O sábado 7 de novembro, a partir das 12:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, a Irmandade Manuel María e a Asociación Cultural Xermolos van nomear a David Otero “Chairego de Honra”, un recoñecemento polo seu labor de espallador das esencias da Terra Chá por todas as comarcas do país. Os actos comenzarán a esa hora na Casa da Cultura, cunha táboa redonda na que van intervir Helena Villar, Xoán C. Garrido, Héitor Picallo, Mini e Mero, Xabier P. DoCampo, Alfonso Blanco e Xulio Xiz… Despois do xantar haberá un concerto de Mini e Mero e o Gaiteiro Nubeiro Raúl Galego.
Para apuntarse ao xantar, é preciso chamar ao teléfono 646413890 ou enviar un correo electrónico a xermolos@xermolos.org
Arquivos da etiqueta: A. C. Xermolos
Os Vilares, Guitiriz: homenaxe a Xosé María Díaz Castro
Outeiro de Rei: Memoria da Chaira Enteira 2015, o martes 8 de setembro
Salvemos a casa de Díaz Castro
Campaña da A. C. Xermolos en Change.org:
“Este é un chamamento da Asociación Cultural Xermolos ás institucións competentes para iniciar de xeito urxente as obras necesarias que conduzan á conservación e restauración da casa natal do poeta Díaz Castro, que na actualidade se atopa en grave perigo de derrubamento.
Esta vivenda situada na aldea do Vilariño, en Gutiriz, constitúe un notable exemplo de arquitectura labrega, polo cal mistura o valor patrimonial co simbolismo de ser o lugar onde se atopa a xenealoxía emocional de Nimbos.
Colabora coa túa sinatura para que a beleza que feriu ao noso poeta non desapareza para sempre. Porque Díaz Castro merece que non só se conserve a súa poesía senón todas as cousas que amou.
Un paso adiante, e outro máis, Galiza!“
Xermolos inicia a campaña Letras Sempre
É tal a pegada que está a ter o Ano de Díaz Castro que Xermolos sente a necesidade de afondar nesta fortuna de poder celebrar ó poeta de Guitiriz. Xa a comezos dos 80 viviu intensamente algo semellante, a recuperación de Díaz Castro, que vivía en Madrid xa esquecido ata polos veciños. Cando retorna colabora con Xermolos que converte nun dos seus fogares ata o seu pasamento. Coa designación do Día das Letras Galegas, Xermolos, aínda reforzou a súa experiencia de como tiñan que multiplicar o esforzo para que o poeta tamén fose lido e coñecido máis alá… Pero o proceso foi marabilloso en todos os sectores da poboación, a comarca sentiu intensamente a beleza dos versos do autor de Guitiriz, e houbo unha fervenza creativa en todo o país. Agora coa campaña Letras sempre: De Díaz Castro a Manuel María, quere compartir a súa vivencia deste ano con todo o país, porque considera que en todas as comarcas, hai escritoras e escritores que cómpre ler e coñecer, ó pé da casa en toda Galicia… Coma a Díaz Castro, considéraos verdadeiros monumentos literarios, coma os castros, igrexas con valor artístico, as paisaxes, etc… Máis alá da designación da autora ou autor da Festa das Letras pola Academia, cada comarca debe celebrar sempre ás e os seus cantores. Xermolos está en contacto con asociacións e centros de ensino de varias comarcas para seguir achegando o legado de Díaz Castro, mesmo o vindeiro ano nos 25 anos do seu pasamento. Esta campaña comezou o sábado 6 de setembro no XXVIII Festival da Poesía en Salvaterra do Miño, cun concerto de A Quenlla dos versos de Díaz Castro, Manuel María e outr@s poetas, e rematará o 12 de setembro do 2015, na XXXVIII Romaxe de crentes galegos en Penas de Rodas de Outeiro de Rei.
A andadura deste ano inspirou a Xermolos varias actividades que vai suxerir a institucións coma asociacións e centros de ensino, así o Certame Escolar de creación audiovisual Nimbos de Luz, dado o número de gravacións que este ano recibiu para o Certame Terra Chá, ou a Festa da Fala que celebrou no San Alberte… Vai potenciar a Casa das Palabras onde se conserva o legado de Díaz Castro, para que en todas as comarcas se faga outro tanto c@s seus autores.. Apostou pola cultura de base, a que protagonizan cada día as mulleres e homes do noso pobo, principiando polos máis novos, convencidos de que moitas institucións so manipulan as esencias do pobo coma unha pantalla que escurece as angueiras creadoras das e dos “bos e xenerosos”.”
Parga, Guitiriz: Festa da Fala, na Romaxe do San Alberte
XXXV Certame Terra Chá de literatura e debuxo infantil, dedicado a Xosé María Díaz Castro
Lugo envórcase co chairego Díaz Castro
Desde Sermos Galiza:
“Na Escola da Conchada, na que Díaz Castro fixo os seus primeiros estudos, a área de cultura da Deputación de Lugo presentou o seu programa de actividades, en relación con asociacións e outras entidades, para honrar este ano o poeta chairego.
O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, defendeu a necesidade de “poñer en valor a vida e obra de Díaz Castro, de quen outro chairego bo e xeneroso como foi o poeta Manuel María deixou escrito no seu libro Terra Chá que era “profunda voz d’Os Vilares: suco, semente, alto mastro, esencia e flor de ensoñares!”.
Canda el, representantes de diversas entidades daban conta da colaboración da institución na elaboración de proxectos conxuntos como o documental O instante eterno, dirixido por Xosé Antón Cascudo que xa fora presentado na Casa Habanera de Guitiriz que defendeu como ferramenta de grande valor para dar a coñecer a obra de Díaz Castro. Na presentación participou tamén Armando Requeixo, investigador e especialista na obra de Díaz Castro de quen vén de presentar a súa tese doutoral, que coordinará a obra Poesía Galega Completa, editada por Galaxia, a necesaria compilación da obra completa do poeta na que a Deputación colabora desde a súa Área de Cultura.
O IES Poeta Díaz Castro non só dinamiza o concello coas súas actividades arredor do escritor que lle dá nome senón foi un dos axentes que máis participou na campaña que reclamaba o Día das Letras Galegas para o poeta. Audivosuais e materiais didácticos son algunhas das liñas de actuación do centro que leva moito tempo traballando na obra e a figura de Díaz Castro e implicando non só o alumnado senón tamén a veciñanza da localidade.
Profesor tamén no centro foi Alfonso Blanco Torrado, amigo do poeta e presidente da Asociación Cultural Xermolos, sen dúbida, a entidade á que máis se lle debe a recuperación e difusión da memoria de Díaz Castro. Da súa man nacerá un documento audiovisual coa colaboración da Quenlla.
“Orgullámonos de poder presentar hoxe as moi diversas colaboracións que desde a área de Cultura contribuímos con gusto a impulsar, e de poder contribuír, deste xeito, ao recoñecemento dun galego bo e xeneroso que, mesmo estando na emigración, sempre levou moi dentro Galiza, sen esquecer nunca nin a súa terra nin a súa lingua”, sinalou Mario Outeiro no acto de presentación das actividades nas que lembrou os escritores Manuel Maria, tamén da Terra Chá e Carvalho Calero, moi vencellado a Lugo onde impartiu aulas, como merecedores do recoñecemento.”
Guitiriz: Ofrenda poético-floral no centenario do nacemento de Xosé María Díaz Castro
Dada a amábel conxuntura de que estándomos no ano no que a Real Academia Galega dedica o Día das Letras Galegas ao guitiricense Xosé María Díaz Castro, e tamén que no 19 deste mes de febreiro é cando se cumpre o centenario do seu nacemento, dende esta Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co apoio e colaboración do Centro Pen Galicia e a Asociación Cultural Xermolos, convidamos ao acto poético-floral que por ese secular motivo se celebrará no camposanto de San Xoán de Lagostelle ás cinco da tarde, coa intención de que sexa o preludio dos moitos recoñecementos que neste ano e nos que sigan reciba o autor chairego.
Localización da Igrexa parroquial de San Xoán de Lagostelle
Estas son outras actividades relacionadas coa figura de Xosé María Díaz Castro da A. C. Xermolos:
Guitiriz: o centenario de Díaz Castro inaugura os actos do ano dedicado ao poeta
Desde Sermos Galiza:
“O ano no que a Academia decidiu adicar o Día das Letras Galegas a Díaz Castro é tamén o do seu centenario. Será o próximo 19 de febreiro a data na que con distintos actos en Guitiriz se conmemore os cen anos do seu nacemento, saída tamén para un ano de festexos arredor do autor de Nimbos, levados adiante pola A. C. Xermolos.
Unha ofrenda poético-floral da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega no cemiterio de Guitiriz ás 17.00 horas iniciará unha sesión de tarde na que se darán cita no concello natal de Díaz Castro algunhas das máis madrugadoras iniciativas do ano no que se lle dedica o Día das Letras Galegas.
Será ocasión tamén para inaugurar a exposición Nimbos de luz da Xunta, que quedará aberta na Casa Habanera e que conta con Alfonso Blanco -amigo e estudoso do autor- como comisario nun acto que contará tamén coa intervención do escritor Luís González Tosar e o investigador e crítico Armando Requeixo, autor a súa vez da primeira biografía do ano arredor do autor titulada Xosé María Díaz Castro. Vida e obra que se presentará a seguir.
A estrea do documental O instante eterno. de Xosé A. Cascudo, porá fin á xornada de homenaxe aberta ao público en Guitiriz, concello no que, desde primeiras horas da mañá, a lembranza será continua, de parte do alumnado da comarca, en especial, do centro que leva o seu nome.
O programa escolar comezará ás 10:30 coa visita á exposición por parte dos CEIP de Parga e Guitiriz. O espectáculo musical Zapatiños para Díaz Castro, de 2naFronteira inclúese tamén nunha xornada e mañá na que desde as 12:30 están convidados os colexios de Friol e o IES Urbano Lugrís da Coruña á festa da aniversario de Díaz Castro.”