
Antón Reixa dá unha conferencia na Universidade de Cardiff
Antón Reixa vai impartir mañá venres 3 de xullo a conferencia principal do congreso Identidades fracturadas da Facultade de Hispánicas da Universidade de Cardiff, sobre as artes visuais hispánicas. Vai dar a prestixiosa Ponencia Olwen Reckert, a máis importante do congreso enteiro, co título La reconstruccion audiovisual de Galicia. Máis información nesta páxina web.
Discurso de Xosé Manuel Beiras nos Premios Trasalba
Gabanza e oración profana a Don Ramón de Trasalba
Xosé Manuel Beiras
Por moi atrás que me remonte nas miñas lembranzas, até os recantos máis remotos da miña memoria infantil, non son capaz de sinalar o momento preciso en que nela emergulla por primeira vez a imaxe de Don Ramón Otero Pedraio -a tal ponto ela constitue unha constante nos arquivos do meu imaxinario primeirizo. Se cadra porque, presidindo o escritorio do meu pai, primeiro na rua do Vilar e despois na Rosaleda, estivera sempre un tríptico de retratos fotográficos que eu vía de cotío, enmarcado en madeira escura tallada por Bonome e coroado polo escudo de Galiza, no que a efixie de Don Ramón ocupaba o centro: Castelao, á esquerda, e á dereita Risco, completaban a trinidade simbólica providencial do credo que máis firme e afervoadamente profesou meu pai de por vida, o ideario galeguista da redención do povo galego, o ideario liberador da Terra asoballada, o ideario emancipador da nosa nación galega.[Ler texto completo]
A AELG, novo membro da EWC-FAEE A.I.S.B.L.
A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) ven de ser confirmada como membro da EWC-FAEE A.I.S.B.L. (Confederación de Escritores Europeos – Federación de Asociacións Europeas de Escritores), na Asemblea Xeral que tivo lugar o pasado 21 de xuño de 2009 en Marsella. EWC-FAEE A.I.S.B.L. son proxectos financiados con apoio da Comisión Europea.
Xunto coa Asociación de Escritores en Lingua Galega, ingresaron na EWC-FAEE A.I.S.B.L. a Asociación Europea de Escritores “Die KOGGE e. V. de Alemaña; a Asociación de Escritores Daneses, de Dinamarca; a Unión de Escritores Bielorrusos, de Bielorrusia; a Asociación de Escritores Eslovenos, de Eslovenia, e a Academia da Lingua Maltesa, de Malta.
Vigo: presentación de Pirata de María Reimóndez
Mañá martes 30 de xuño ás 20:30 horas preséntase a novela Pirata da escritora María Reimóndez. Será no Salón Social do Real Club Náutico de Vigo (As Avenidas, s/n, Vigo). O acto contará coa participación de María Reimóndez, Manuel Bragado e do músico Xabier Díaz.
O galego é de todos, editorial de Xornal de Galicia
O galego é de todos e a súa defensa tamén
Editorial de Xornal de Galicia, domingo 28 de xuñoNunca antes a lingua propia de Galicia estivera tan ameazada, e tampouco nunca antes se deran tantas condicións para superar vellas rémoras no discurso sobre o galego. A irrupción de Alberto Núñez Feijóo na Xunta, e sobre todo o nomeamento de Xesús Vázquez como conselleiro de Educación, coa débeda contraída con Galicia Bilingüe durante a campaña como pano de fondo, colocaron aos galegos e ás galegas nun escenario inédito.
É a primeira vez dende a chegada da democracia que un goberno pon en cuestión o Estatuto de Autonomía e o espazo de convivencia que con el se empezou a crear en 1981. Tanto é así que, tamén por vez primeira, é a sociedade no seu conxunto e non un sector do arco parlamentario a que se sente agredida na súa dignidade. Os síntomas son cada vez máis evidentes, e todo apunta a que será tamén aí, no conxunto dos cidadáns e das cidadás, onde se acerte a frear a brutal ofensiva. [Ler artigo completo]
Bernardino Graña ingresa na Real Academia Galega
O escritor Bernardino Graña foi elixido onte académico numerario na reunión de onte dos membros da Real Academia Galega na que se acordou ademais dedicar o Día das Letras 2010 ao poeta do Courel Uxío Nonoveyra. Nacido en Cangas do Morrazo en 1932, Bernardino Graña é recoñecido sobre todo como poeta, aínda que tamén é autor de pezas teatrais e dunha importante obra narrativa no ámbito da literatura infantil.
Uxío Novoneyra, Día das Letras Galegas 2010

–Ficha biobibliográfica no Centro de Documentación da AELG
–Artigo de Miguel Anxo Fernán Vello en Xornal de Galicia
A Torre de Hércules, Patrimonio da Humanidade

Carta de despedida do programa da Radio Galega A casa do vagabundo
Oleiros, a 24 de xuño de 2009
Estimados habitantes da Casa do vagabundo:
Xa sabedes que esta casa non ten ni paredes nin portas, tampouco xanelas nin tellado e pode emprazarse en calquera lugar do mundo onde alguén teña a intención de ler un libro feito con palabras na fermosa lingua dos galegos, e cada sábado as dúas e media se emprazaba na Radio Galega, así foi dende o 14 de xaneiro do 2006 ata o 20 de xuño do 2009, despois de 172 emisións e que pasasen pola casa 120 profesionais do libro: escritores, editores, críticos, traballadores de editoriais…
O espazo tivo continuidade todos os veráns, pero no que está por chegar non será así, sen ter a certeza de que a volta do outono poderemos emprazar de novo a casa na Radio Galega, o asunto quedou pendente de conversa cos responsables da programación da emisora.
Resulta que cando se me comunicou a decisión xa non foi posible gravar e emitir un novo programa no que puidera despedirme como debera, agradecendo o cariño de toda a familia do libro galego.
Declaro que fun feliz facendo este programa porque cada persoa que veu á casa fíxome vivir un momento inesquecible. Cada un dos 172 programas son unha lembranza que perdurará por sempre.
Pode parecer que A casa do vagabundo era un programa de radio, pero foi realmente un espazo para facer amigos. Coñecín alí por vez primeira a moitos dos convidados que por el pasaron e nesa breve media hora de conversa construíuse unha amizade con cada un deles. A verdade é que me sinto afortunado. Cos que xa era amigo houbo reencontros moi entrañables.
As veces emociónome e non me importa que así sexa, por isto non podo elaborar un aséptico escrito de despedida, así que mellor remato.
Grazas a todos e desculpas aos que non deu tempo que viñeran á casa.
Grazas en especial a Xurxo Souto que foi quen me pediu un día que fixera para a Radio Galega un programa sobre libros.
Se volvo no outono xa o saberedes, e se non saudádeme se nos cruzamos nalgunha rúa, estrada ou corredoira.
Cunha fonda aperta
X. H. Rivadulla Corcón