María Lado gaña o VIº Premio Carlos Casares de microrrelato

O xurado do Liceo de Ourense terá a honra esta 22 de xuño de conceder o VIº Premio Carlos Casares de microrrelato a María Lado Lariño, polo seu relato Alugueres antigos, presentado baixo o lema Anabel Lee. Asimesmo o xurado decidiu conceder dous accésits polos relatos Sangue de Fátima González Comesaña e O limoeiro de María Lorenzo Miguéns. O acto será ás 20:30 horas no Salón Nobre do Liceo.

Entrega do VIº Premio Carlos Casares de microrrelato do Liceo de Ourense

O venres 22 de xuño, ás 20:30 horas no Salón Nobre do Liceo, celebrarase o acto de entrega do “VIº Premio Carlos Casares de microrrelato”, ao que se presentaron case setecentos traballos. O acto, no que se lembrará a figura do falecido escritor que dá nome aos premios, D. Carlos Casares Mouriño, socio de honra da institución cultural, rematará coa actuación da Coral do Liceo.

Lois Diéguez presenta en Sarria “O canto do muecín”

O escritor Lois Diéguez presenta o día 22 xuño (venres) ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Sarria, O canto do muecín, a súa última novela (A Nosa Terra). Na presentación o autor fará un itinerario por distintos textos da novela a través de imaxes, música e lecturas nunha montaxe do grupo poético Círculos Líticos; contará coa participación da presidenta da A. C.Peleriños Milagros Núñez e os escritores, profesores e profesoras, e técnicos de imaxe: Isidro Novo, Antón Fortes, Mario Núñez, Divina Fernández e Camilo Santos. Desde as 18:30 horas o autor estará na Casa da Cultura para a asinatura de libros.

Presentación en Compostela do nº 1 da revista “Roteiros. Arumes de pensamento crítico”

A presentación do Nº 1 da revista Roteiros. Arumes de pensamento crítico terá lugar na Galería Sargadelos de Compostela (Rúa Nova, 16) o xoves 21 de xuño ás 20:00 horas. No acto intervirán os membros do Comité de redacción da revista Isidro García Tato e Moisés Lozano Paz. Está organizada por 3C3 Editores e Asociación Cultural de Pensamento Filosófico.

Luz Pozo Garza, Miguel Anxo Fernán-Vello, Ánxeles Penas e Xulio Valcárcel recitarán na Arabesque Gallery d’ A Coruña

Arabesque GalleryO 21 de xuño, ás 20:30 horas, Luz Pozo Garza, Miguel Anxo Fernán-Vello, Ánxeles Penas e Xulio Valcárcel participarán nun recital poético ofrecido pola Arabesque Gallery (Pza. María Pita, 25B) con motivo da mostra “Transformando a materia”, de Enrique Ferrer, Fina Mantiñán e Ánxeles Penas.