Para honrar a memoria e o labor periodístico do promotor da xeración de La Noche, Raimundo García Domínguez, “Borobó” (Pontecesures, 1916-Santiago de Compostela, 2003) a Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela convoca o I Certame e Xornada sobre Periodismo de Opinión, co outorgamento dun premio a un artigo inédito. Bases.
Rosa Alice Branco gaña o Premio de Poesía Espiral Maior
O gado do Senhor, da poeta portuguesa Rosa Alice Branco, resultou a obra gañadora do Premio de Poesía Espiral maior, quedando por detrás un total de 198 títulos procedentes de Galicia, Portugal, Angola e Brasil [Ler noticia completa]
Hoxe en Compostela: Manifesto da Asociación de Escritores en Lingua Galega
Ante a creba do proceso de restitución á normalidade do noso idioma impulsada polo actual goberno galego, que obvia así o espírito do Estatuto que lle dá sentido, a Asociación de Escritores en Lingua Galega, tras pulsar o sentir dos seus asociados/as, promoveu a creación do comunicado que se xunta e que será lido en acto público hoxe, 24 de xullo, ás 17:00, diante da estatua de Rosalía de Castro situada na Alameda de Santiago de Compostela.
A Aelg prega encarecidamente a asistencia a este acto co que se pretende transmitir á sociedade que os seus escritores/as asumen plenamente a responsabilidade que lles foi transmitida desde o Rexurdimento, e que traballan e loitan diariamente por normalizar e engrandecer un sistema literario nacido dunha lingua e dunha cultura propias, patrimonio tamén da humanidade.
Lea o texto do manifesto na páxina da AELG.
Santiago: presentación do libro Máquina de Guerra
Mañá día 23 de Xullo de 2009 ás 20:00 presentarase no Centro Social A Gentalha do Pichel (R. Santa Clara 21, Santiago de Compostela) o poemario de Raida Rodríguez Máquina de Guerra que saiu á luz baixo o carimbo de Estaleiro Editora.
Xa presentado anteriormente en Barcelona, cidade en que Raida Rodríguez traballa e estuda, Máquina de Guerra vén traer agora á Galiza un diálogo iniciado na Universidade Autónoma de Barcelona, que continuou no Centre Social Magdalenes da mesma cidade e que tivo un punto e seguido no seu camiñar no Centro Galego de Barcelona.
Como todos os materiais de Estaleiro Editora, este poemario pode descargarse libremente na web e véndese ao económico prezo de seis euros, que se reinvestirán, como é habitual, na edición de outros materiais.
O proxecto musical Descarga ao vivo chega a Galicia
O proxecto Descarga ao vivo que combina o traballo de músicos cubanos e galegos chega estes días a Galicia. Esta experiencia única botou a andar en Cuba o ano pasado con motivo da Feira Internacional do Libro da Habana e agora viaxa de volta ao noso país. Un espectáculo irrepetíbel que conta coa participación de Xabier Díaz (voz e percusión), Ugia Pedreira (voz), Guadi Galego (voz), Alejandro Vargas (piano e teclados), Raciel Jiménez (batería), José Manuel Díaz (contrabaixo), Adonis Ríos (percusións), Pedro Pascual (acordeón e bouzouki), Marcos Teira (guitarra flamenca), Edelmiro Fernández (gaita), Quim Farinha (violín), Óscar Fernández (zanfona), Pablo Pascual (clarinete baixo) e Gutier Álvarez (violín).
Poderemos disfrutar desta función o xoves 23 de xullo no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, a partir das 22:30; o 25 de xullo en Santiago de Compostela, no Festigal (22:00, Campus Sur); e o 30 de xullo en Vigo no Centro Cultural Caixanova ás 20:30.
Santiago: presentación de Once máis 15
Edicións do Cumio e a asociación MusicARTE presentarán ao público o Libro-CD Once máis 15 durante a celebración do Festigal, cun concerto que terá lugar o venres día 24 de xullo a partir das 19 horas no espazo do Café Concerto. Intervirán o cantautor Miguel Alonso e os grupos Nao e Ataque Escampe, formacións que participan nesta edición de textos da nosa lírica musicados por conxuntos galegos a cal vén de publicar a editora de Pontevedra.
Sarria: Roteiro Literario-Artístico pola Lóuzara de Fiz Vergara Vilariño
O luns 27 de xullo de 2009, ás 18:00 horas, en Aira Padrón (Samos) a Agrupación Cultural Ergueitos organiza un percorrido até a casa natal de Fiz Vergara en Santalla de Lóuzara. Irán parando en puntos do roteiro no que xa estean colocadas intervencións (Fernado Yáñez e Manuel Caamaño) ou nalgún outro nos que os traballos estean avanzados (Álvaro de la Vega, Violeta Bernardo, Primitivo Lareu e Paco Pestana). A intención é converter o roteiro literario que fan cada ano pola Lóuzara Xabreira de Fiz Vergara nun parque escultórico que lembre ao poeta a través de poemas escollidos da súa obra con referencias xeográficas concretas do val de Lóuzara e das intervencións artísticas creadas tendo como base eses poemas, procurando incardinar as obras plásticas na paisaxe louzarina. A palabra poética asaltará aos camiñantes que percorran este roteiro e acompañará en paneis gravados ás intervencións dos artistas plásticos para que o visitante documente a xénese da intervención escultórica. O ceo, a auga do río e da Fonte da Cova e os soutos dos castiñeiros louzarinos serán as paredes, o teito e o chan dese museo aberto.
Indicacións de itinerario: dende Samos, despois de pasar diante do Mosteiro e rodealo cóllese a saída en dirección a Triacastela. A 1 km. hai un desvío á dereita sinalizado: Lóuzara. A 8 km. sen desviarse chegamos a Aira Padrón (só hai unha casa-restaurante cara a esquerda e unha rotonda). É o primeiro punto do roteiro. Desde aí baixase cara o val de Louzara.
Tempo aproximado da visita: 1, 5 horas
Contacto: María Casar Díaz, presidenta da A.C. Ergueitos. Tlf: 678 601 550 – 677 429 225
Xosé Monteagudo gaña o Premio García Barros de novela
O escritor Xosé Monteagudo foi elixido por unanimidade gañador do premio de novela García Barros 2009 coa súa obra Un tipo listo. O xurado, formado por Inma Otero Varela, Armando Requeixo, Luís Alonso Girgado, Carlos Lema e Valentín García Gómez, que actuou como secretario, valorou a súa orixinalidae, o seu coidado ritmo e a autenticidade dos seus personaxes.
Xosé Carlos Caneiro, pregoeiro da Feira do Libro de Cangas
O mércores 22 de xullo comeza a Feira do Lbiro de Cangas, que se celebrará até o domingo 26 na Alameda Vella. Este ano o encargado de ler o pregón inaugural será o escritor Xosé Carlos Caneiro. Durante a Feira presentaranse entre outros os libros Leocadio, o león, do escritor cangués Oli; A cociña de larpeiros de Benigno Campos; Nos dominios da incerteza de Manuel Blanco Desar e O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. Docampo e Xosé Cobas.
Animacam, certame de relatos de tradición oral
O certame de relatos é unha sección paralela anual de Animacam aberta a todos os usuarios da web para publicar, difundir e/o compartir textos relacionados coa literatura de tradición oral das súas respectivas culturas de orixe. Trátase de transcribir ditos relatos de tradición oral e construir así unha biblioteca deste tipo de manifestacións narrativas.
Destinatarios: Tódolos públicos, de calqueira nacionalidade.
Requisitos: Rexístrate como usuario na web e crea ou transcribe relatos da tradición oral do teu país que non foran publicados.
Idioma a utilizar: calquera das catro oficiais (Galego, Español, Portugués, Inglés)
Premio: lote de libros promocionais de Galicia e da súa cultura, procedente dos fondos editoriais das entidades Xacobeo S.A., Turgalicia S.A., e da Dirección Xeral de Promoción e Difusión Cultural da Consellaría de Cultura.
Prazo: Ata o 23 de outubro do 2009.