Presentación en Vigo de “A porta verde do sétimo andar”

O colectivo vigués A porta verde do sétimo andar presentará en Vigo a súa primeira colectánea poética. Unha edición dos autores que leva por título o nome da organización na que participan Alfonso Láuzara, Alfonso Rodríguez, Abilio Rodríguez, Luís Viñas, Elvira Riveiro Tobío, Cruz Martínez, Rosa Martínez, Manolo Pipas e Alberte Momán. Será o xoves 20 de setembro, na Galería Sargadelos de Vigo, ás 20:00 horas.

Anxos Sumai gaña o II Premio narrativa breve Repsol IPF

«Documentalista, tradutora e colaboradora en diversos medios de comunicación, Sumai opina que o momento de confusión arredor da Literatura galega se debe, en grande parte, á rapidez con que a sociedade de consumo galdufra os produtos culturais, non só no panorama editorial senón tamén na televisión ou na plástica. “Vivimos como se o publicado hai dous anos non existise, como se estivese nacendo -en palabras de Borrazás- un Ulises cada ano. Publícase moito e iso é bo para os lectores, porque temos máis onde escoller, pero a oferta é imposible de apreixar. Non hai ningún asesoramento fiable para movernos nesa xungla. Os críticos veñen dicir que todas as obras son estupendas, as editoriais non esixen niveis de calidade e aos autores fáltanos autocrítica”.» (Galicia-Hoxe.com)

Marcos Calveiro gaña o premio Ala Delta de literatura infantil

«Por primeira vez, unha obra na nosa lingua gaña o Premio Ala Delta de Literatura Infantil. O carteiro de Karrada, de Marcos S. Calveiro, foi seleccionada entre máis dun cento de obras escritas nas catro linguas oficiais do estado. O premio, que este ano acadou a súa edición número 18, está dotado con 12.100 euros. No seu blog, o autor agradece o apoio do editor Ignacio Chao e do crítico Martin Pawley, e salienta o feito de que, nunha época “en que a nosa lingua está recibindo tantos ataques”, se recoñeza unha obra escrita en galego.» (Vieiros)