CEDRO defende a utilidade dos dereitos de autor

A Dirección Xeral de Cedro promove argumentos para defender o dereito a cobrar dereitos de autor pola existencia de copias privadas. Anima os autores a que interveñan neste debate nos medios de comunicación de modo que a sociedade coñeza os argumentos en favor dos fundamentos que posibilitan os recursos da Cedro e así os apoios que ofrece á súa nómina de escritores. Para isto está a divulgar as opinións públicas de plumas destacadas así como un texto que leva por título “Compensación por copia privada para autores e editores”, que a seguir ofrecemos:

Prezado/a socio/a:
Como sabe, nos últimos meses a compensación para autores e editores pola copia privada das súas obras foi posta en cuestión. Tanto é así que se chegou a presentar unha iniciativa no Senado para propoñer a súa desaparición durante o ano 2008, aínda que finalmente non foi aprobada no Congreso.
En CEDRO consideramos que é imprescindíbel que os autores e os seus editores se manifiesten publicamente e informen do seu dereito a recibir unha compensación adecuada polo uso das súas obras, instando a que se deixe de cuestionar reiteradamente o sistema de dereitos de autor.
Da compensación por copia privada dependen máis do 90 % das cantidades que a nosa Entidade distribúe cada ano nos repartos individuais aos titulares de dereitos, así como as actividades de
promoción do libro e as axudas e prestacións aos autores para gastos sanitarios non cubertos pola seguridade social, como gafas ou tratamentos dentais, que leva a cabo CEDRO e que redundan en
beneficio de todo o sector do libro.
Por este motivo, prégolle que, na medida das súas posibilidades, exprese a súa opinión naqueles medios de comunicación nos que colabore (blogues, revistas, xornais, radios, televisións, etc.) para
así lograr transmitir a importancia de que se recoñeza e remunere xustamente o traballo de autores e editores no noso país.
A seguir presentamos algunhas ligazóns para artigos nos que distintos escritores mostran a súa posición favorábel a este sistema:
Vicente Molina Foix: El canon cerrado y sus enemigos (El País, 8 de enero del 2008)
Javier Marías: Tiempos saqueadores (El País Semanal, 6 de enero del 2008)
Ángela Vallvey: Y un rábano (La Razón, 23 de diciembre del 2007) (este contenido solo es accesible para los suscriptores de La Razón.)
Vicente Molina Foix: Manteca y canon (El País, 21 de diciembre del 2007)
Arcadi Espada: Canon (El Mundo, 21 de marzo del 2007)

Unha forte aperta,
Magdalena Vinent
Directora Xeral
Tel.: 91 308 54 55
direccion@cedro.org

“Palabras con memoria”, un proxecto da AELG para a recuperación de palabras

Días atrás presentámosvos a iniciativa de recuperación de vocabulario Palabras con memoria, que pretende xuntar un banco de palabras en desuso (e polo tanto en perigo de extinción) co afán de recuperalas e poñelas de novo en vixencia e nos dicionarios.
Ao enviar a palabra, cómpre facer constancia do seu significado ou significados, así como a zona (ou zonas) onde aínda pode ser escoitada, amén doutras características que se consideren oportunas para a súa rehabilitación.
Animámosvos a seguir facendo os vosos envíos ao seguinte enderezo electrónico a cargo do noso vogal por Lugo, Isidro Novo: palabra.con.memoria@aelg.org
Recibe un cordial saúdo da Directiva da AELG

María do Cebreiro comeza un programa de intercambio de escritores con Gales

«Quérese darlle “visibilidade” á lingua e ás tradicións de Galiza. A profesora e escritora María do Cebreiro será pioneira nun programa de intercambio de escritores galegos coa Universidade de Bangor, en Gales (Gran Bretaña), promovido polo Centro de Estudos Galegos de Gales e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta.» (A Nosa Terra)

Preséntase en Gondomar Gondomar de Pablo, de Miguel Anxo Mouriño

O Instituto de Estudos Miñoranos organiza o recital poético e a presentación do libro Gondomar de Pablo, de Miguel Anxo Mouriño, que terá lugar o sábado 19 de xaneiro no Auditorio Municipal “Lois Tobío” de Gondomar. Será ás 19:00 horas e participarán no evento, xunto co autor, Rahel García, Aldán López, Marta Dacosta, Emilio García, Maricarmen Sestelo e Encarna Sestelo.

Antonio Reigosa debaterá en Lugo sobre Ninguén está só

«O vindeiro mércores día 16, ás 20:30 horas, a Cova da Terra (rúa Nóreas, 12) acollerá o segundo dos clubs de lectura organizados por IND e A Cova da Terra-Kandaharia, uns encontros participativos destinados a persoas amantes da lectura e preocupadas polos problemas do mundo. Nesta segunda sesión analizarase e debaterase o libro Ninguén está só (Amnistía Internacional) no que colaboraron a Editorial Tris-Tram xunto a vinte e un/ha escritoras/es e ilustradoras/es en defensa dos dereitos humanos. Un deles, o coñecido autor Antonio Reigosa, contribuirá ao debate coas lectoras e lectores, en calidade de autor dun dos múltiples relatos que compoñen o libro. Ao debate contribuirán tamén Belén Regueiro e Carlos Fernández, en calidade de responsábeis do grupo de Lugo de Amnistía Internacional.» (Implicadas No Desenvolvemento)

Presentación en Ferrol de Aulas no camiño, de Xosé Leira López

O 18 de xaneiro ás 20:00 horas na Galería Sargadelos de Ferrol (R/ Rubalcava 30-32) presentarase a obra de Xosé Leira López Aulas no camiño. Diálogos nun camiño da cultura europea. Intervirán Rosa Méndez (coordinadora de Aulas no camiño), Felipe Arias (director xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia), Yolanda Díaz (Concelleira de Cultura do Concello de Ferrol) e o autor.