A Aelg promove, en colaboración con Turismo, unha serie de 16 roteiros baixo o título “Por terras de…”, co obxectivo de espallar o coñecemento global do noso país. (AELG)
Presentación en Rianxo de Mentres a herba medra, de Xesús Rábade Paredes
O venres 25 de xaneiro, ás 20:30 horas no Casa de Cultura “Cuartel Vello” de Rianxo, terá lugar a presentación do último Premio Blanco Amor de novela Mentres a herba medra, do escritor Xesús Rábade Paredes. O acto contará coa participación de Pedro Piñeiro (alcalde de Rianxo), o académico e escritor Xosé Luís Axeitos Agrelo, F. R. Lavandeira (escritor e membro de Barbantia) e mais o autor.
Estrea en Vigo de Aurora Rodríguez e a súa filla Hildegard
O xoves 24 de xaneiro de 2008 é a estrea da obra de Teatro Aurora Rodríguez e a súa filla Hildegard. A obra estará en cartel todo o mes de xaneiro e febreiro: xoves, venres, e sábados ás 21 horas. Domingos ás 20 horas. O TAL (Teatro Arte Livre) está na rúa Vázquez Varela de Vigo. O seu teléfono é: 986 114444.
“Os libros de mañá. Novas tecnoloxías e novas linguaxes”, tema a tratar en Vigo por especialistas da letra dixital
Editorial Galaxia anuncia a derradeira mesa redonda do ciclo “As caras do libro”, dedicada a “Os libros de mañá. Novas tecnoloxías e novas linguaxes”. Participarán Óscar Sánchez (físico e autor do blog Días estranhos), Francisco Castro (escritor e autor do blog A canción do náufrago), Rosa Aneiros (escritora e xornalista dixital), María Yánez (xornalista dixital), e Manolo Gago (director de culturagalega.org) como moderador. Será o mércores 23 de xaneiro, ás 19:30 horas, no Auditorio da Fundación Caixa Galicia (Policarpo Sanz, 21, Vigo).
Presentación en Ferrol de Palabras contadas, de Patricia Casas Vázquez
O próximo día 24 de xaneiro, ás 20:00 horas, terá lugar a presentación do libro da Editorial Biblos Teselas de cidade, de Patricia Casas Vázquez, gañadora do III Premio Biblos-Pazos de Galicia. Será na Galería Sargadelos de Ferrol e participarán na presentación, ademais da autora, Tucho Calvo e Iria López.
Diego Ameixeiras na Biblioteca de Pontevedra
O luns 21 de xaneiro o escritor Diego Ameixeiras reunirase co Club de lectura da Biblioteca de Pontevedra ás 19:30 horas. Comentará a obra galardoada co Premio Xerais de Novela 2006.
Claudio Pato na Galería Sargadelos da Coruña
O martes 22 de xaneiro, ás 20:00 horas, a Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56) contará coa presenza de Claudio Pato nunha nova edición do ciclo quincenal “Martes Literarios”.
Queiman a entrada do Ateneo Ferrolán
«Arredor das 13,25 horas do día 17 de xaneiro un fume denso alerta á traballadora do ATENEO FERROLÁN que ao abrir a porta ve como está ardendo á entrada. Qué medo pasei!» (Ateneo Ferrolán)
IV Premio Rosalía de Castro para experiencias pedagóxicas
«A Fundación Rosalía de Castro, para conmemorar os 25 anos do PREMIO ROSALÍA CASTRO PARA MESTRES E PEDAGOGOS, creou o PREMIO ROSALÍA DE CASTRO PARA EXPERIENCIAS PEDAGÓXICAS, que vai xa na súa cuarta convocatoria.
O certame pretende potenciar o coñecemento de Rosalía e da súa obra, precisamente cando están sendo postergados o estudio e a lectura dos clásicos, referencia imprescindible na formación integral dos escolares. A iniciativa quere tamén servir de apoio ao traballo que desenvolven os centros cara a normalización lingüística e cultural do ensino galego.
Alén dos seus valores literarios e lingüísticos, os textos rosalianos teñen unha enorme potencialidade como motivadores de propostas de traballo nas aulas de ensino obrigatorio. Por iso consideramos que, nas mans dun profesorado que pode contar co apoio das novas tecnoloxías, a obra de Rosalía de Castro resultará un bo material para traballar na innovación pedagóxica.
Un dos eidos máis interesantes deste traballo é, sen dúbida, o teatro. Rosalía foi moi afeccionada á arte dramática e respresentou con éxito algunha obra cando era noviña. Se os poemas rosalianos son, pola forma, doados de aprender e recitar, e resultan moi motivadores para a representación teatral, polo seu contido adoitan ser altamente educativos e poden desenvolverse con acerto nas aulas para seren representados en festivais artísticos ou conmemoracións escolares.
Rosalía, contemporánea dos seus, avanzada do seu tempo e previsora dos valores que habían de promoverse no futuro, é a cantora do drama épico que sufriu a Galicia máis pobre e viven hoxe moitos pobos da humanidade: o fenómeno da emigración, do triste desarraigo que padecen “os que noutras terras/ tén que buscar pan”. E tamén unha excepcional analista da problemática das mulleres con relación á igualdade, á creación e ao pensamento libre e unha denunciadora das inxustizas sociais. Rosalía resulta, ademais diso, unha extraordinaria defensora da paisaxe, é dicir, unha verdadeira ecoloxista que nos anima conservar o medio ambiente.
Ademais da utilización dos seus textos, a pericpecia vital da autora tamén se presta a ser representada. Con este exercicio os escolares meirandiños poden profundizar, desde a emoción teatral, no seu coñecemento e no da súa época.» Bases. (Fundación Rosalía de Castro)