O vindeiro mércores 10 de febreiro no local da Asociación Cultural Alexandre Bóveda preséntase o libro Circe ou o pracer do azul de Begoña Caamaño, coa participación da autora, xunto con Xosé M. Sánchez, Pilar García Negro e Goretti Sanmartín. Ás 20:30 h. no salón de actos da asociación.
O Salón do Libro de Pontevedra homenaxea a Anisia Miranda cunha lectura colectiva da súa obra
O martes 9 de febreiro ás 19:00 horas o Salón do Libro de Pontevedra homenaxea a Anisia Miranda cunha lectura colectiva das súas palabras, na cal todas as persoas interesadas na súa obra están convidadas a participar. O evento celebrarase na Casa dás campás e o tempo de intervención será de entre 3 e 5 minutos por lector.
Ourense: conferencia de Luisa Castro
Hoxe mércores 3 de febreiro ás 20:15 na Aula de Cultura do Liceo de Ourense rematan os XX Encontros Literarios organizados pola Sección de Literatura coa conferencia da escritora galega Luisa Castro que leva por título As verdades da escritura. A entrada é libre.
A Coruña: conferencia de Anxo Guerreiro
O martes 9 de febreiro Anxo Guerreiro Carreiras intervirá dentro do ciclo Economia, História, e Realidade Social. A súa palestra A involuçom do Governo de Feijoo reflexionará sobre a actualidade política galega. Será a partir das oito do serán no local da Fundación Caixa Galicia no Cantón Grande da Coruña. Organiza a Agrupaçom O Facho.
Ferrol: presentación dun libro de Tucho Calvo
Mañá mércores 3 de Febreiro ás 20:15 horas na Galería Sargadelos de Ferro preséntase o libro Corazón entre desertos, de Tucho Calvo. Participarán no acto o autor e Raúl Veiga, crítico de arte e director de cine.
O Consello da Cultura aposta polo emprego progresivo da nosa lingua nas aulas
“Non se pode tratar igual aos desiguais”, sinalou Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega, ao inicio da comparecencia de prensa na que daba conta, canda Henrique Monteagudo, do ditame do CCG sobre as polémicas Bases para a elaboración do decreto do pluringüismo que fixo públicas en Nadal a Dirección Xeral de Política Lingüística. Os pais non poden ser quen decidan en qué lingua se educan os seus fillos, e os alumnos non poderán escoller libremente o idioma que empregan na aula. Este é un dos puntos que recolle o Ditame do Consello da Cultura Galega sobre as Bases para a elaboración do decreto do pluringüismo no ensino non universitario de Galicia que se presentou esta mañá na sede da institución. O pleno do CCG aprobou onte sen ningún voto en contra un texto que recomenda recuperar o consenso arredor do idioma. Entre outras cuestións, o Consello defende que o emprego das linguas no ensino debe seguir o principio de progresividade do galego que recolle o Plan Xeral de Normalización, e que as porcentaxes concretas deberán ter en conta o contexto de cada centro. Ao tempo recomenda a creación dunha oferta educativa en galego para alumnos de entre 0 e 3 anos e a atención ás linguas minoritarias en contextos bilingües. Do mesmo xeito, apunta que a introdución dunha lingua estranxeira no ensino debe ir de xeito voluntario e gradual, e non se facer a costa dunha das linguas oficiais e regularse nunha norma separada.
Descargar DITAME DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA SOBRE AS “BASES PARA A ELABORACIÓN DO DECRETO DO PLURILINGÜISMO NO ENSINO NON UNIVERSITARIO DE GALICIA”: PDF, 192 KB
A TVG promociona a lectura con microespazos dun minuto
A Televisión de Galicia emite dende onte e de luns a venres, despois do telexornal do mediodía, o espazo Palabra de autor, palabra de autora co obxectivo de fomentar o libro galego ao longo deste Ano da Lectura. A campaña difusora das nosas letras tamén se estende á Radio Galega, xa que cada mañá a emisora autonómica programará unha entrevista que, baixo o título Biblioteca aberta, achegará os gustos literarios de autores, ilustradores e editores. A Consellería de Cultura inviste 120.000 euros entre a promoción radiofónica e a televisiva. [Ler información completa en Xornal de Galicia]
Ourense: conferencia de Rosa Regás
Hoxe martes 2 de febreiro ás 20:15 na Aula de Cultura do Liceo de Ourense continúan os XX Encontros Literarios organizados pola Sección de Literatura coa conferencia da escritora catalana Rosa Regás que leva por título Lectura y Creación. A entrada é libre.
Santiago: presentación da nova novela de Marcelino Fernández Mallo
Este martes terá lugar en Santiago a presentación de Klásicos, segunda novela de Marcelino Fernández Mallo. Ademais do autor na presentación intervirán Rafael Cuíña, empresario e colaborador de diversos medios de comunicación, e Chisco Fernández Naval. A presentación de Klásicos terá lugar mañá martes 2 de febreiro na Librería Couceiro de Santiago, ás 8.00 do serán.
A Coruña: exposición sobre Ramón Cabanillas
Mañá martes 2 de febreiro ás 19:30 inaugúrase a exposición Ramón Cabanillas, a roseira dos recordos na sala de exposicións do Pazo Municipal da Coruña (Praza de María Pita, 1). Podedes descargar aquí o díptico da exposición, organizada pola Editorial Galaxia: PDF, 1,2 MB.