Claudio Rodríguez Fer: “Valente non concibía a poesía sen a música”

Claudio Rodríguez Fer (Lugo, 1956), amigo e investigador de José Ángel Valente, participa dende onte na homenaxe que Ourense lle dedica ao poeta no Teatro Provincial, con motivo do oitenta aniversario do seu nacemento: José Ángel Valente, memoria sonora. O acto abriuse cun verso elocuente do escritor que vivira fóra máis de vinte anos fuxindo do franquismo –“Afastarme foi o xeito de ficar para sempre”– e continúa hoxe con conferencias e concertos. Pecharase mañá cun recital a cargo de Antonio Gamoneda. [Ler entrevista completa en Xornal de Galicia]

A Coruña: inauguración da Biblioteca dos Rosales

Mañá sábado día 26 inaugúrase na Coruña unha nova biblioteca: a Biblioteca dos Rosales. Compartimos con todos vós o texto de presentación do convite:

Logo dun longo camiño de proxectos e trámites, de reunións e conversas, de acción e de colaboración de moita xente, chega a celebración, celebración dos veciños que xa poden gozar dun novo espazo público en que se encontraren cos outros, coa cultura, coa información, …e celebración de todos e todas os/as que participamos deste proxecto desde os seus inicios porque conseguimos materializalo en algo real e tanxible. Pero tamén celebración doutra xente: docentes, membros de asociacións e colectivos do barrio e da cidade cos que traballamos no desenvolvemento dun proxecto cultural e educativo coa cidadanía. E isto sen nos esquecermos de moitas máis persoas: bibliotecarios e bibliotecarias, políticos e políticas, creadores e creadoras…, compañeiros e compañeiras de ilusións, de desexos, cómplices dun soño: bibliotecas de todos e para todos.

Por iso contamos con vós para participardes en todos os actos que aparecen no programa do convite da nova Biblioteca dos Rosales.

Folleto de presentación e programa de actividades: [Descargar]

Xornada literaria no mar de Baiona con Xabier P. Docampo e Xosé Cobas

naujaO club de lectura “Gálix Tendendo Redes”, coordinado por Ánxela Gracián, escritora e vicepresidenta da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, Gálix, realizará mañá, sábado 26 de setembro en Baiona, unha nova xornada literaria que, nesta ocasión, leva por título “Por mares de tinta e cantos de sereas”. Nesta ocasión, dende a literatura intentan “tender redes” cara ao ambiente, a historia e a etnografía unindo os nosos esforzos coa Coordinadora Mediombiental de Estudos Mariños, Cenma, encargada de xestionar a goleta Nauja e co Instituto de Estudos Miñoranos. O “NAUJA” é un barco de madeira, aparellado con dous paus que posúe unha ampla e despexada cuberta, o que lle confire ao barco un alto nivel de seguranza para os navegantes sen deixar de ser un barco que mantén ese espírito que desprenden os barcos antigos das mellores novelas de viaxes. Está xestionado pola Coordinadora para o Estudio de Mamíferos Mariños, organización de ámbito galego e fundadora da SEC, para desenvolver as actividades marítimas na costa galega, de carácter ambiental e de investigación no mar, especialmente centrado no mundo dos cetáceos, pero sen deixar de tratar outros eidos como poida ser a bioloxía, a ecoloxía, a oceanografía, a pesca, a etnografía e outras materias que incidan sobre o mar.

Gálix Tendendo Redes tamén “lanza redes” á historia e a etnografía, a través da colaboración co Instituto de Estudos Miñoranos. Para a edición da xornada de mañá Gálix Tendendo Redes contou tamén co apoio de Edicións Xerais de Galicia.

A xornada POR MARES DE TINTA E CANTOS DE SEREAS consistirá nunha navegación literaria e física na procura de todas as Ítacas. Ao longo da travesía os asistentes tornaranse, da man de Xabier Docampo e Xosé Cobas, ricos en coñecementos e experiencias e aprenderán o que significan todas as viaxes.

Alfredo Ferreiro: ‘As críticas non se deben escribir de calquera xeito’

Alfredo Ferreiro entrevistado en A Nosa Terra: Hai máis de cen blogues en galego que falan de literatura. Hai moita xente na internet que fala de literatura e iso quere dicir que existe unha alta participación e creatividade na rede (…) O blogomillo está a crecer moi rápido e quen pensa que está de capa caída trabúcase: o blogomillo está en alza ten novas funcións, espazos máis especializados. [Ler entrevista completa]

Culleredo: tertulias de poesía moderadas por Miguel Anxo Fernán-Vello

A concellería de Cultura do Concello de Culleredo a través das súas Bibliotecas Municipais, comeza o curso 2009/2010 de actividades de Animación á Lectura para adultos. A principal novidade este ano será a apertura duna Tertulia de Poesía que ten como obxectivo achegar a un público heteroxeneo pero amante da poesía a lectura compartida de poesía sendo una das primeiras Tertulias Poéticas que se organizan en Galicia e que desenvolverase todos os luns primeiros de mes, comezando o 5 de outubro, en horario de 20,30 h. a 22,00 h. e dirixido polo poeta Miguel Anxo Fernán Vello. Máis información na web do concello.

Últimos días para participar no certame de xornalismo Raimundo García Domínguez “Borobó”

Quince días é o prazo máximo que queda para a recepción de artigos de opinión ao I Certame Raimundo García Domínguez, Borobó, convocado pola Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela. O premio, cunha dotación de 4.000 euros, outorgarase durante a celebración da I Xornada sobre Periodismo de Opinión, que se desenvolverá o 24 de outubro de 2009. O obxectivo deste certame é honrar a memoria e o labor periodístico do promotor da xeración de La Noche. Máis información sobre o premio na web da asociación.

Lugo: nova entrega da “revista oral” O pazo das musas 19

Mañá xoves 24 de setembro de 2009 ás 20 horas, no Museo Provincial de Lugo celébrase unha nova edición da revista oral de periodicidade trimestral O pazo das musas, nº 19, cos seguintes contidos: Activismo cultural, a cargo da Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde; Exposición virtual: Un bosque nas miñas lembranzas, por Laura Pernás; Poesía, por Xiana Arias Rego; Xoias do Museo: Xoias tradicionais do MPL, por Mª del Rosario Fernández, e Música, a cargo de Celina da Piedade. A entrada é de balde. Máis información na web do museo.

Lugo: II Xornada de Literatura oral

Os días 16 e 17 de outubro vai ter lugar no Salón de Actos da Deputación de Lugo a II Xornada de Literatura oral arredor da figura do lobo, O mito que fascina. Intervirán como relatores Xabier P. Docampo, escritor, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil; Antxon Gómez Lorente, escritor, garda de montes do Parque Natural de Pagoeta; Alberte Reboreda, arqueólogo, técnico de Patrimonio Cultural, e X. Luis Garrosa Gude, escritor, profesor e investigador da literatura oral.