A Galería Sargadelos Ferrol inaugura este venres a exposición da artista Isabel Pintado, Para Soñar. O acto comezará ás 20 horas e contará coa participación do escritor Xavier Seoane. A exposición poderá ser visitada ata o 31 de outubro en horario de luns a sábado de 9 da mañá a 21 horas.
A Coruña: poesía e música co grupo Ouriol
Continúan os actos conmemorativos da inauguración da nova Biblioteca dos Rosales, na Coruña. Hoxe mércores 30 “SOÑOS E POEMAS DE CIRLOT”, un espectáculo poético-musical do grupo OURIOL (Eva Veiga, Bernardo Martínez e Fito Ares). A partir das 20:00, con entrada libre.
XIII Premio de Poesía Johán Carballeira
Poderán concorrer autoras e autores que presentaren os seus orixinais escritos en lingua galega. Os textos, cuxa extensión deberá superar os 400 versos, deben ser inéditos e non estar premiados en anteriores convocatorias do premio nin en ningún outro concurso de poesía. Presentaranse tres copias en tamaño folio, identificadas cun lema, mecanografadas a dobre espazo, numeradas e grampadas ou encadernadas. As copias irán acompañadas dun sobre pechado que conterá os datos persoais do autor ou autora, e deberán enviarse ao seguinte enderezo:
Concello de Bueu
Rúa Eduardo Vincenti, 8
36930 Bueu (Pontevedra)
O prazo de presentación remata o 16 de novembro de 2009. Para máis información, escriban ao departamento de cultura do Concello de Bueu.
Ourense: XXI Xornadas de Banda Deseñada

Do 1 ao 18 de outubro en Ourense. Máis información na páxina web das xornadas.
Roberto Varela recoñece que seguirá a haber reducións nas axudas culturais
O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, recoñeceu onte que seguirá a haber reducións nos orzamentos destinados a subvencionar a programación cultural de Galicia, polo que o sistema de axudas terá que racionalizarse e a Xunta deberá priorizar determinados proxectos.
Preguntado polos xornalistas, o conselleiro incidiu nas “non moi positivas” previsións económicas, o que levará, segundo asegurou, a un descenso das partidas reservadas á promoción cultural de Galicia en 2010 e a “non facer gastos innecesarios”. “Imos intentar que esa redución sexa a menor posible”, matizou. [Ler noticia completa en Xornal de Galicia]
Presentación en Escocia dun poemario galego-inglés de Óliver Escobar
O escritor galego Óliver Escobar presentará o vindeiro luns 7 de outubro en Escocia o seu poemario bilingüe galego-inglés Galician rhapsody, blues escocés, encargado pola Universidade de Stirling (Escocia) e publicado por Morgante (Rinoceronte Editora).
O libro xa está dispoñíbel nas librerías galegas e na rede. A presentación en Galicia terá lugar a comezos de xaneiro.
Culleredo: comeza o ciclo de teatro coa obra Glass city
O vindeiro venres 2 de outubro ás 20:30 horas comeza o ciclo de Teatro de Outono de Culleredo dedicado a Roberto Vidal Bolaño, coa presentación da compañia Teatro do Noroeste que porá en escena o musical Glass city (Cidade de cristal), de Eduardo Alonso. A entrada é gratuita.
A Coruña: conferencia de Xabier P. Docampo
O dia 29 de Setembro, terça-feira (martes), a Agrupaçom Cultural O Facho comeza as actividades do período 2009-10 coa palestra O governo Opus/P.P. e a sua política etnocida contra a Língua Galega dentro do ciclo “Língua, Literatura e Naçom”. A conferencia correrá a cargo do escritor Xabier P. Docampo. Será a partir das oito do serán na Fundación Caixa Galicia, no Cantón Grande da Coruña.
O Club de Lectura Virtual Eurorrexional inicia unha nova etapa coa lectura comentada dunha obra de Pessoa
O Club de Lectura Virtual Eurorrexional xestionado polo CEER (entidade creada pola UDC, USC, UVIGO, UTAD, UMINHO e UPORTO) inicia unha nova andaina coa obra O Banqueiro Anarquista, escrita por Fernando Pessoa. Esta obra é un referente na literatura universal e representa un extraordinario exemplo do debate sobre o individualismo e de como se pode ser capaz de superar as estruturas colectivas e as limitacións establecidas polas sociedade.
A obra O Banqueiro Anarquista poderá ser comentada durante as próximas dúas semanas polos usuarios que se inscriban neste enderezo web.
A Coruña: charla de Xabier P. Docampo e Xosé Cobas
Continúan os actos conmemorativos da inauguración da nova Biblioteca dos Rosales. Hoxe luns 28 de setembro ás 18:30 viaxaremos a mundos fantásticos e imaxinarios coas narracións do escritor Xabier P. Docampo e cos debuxos do ilustrador Xosé Cobas. A entrada é libre.