Vilariño, Cangas: nova edición de A hostia en verso

O mércores 17 de agosto, ás 22:00 h., dentro do Festival Folk de Vilariño (na praia do mesmo nome en Cangas), terá lugar unha nova edición de A hostia en verso. No acto participan Daniel Landesa, Laura Sáez, Xabier Xil Xardón, Daniel Costas Currás, Nolim González e Ledicia Costas, exercendo como mestras de cerimonias María Lado e Lucía Aldao, tamén coñecidas como “as desolemnizadoras da poesía”. A música correrá a cargo de Mig Seoane. O enfrontamento será entre Protóns e Neutróns.

Vigo: VI edición de A hostia en verso

O venres 15 de xullo, ás 22:00 h., no Pub Alma (Rúa Pobladores, 9) de Vigo, terá lugar a VI edición da velada lírica bautizada co lema de A hostia en verso. Desta volta, baixo o título de Capuletos vs. Montescos, revivirán a paixón e a fatalidade shakesperianas Ledicia Costas, Daniel Landesa, Xabier Xil Xardón, Elvira Riveiro, Isaac Xubín e Daniel Costas Currás. O acto é unha divertida velada na que ambos equipos se enfrontarán para gañar o favor do público e estará presentado polas poetas Lucía Aldao e María Lado, e contará tamén coa intervención musical de Mig Seoane. Esta sesión enmárcase dentro do V Curso de verán de Lingua e Cultura galega para estranxeiros da Universidade de Vigo.

Pontevedra: nova edición de A hostia en verso

O venres 4 de febreiro ás 20:00 h., no Café Moderno (Praza de San Xosé, 3) de Pontevedra, terá lugar unha nova edición de A hostia en verso. Este combate lírico enfrentará os poetas do proletariado contra os poetas pequeno burgueses. Actuarán Ledicia Costas, Daniel Landesa, Xavier Xardón, David Rodríguez, Lara do Ar e Eduardo Estévez. O acto é unha divertida velada na que ambos equipos se enfrontarán para gañar o favor do público, e estará presentado polas poetas Lucía Aldao e María Lado, que xa sacaron da súa mente enferma un número sorpresa. Contará tamén coa intervención musical da banda Mr. Carácter. Como noutras edicións, o público asistente é máis ca un espectador silencioso e verase reconfortado coa posibilidade de votar el mesmo o equipo gañador ao longo dos tres asaltos que compoñen este singular combate!!!

Vigo: II edición de A hostia en verso, recital con poesía, música e pintura

O venres 19 de novembro, a partir das 21:30 h., na Galería Jazz (Ronda de don Bosco, 21) de Vigo, celebrarase a segunda edición de A hostia en verso, un combate lírico que enfrentará a Ledicia Costas, Daniel Landesa, David Rodríguez, Lara do Ar, Miguel Valverde e Xabi Xardón, ou o que é o mesmo: poetas montañeses VS. poetas pescos! O acto estará presentado polas tamén poetas Lucía Aldao e María Lado e contará coa intervención musical de Mr. Carácter. Para máis, a pintora María Longa fará unha intervención en directo.

Vigo: recital A hostia en verso, con poesía, música e artes plásticas

O sábado 25 de setembro, ás 21:30 horas, terá lugar no Café Golem (Churruca, Vigo) un combate lírico que enfrentará a Ledicia Costas, Daniel Landesa, Laura Sáez, David Rodríguez, Lara do Are e Miguel Valverde, baixo o nome de A hostia en verso. O acto será unha divertida velada na que ambos equipos se enfrontarán para gañar o favor do público e estará presentado polas poetas Lucía Aldao e María Lado. Contarán tamén coa intervención musical do Leo i Arremecághona, e a das artistas plásticas Antía Sánchez e María Longa, que realizarán senllas obras en directo. Haberá tamén ricos e gratuítos petiscos para o público asistente, que se verá reconfortado coa posibilidade de votar el mesmo o equipo gañador ao longo dos tres asaltos que compoñen este singular combate.