Gondomar: Agustín Fernández Paz presenta Valados

O vindeiro sábado, 30 de xaneiro de 2010, ás 12:00 horas, na Biblioteca Pública de Gondomar, o Club de lectura compartida Lendo Contigo celebrará o Día Escolar da Non Violencia e pola Paz con diferentes actividades que xirarán arredor do libro Valados, do escritor, premio nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, Agustín Fernández Paz.

Valados, publicado pola editorial Xerais en 2009, é un libro que nos fala de todos eses valados, visibles ou invisibles, que se erguen para separar e illar unhas persoas doutras. Segundo o propio Fernández Paz, con Valados quixo «narrar as consecuencias que pode ter nas vidas das persoas a existencia destes muros que afondan na desigualdade. Eu quería unha historia como un alegato contra todos os muros. Creei unha sociedade nunha vila, na que están primeiro os muros invisibles que propician a división. Estes, despois, acaban cristalizando nun muro de arame e de cemento. É un texto que ten a súa dureza, pero que está escrito coa delicadeza posible e que deixa un asomo esperanza.»

Vigo: presentación do poemario Incivil

O venres 29 de xaneiro ás 19:30 na Casa do Libro de Vigo (r/ Velázquez Moreno, 27) preséntase o poemario Incivil, de Xoán Carlos Domínguez Alberte. O acto contará coa participación do autor acompañado por Xesús Alonso Montero, autor do prólogo, e David González Couso, director de publicacións de Toxosoutos. A entrada é libre.

A Plataforma ProLingua presenta a súa primeira publicación en máis de cincuenta localidades de todo o mundo

A plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega ProLingua presentará o venres 5 de febreiro a súa primeira publicación titulada 55 mentiras sobre a lingua galega, coordinada polo profesor da Universidade de Vigo Xosé-Henrique Costas.

Esta publicación pretende ser un argumentario sinxelo e clarificador, ao tempo que sólido e rigoroso, que axude a sociedade galega a comprender e superar aquelas valoracións e interpretacións subxectivas, ideoloxizadas desde unha óptica exclusivamente partidista, erróneas ou perversas que perseguen o obxectivo de actuaren de freo ao camiño da necesaria reposición e normalización de usos para a lingua galega no seo da súa sociedade.

Nos próximos días a Plataforma ProLingua dará a coñecer no seu blogue máis detalles da multipresentación que deste libro se fará simultaneamente en máis de medio cento de localidades espalladas polo noso país –todas as cidades e principais vilas-, polo Estado español –Ponferrada, Madrid, Barcelona, Vitoria/Gasteiz e Trintxerpe- e no estranxeiro –Tübingen, Buenos Aires, Lisboa, Tel Aviv, Nova York, Bethelem, Nablús, París, Saraievo, Londres, Bruxelas e Copenhague.

Rianxo: presentación de Sete palabras

O libro de Suso de Toro Sete palabras será presentado este venres 29 de xaneiro ás 20:30 no auditorio de Rianxo. No acto estarán presentes o autor; o secretario de Barbantia, Xosé Ricardo Losada; o académico, investigador e Premio Barbantia da Cultura Galega 2009, Xosé Luís Axeitos; o director de Xerais, Manuel Bragado; e mais o alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro.

Teo: presentación dun libro de Humberto Busto

C3 Editores presenta este venres 29 de xaneiro o libro Achegas do alén Miño: Pascoaes, Coimbra e Machado na Galiza de Humberto Busto. No acto intervirán Anxo González Fernández –catedrático de Filosofía da USC e prologuista da obra–, Martiño Noriega –alcalde de Teo–, Antonio Puentes Chao –director editorial de 3C3– e o propio autor. Será a partir das 20:15 na Librería O trasno viaxeiro (Cacheiras, Teo).

Once escritores galegos que recibiron o Premio Nacional solicitan a dimisión do Conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela

O señor conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia vén de facer pública, e non por primeira vez, unha análise da cultura galega temeraria e negativa. Antes xa nos ten ofrecido a súa opinión de que “a cultura galega limita”, unha descualificación da nosa mesma identidade colectiva. Deberemos deixar de ter cultura propia, deixar de sermos galegos para non estar “limitados”? Como pode protexer e traballar a prol da nosa cultura quen se expresa con ese fondo complexo de inferioridade identitario? Non pode. Agora precisou máis o diagnóstico, a cultura galega está “ensimesmada e acomplexada”, expresión claramente ofensiva para os creadores e xestores da cultura de Galicia. Pero que, ademais, indica un descoñecemento claro do estado da nosa cultura, tanto no que atinxe ás obras como ao tecido industrial que as sustenta.

Os abaixo asinantes, autores de obras escritas todas elas en lingua galega que foron merecedoras do premio nacional de literatura nas súas distintas modalidades (narrativa, literatura dramática, literatura infantil e xuvenil, tradución e ensaio), consideramos que isto, coma as outras moitas distincións e consideracións que as obras da nosa cultura veñen tendo en toda España e  fóra das fronteiras do Estado, negan a insultante e despectiva cualificación do señor Conselleiro.

Estamos verdadeiramente asombrados e fartos de que o conselleiro de cultura do goberno galego desprece sistematicamente a cultura galega, como un auténtico “bombeiro pirómano”.

Consecuentemente, para que desapareza esta pasmosa anomalía, pedimos a dimisión ou cesamento inmediato de don Roberto Varela como Conselleiro de Cultura do goberno de Galicia, dado que o seu escaso coñecemento e falta de consideración cara a cultura galega veñen evidenciar a nula idoneidade para o posto que ocupa. El ha ser máis feliz lonxe de todos nós, “limitados”, “ensimesmados” e “acomplexados”, e todos nós recuperaremos unha situación que teña un mínimo de cordura.

Alfredo Conde (Premio Nacional de Narrativa, 1985)
Paco Martín (Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil, 1985)
Antón Santamarina (Premio Nacional de Traducción, 1988)
Xabier P. DoCampo (Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil, 1995)
Manuel Rivas (Premio Nacional de Narrativa, 1996)
Fina Casalderrey (Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil, 1996)
Manuel Lourenzo (Premio Nacional de Literatura Dramática, 1997)
Suso de Toro (Premio Nacional de Narrativa, 2003)
Rubén Ruibal (Premio Nacional de Literatura Dramática, 2007)
Agustín Fernández Paz (Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil, 2008)
Xusto Beramendi (Premio Nacional de Ensayo, 2008)