo contrario estamos encegados pola luz e as sombras do disparate, de sacar o “santo” ás procesión dunha sublaicidade?
Non sei se o alustre da literatura galega de hoxe é máis ou menos cegadora que a de antes, pero si conserva, coma sempre, o costume de seguir un camiño propio e insensible á gravidade madrileña. Penso que este é o seu maior mérito.
Por que protestan os colonizados por Castela ou España en Galicia ou Galiza, cando teñen todo de man, dende medios de comunicación aos cartos porcos do espolio e o latrocinio?
O Imperio xoga sempre con dúas caras: a de vítima e a de verdugo. As razóns da primeira xustifican a represión e brutalidade da segunda. Todos os pobos espoliados foron sempre monstros terribles no relato do Imperio: os galos, os indios americanos, os negros africanos, os xudeus baixo o nazismo e os palestinos baixo o sionismo. Todos eles foron sempre bárbaros terribles xusto antes de seren
exterminados.Con que libro, cando o escribas poderías chegar ao sumum da túa satisfación?
Cédolle a outros a gloria de sentirse no sumum da excelencia, pracer que só deberon sentir Homero, Dante, Shakespeare e Xosé Carlos Caneiro. O resto de nós estamos condenados a facer o que se pode. [Ler entrevista completa]
Vocabulario Ortográfico de Lingua Portuguesa de balde na Internet
O Vocabulário Ortográfico da Língua Portuguesa (VOLP), publicado en outubro de 2009 pola Porto Editora, está disponíbel gratuitamente na Internet desde o pasado venres neste enderezo. Segundo informa o xornal Público, o VOLP “teve orientação científica do linguista João Malaca Casteleiro e permite pesquisar mais de 180 mil vocábulos representativos do património lexical da língua portuguesa. Disponibiliza ainda informações sobre classificação gramatical, indicação de pronúncia, formas irregulares no feminino, plurais de compostos, estrangeirismos, abreviaturas e símbolos mais usados na língua portuguesa”.
ProLingua anuncia as localidades nas que se presentará o libro das 55 mentiras…
A Plataforma ProLingua anunciou hoxe a listaxe provisional de localidades nas que se presentará o próximo venres 5 de febreiro o libro 55 mentiras sobre a lingua galega. Son máis de sesenta as vilas e cidades de todo o mundo que acollerán o acto, un fito histórico para o sistema literario galego: A Coruña, A Estrada, Allariz, Baiona, Barcelona, Bethelem, Bos Aires, Bruxelas, Cacheiras, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Carballo, Carnota, Celanova, Cerceda, Chantada, Copenhague, Corcaigh/Cork, Cotobade, Cuntis, Ferrol, Gondomar, Guitiriz, Lalín, Lisboa, Londres, Lugo, Madison – Wisconsin, Madrid, Marín, Melide, Moaña, Monforte, Nablús, New York, Nigrán, O Barco, O Grove, Ourense, Padrón, París, Pobra de Trives, Ponferrada, Ponteareas, Pontevedra, Ribadavia, Ribadeo, Ribeira, Salceda de Caselas, San Martiño de Trebello (Val do Ellas), Santiago, Saraievo, Trintxerpe, Tübingen, Tui, Verín, Viana do Bolo, Vigo, Vilafranca do Bierzo, Vilagarcía, Vilalba e Vitoria/Gasteiz. Tedes máis información no blog de ProLingua.
Faleceu J. D. Salinger
O célebre escritor estadounidense Jerome David Salinger faleceu onte en Cornish, New Hampshire, aos 91 anos de idade. A súa mítica novela O vixía no centeo foi editada en 1990 por Xerais con tradución de Xosé Ramón Fernández Rodríguez, e desde entón leva vendidos máis de vinte mil exemplares no noso idioma. Tamén podemos ler en galego Nove contos, editado por Sotelo Blanco.
A Coruña: o CGAI lembra a figura de Ramón Barreiro
O libro Ramón Barreiro: humor, parodia e modernidade, coordinado por José Luís Castro de Paz e Xaime Fandiño, será presentado hoxe ás 20:30 no Centro Galego de Artes da Imaxe. A sesión complétase coa proxección do filme El sobrino de don Buffalo Bill, escrito e dirixido por Ramon Barreiro (1906-1981), nacido en Valladolid mais fillo de galego e criado en Pontevedra.
A entrada é gratuíta.
Anselmo López Carreira fala do Antigo Reino de Galiza (vídeo)
Conferencia de Anselmo López Carreira sobre A desaparición do Reino de Galiza na historia española. Acto organizado pola Agrupaçom Cultural O Facho, no ciclo Economia e História da Galiza (Fundación Caixa Galicia da Coruña, 10/11/09). Producido e editado por blogaliza.tv:
Primeira parte
Segunda parte
Xosé Luís Méndez Ferrín: “O adxectivo Real foi un xeito de defenderse dos caciques autóctonos”
Entrevista de Daniel Salgado a Xosé Luís Méndez Ferrín no suplemento Luces de El País:
P. Posicionamentos da Academia tan inequívocos como o referente á lingua, non poden dificultar a negociación dun mellor financiamento coa Xunta?
R. Non ten nada que ver. Non creo que a Xunta de Galicia nos vaia castigar, nin vingarse. Sería pensar moi mal da xente. Penso que esas cousas non ocorren.
P. Daquela, a soberanía da que adoitan gabarse os académicos non é un mito?
R. A Academia é soberana. Comprobamos que o é. O documento chamado Análise académica, que é crítico co decreto do galego da Xunta, foi unha decisión respaldada por unanimidade, respaldada mesmo por dous académicos que non concorren ao plenario, que están separados voluntariamente dos traballos académicos.
P. Intentará que eses dous académicos, Xesús Alonso Montero e Xosé Luís Franco Grande, se reincorporen á vida activa da institución?
R. Tanto eu como todos os meus colegas están desexando que se incorporen plenamente. Xa se incorporaron de forma efectiva á Análise académica e fixeron valiosas contribucións. Pero, polo menos, que aparezan tamén fisicamente.
A AELG apoia aos once escritores galardoados co Premio Nacional
A Asociación de Escritores en Lingua Galega, agrupada na actualidade entorno a un colectivo de 381 autoras e autores, representantes da creación literaria en lingua galega, expresa o seu apoio aos once escritores galardoados no seu día co Premio Nacional, nas modalidades de narrativa, teatro, ensaio, tradución e literatura infantil e xuvenil, e comparte o seu reclamo da necesaria valoración responsábel e obxectiva para a cultura galega, pensada e (re)creada en galego, entendéndoa sempre integrada nun escenario permeábel e aberto ao mundo desde a procura da necesaria reatroalimentación que comeza polo coñecemento, apreciación e dignificación do propio.
A concesión dos Premios Nacionais aos escritores e á escritora en lingua galega asinantes, por parte do Ministerio de Cultura do Estado español, desde o ano 1985, ratifica a capacidade de os nosos creadores e creadoras seren autores dunha creación literaria exportábel alén das nosas fronteiras que nos enche de orgullo e admiración, e que só require destinatarios e receptores con vontade de se aproximar a ela e interpretala como un legado senlleiro dentro doutros parámetros globais.
Coñecer e recoñecer publicamente a cultura galega en xeral, e a literatura galega dos nosos escritores en particular, é o primeiro paso necesario para superar tópicos arcaicos e caducos e acreditar definitivamente na capacidade, valía e potencial enriquecedor da súa divulgación, materia pendente aínda de abranguer cun proxecto contundente e de futuro.
Actualización: a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix) informou do seu apoio ao texto da AELG.