A Coruña: conferencia de Xosé Antón Fraga

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa que este xoves 25 de xuño terá lugar a conferencia O impacto da obra de Darwin en Galiza, a cargo do director dos museos científicos coruñeses Xosé Antón Fraga.

Xosé Antón Fraga (A Coruña, 1950) é Doutor en Bioloxía pola Universidade de Compostela, diplomado en Historia das Ciencias e das Técnicas, exerceu como catedrático de Bioloxía e Xeología e dirixiu o instituto Monelos en A Coruña, antes de ser nomeado para o seu actual cargo como Director dos Museos Científicos da Coruña. Ten editado numerosas publicacións sobre divulgación científica e investigación, ademais de ser presidente da Asociación de Investigadores Ramón de la Sagra ou membro do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses. Tamén foi membro da xunta directiva da Sociedad Española de Historia de las Ciencias y de la Técnica e formou parte do consello de redacción da revista sobre ciencia Llul

Santiago: xornada de actividades arredor do libro Festina lente

O club de lectura Gálix Tendendo Redes pecha ata setembro as súas actividades cunha xornada lúdico-artístico-literaria que pretende poñer de relevo un dos temas máis debatidos ao longo destes meses, o das marxes, é dicir, os territorios de fronteira da Literatura Xuvenil. Para iso escolleron unha obra de ficción pertencente ao xénero da novela histórica, cunha trama de misterio sólida e ben documentada, así como cunha calidade e exixencia literarias interesantísimas. Trátase da novela publicada por Edicións Xerais de Galicia Festina lente do autor Marcos Calveiro. Haberá unha lectura compartida o día 2 de xullo de 17 a 19 horas no Consello da Cultura Galega. Ese mesmo día o doutor Carlos Sastre, experto en iconografías medievais, renacentistas, modernas e contemporáneas establecerá as claves entre arte e literatura ao longo da Historia.

O sábado 4 de xullo poñerán fin a esta primeira andaina inverno-primavera 2009 cunha xornada artístico-literaria polo escenario de Festina lente en Santiago de Compostela, así como cunha actividade de Bookcrossing patrocinada por Edicións Xerais de Galicia, na que se deixarán en variados escenarios da zona vella de Santiago de Compostela exemplares desta obra e doutras tanto dos autores escollidos este ano no club de lectura como doutros pertencentes á literatura xuvenil galega. Pechará o día un recital poético que leva como lema Canteiro en Compostela, no cal moitas das nosas poetas e moitos dos nosos poetas labrarán con palabras a beleza da cidade pedra. Para apuntarse á actividade do día 4 de xullo é preciso contactar por correo electrónico coa organización en calquera destes enderezos: Gálix / Ánxela Gracián / Tendendo Redes.

Vigo: presentación do novo libro de Xesús Alonso Montero

O vindeiro xoves, 25 de xuño, ás 20:00 horas, nas instalacións do MARCO (antigo cárcere) de Vigo, presentarase o máis recente libro do profesor Xesús Alonso Montero, Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948). No acto acompañarán ao autor Alfonso Álvarez Gándara (decano do Colexio de Avogados de Vigo), Carlos Núñez e o editor Manuel Bragado.

María Reimóndez, Marta Dacosta e Marilar Aleixandre debaten en Xornal de Galicia

O convite ten algo de provocación e algo de traizón inocente. Protagonistas do segundo Café con Letras que Xornal de Galicia organiza coa colaboración da Asociación de Escritores en Lingua Galega, as escritoras Marilar Aleixandre, María Reimóndez e Marta Dacosta veñen falar de literatura e de muller, de xénero, de discriminación, da dupla vara de medir que opera, tamén, no sistema literario propio. En realidade, veñen debater sobre todo iso para o que nunca se convoca aos homes. [Ler artigo completo]

A Coruña: presentación do Premio Torrente Ballester 2008

O vindeiro mércores, 24 de xuño ás 11,00 horas, na sede da Deputación da Coruña, terá lugar a roda de prensa- presentación do libro A vida do outro de Carlos G. Reigosa, Premio Torrente Ballester 2008 convocado pola Deputación da Coruña. No acto intervirán Salvador Fernández Moreda (Presidente da Deputación da Coruña), Manuel Bragado (Director de Xerais) e Carlos G. Reigosa.

Gondomar: Espazo lectura celebra o San Xoán con poesía e contos

Mañá martes, 23 de xuño, Espazo Lectura celebrará a noite de San Xoán na Casa da Lectura cunha actividade na que xuntarán poesía, lume e contos: A fogueira dos versos. A sesión, que toma prestado o nome dun poemario de Antonio García Teijeiro, comezará con música a partir das 22:30h, continuará logo, contra as 12 da noite, cunha lectura de poemas arredor dun pequeno lume e rematará cunha sesión de contacontos a cargo do actor Santi Prego, que nos deleitará coas súas historias á luz da pequena fogueira. Esta fogueira literaria na Casa da Lectura (Nogueira, 8 – Donas) conta coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Gondomar e pretende ser participativa e aberta ás persoas que desexen levar comida para compartir e poemas para ler.

Santiago: presentación do I Premio Produto Gráfico e Libro Galego

O vindeiro mércores 24 de xuño ás 12:00 presentarase na sede da Fundación Caixa Galicia de Santiago a I edición do Premio Produto Gráfico e Libro Galego. O acto será inaugurado por Roberto Varela, Conselleiro de Cultura e Turismo. O Premio Produto Gráfico Galego nace co fin de recoñecer o labor dos profesionais e empresas de Galicia que destacan pola súa creatividade e innovación no campo da produción gráfica. Os premios promovidos polo Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego constarán de catro categorías: produto gráfico galego, deseño-innovación galego, libro editado galego e novos talentos. A inscrición é gratuita e estará aberta até o 15 de outubro de 2009. O galardón consistirá nunha peza exclusiva e orixinal. A categoría Novos Talentos estará dotada cunha bolsa de 6.000 euros.