A Coruña: presentación do libro 10 experimentos con pelos

A Fortiori Editorial presenta na Coruña 10 experimentos con pelos, o primeiro libro da colección Ciencia Infinita, dirixida a nenos de máis de 8 anos. Será o martes 29 de setembro na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés ás 20 h. O acto será presidido pola directora da editorial, Natividad de la Puerta Rueda e estarán presentes os autores do libro, Marcos Pérez Maldonado, Francisco Franco del Amo, Patricia Barciela Durán e Francisco Armesto Ramón, dos Museos Científicos Coruñeses.

Santiago: a compañía Bicodobrelo Teatro estrea a obra Matilde

A compañía compostelana Bicodobrelo Teatro, gañadora do 2º premio de teatro nos galardóns GZcrea 08, estrea a obra Matilde, unha adaptación da obra de Mario Benedetti Pedro y el capitán, levada a cabo pola propia compañía. Trátase dunha obra de teatro con dous únicos personaxes, un torturador e unha suposta presa política, que manteñen un diálogo imposible nun marco indefinido, pero que podería aplicarse a diversos lugares e momentos históricos. A obra está composta por catro actos e os seus correspondentes interludios, que non se limitan a ser meros espazos de transición, senón que serven de porta de entrada para un complexo marco artístico multidisciplinar no que se combinan a música en directo, a pintura e incluso a danza.

A función terá lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela o venres 25 de setembro ás 21:00. A entrada é de balde ata completar aforo.

Tres galegos candidatos ao Premio Astrid Lindgren

Tres autores galegos aparecen na ampla listaxe de candidatos -168- ao Premio Astrid Lindgren, quizá o máis importante no ámbito da literatura infantil e xuvenil a nivel mundial despois do Andersen. Trátase de Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey e Juan Farias, que competirán por un galardón que se anunciará o vindeiro 24 de marzo, coincidindo coa Feira do Libro de Boloña. Máis información, na web do premio.

Baiona: xornada de actividades arredor d’O libro das viaxes imaxinarias

Organizada polo club de lectura Gálix. Tendendo redes, o sábado 26 de setembro desenvolverase en Baiona e arredores unha xornada de actividades que baixo o lema de Por mares de tinta e cantos de serea xirará arredor da obra O libro das viaxes imaxinarias de Xabier Docampo e Xosé Cobas. A xornada está organizada por Gálix, coa colaboración do Instituto de Estudos Miñoranos e de Xerais. O prezo por persoa é de 44 euros, incluíndo a viaxe na goleta, picnic e participación nos talleres. As persoas interesadas en participar na xornada poden solicitar a súa inscrición no correo electrónico coa secretaría de Gálix ou chamando aos teléfonos 650 93 89 72 ou 981 58 98 83. A data límite de inscrición é o 21 de setembro. [Vía Xeraisblog]

Culturagalega.org adapta para Google Earth unha antoloxía poética da Costa da Morte

”A primeiros de mes falamos da publicación De Pondal ao Batallón Literario. 120 anos de poesía na Costa da Morte, unha estensa antoloxía editada por Miro Villar e Modesto Fraga que reivindica esta franxa litoral como paisaxe literaria. E culturagalega.org quixo experimentar con ela, ofrecéndovos o que cremos que é un dos primeiros poemarios en Google Earth, para que compares a paisaxe cos versos dos poetas”. [Ver a páxina do poemario]

Dispoñible na rede Galicia21: Journal of Contemporary Galician Studies

Galicia21, a primeira revista académica online de estudos galegos xa está dispoñible na rede e recibe dende o seu lanzamento no pasado mes de xullo máis de 60 visitas diarias de lectoras e lectores de todo o mundo. Os editores da revista son Craig Patterson (Cardiff University) e Helena Miguélez Carballeira (Bangor University). Grazas ao seu formato innovador e á achega multidisplinar e crítica que a revista pretende promover para a disciplina dos estudos galegos contemporáneos, o medio está sendo consultado polas comunidades investigadoras e académicas de todo o mundo, sendo os Estados Unidos, Brasil, España e o Reino Unido os países dende os que teñen partido a maioría das pescudas.

O primeiro número de Galicia21 inclúe, entre outros, artigos académicos da escritora e tradutora María Reimóndez, a poeta e académica María do Cebreiro, e Anxo Lorenzo, profesor da Universidade de Vigo e actual Secretario Xeral de Política Lingüística. Tamén inclúe a título de autor convidado un artigo do escritor Miguel Anxo Murado e unha entrevista a Domingo Villar, autor de Ollos de auga, co motivo da súa conferencia no Festival do Libro de Edimburgo no verán de 2008.

Galicia21 manterá este formato nos vindeiros números, sempre incluíndo artigos académicos, recensións de publicacións académicas recentes e un artigo convidado de cariz máis creativo ou especulativo. O obxectivo principal da primeira revista académica de estudos galegos dispoñible na rede e en formato bilingüe (galego e inglés) é o de convertirse nun punto de encontro e de referencia para o crecente número de investigadoras e investigadores que conforman a comunidade académica internacional dos estudos galegos contemporáneos.