Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2020 para o 27 e 28 de xuño

O 27 de xuño continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para estes días:

Sábado 27
13:00 h. Emma Pedreira asina As fauces feroces, publicado por Baía e Os corpos invisibles, publicado por Xerais.
18:00 h. Marcos Viso asina O meu baleiro, publicado por Hércules de Edicións.
18:00 h. Kiko da Silva asina Aprende banda deseñada con Fiz, publicado por Xerais.
19:00 h. Aurora Marco asina Irmandiñas e Foula e ronsel, publicados por Laiovento.
19:00 h. Héitor Picallo asina As letras galegas en caricatura (1962-2020), edición do autor.
20:00 h. Elena Gallego Abad asina Dragal, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.
20:00 h. Xosé Antón Perozo asina Amor amargo, publicado por Auga Editora, e O enigma de Embívicus, publicado por Galaxia.

Domingo 28
18:00 h. Lara do Ar asina Órbita, publicado por Xerais.
19:00 h. Antón Patiño asina Esquizoide, publicado por Elvira.
19:00 h. Diego QS asina Escolma de violência, publicado por Urutau.
20:00 h. Iria Vázquez Silva e Ana Martínez González asinan Cómplices. A violencia machista institucional, publicado por Galaxia.

Vigo: presentación de Welcome to Sing Sing, de Elvira Ribeiro

Vigo: segunda sesión de Merendacea, Poesía para devorar

O venres 1 de xullo, a partir das 20:30 horas, no Museo Verbum-Casa das Palabras (Avenida de Samil, 17) de Vigo, terá lugar a segunda sesión de Merendacea, Poesía para devorar, unha creación dos Poetas da Hostia en Verso producida polo Verbum. Trátase dun espectáculo de variedades poéticas creado colectivamente por unha serie de artistas que procuran explorar novos camiños para a lírica. Neses camiños cabe a videocreación, a música en directo, a danza, o teatro, a pintura e mesmo o humor, elementos que se poderán ver nos pequenos números que compoñen esta segunda merendola lírica. Desta ocasión, os versos correrán por conta de Lara do Ar, Daniel Landesa (que une os seus esforzos ao músico Mr. Carácter), Ledicia Costas, quen contará colaboración de Nuria Carballido, Estíbaliz Espinosa, Elvira Riveiro, Xabier Xil Xardón, Lucía Aldao, María Lado, Xosé Manuel Esperante e Nolim González, que virá acompañado de Dj. Cocón. A pintora e deseñadora María Longa é, desta volta, a autora dos obxectos poéticos que se sortearán entre os asistentes e a artista Nela Quesada participará cunha intervención en directo. Os espontáneos e insuperables Carlos Castro e David Santos porán cordura e música en directo. A tralla e a arroutada tráea o atlántico Xurxo Souto, que fará as veces de presentador e mestre de cerimonias.

Gondomar: nova edición de A hostia en verso, recital de poesía e música

O sábado 30 de abril, ás 22:00 h., na Casa da Lectura (Nogueira, 8, Donas) de Gondomar terá lugar unha nova edición do singular e itinerante enfrontamento de poetas A hostia en verso. Desta volta concorrerán aos comicios poéticos Ledicia Costas, Daniel Landesa, Xabier Xil Xardón, Lara do Ar, Elvira Riveiro, Eduardo Estévez e Miguel Valverde ou o que é o mesmo: Poetas corruptos versus Poetas mafiosos!. O acto é unha divertida velada na que ambos equipos se enfrontarán para gañar o favor do público e estará presentado polas poetas Lucía Aldao e María Lado, que xa sacaron da súa mente enferma un número sorpresa. Contará tamén coa intervención musical do dúo electrónico IgMig.

Vigo: primeira sesión do Cabaret poético Merendacea, no Verbum

O venres 18 de marzo, ás 20:30 horas, terá lugar no museo Verbum–Casa das Palabras (Avenida de Samil, 17) de Vigo a primeira sesión do cabaret poético Merendacea, a nova proposta dos creadores dos recitais–combate A hostia en verso. Merendacea é un espectáculo colectivo estruturado en base a pequenos números que teñen como denominador común a lírica. É un recital, pero non só iso. Nace da necesidade de experimentación dun grupo de creadores que procuran novas maneiras de transmitir o feito poético ao público. Por iso en Merendacea hai versos, música electrónica, títeres que recitan a Lois Pereiro, unha subasta de obxectos poéticos, videocreación e, sobre todo, moito humor. E tal vez unha escasa dose de solemnidade, necesaria aínda non sabemos moi ben para que. Nesta primeira sesión porán os versos, e outras cousas, Ledicia Costas; Xabier Xil Xardón; Daniel Landesa e a pintora María Longa; David Rodríguez; Lara do Ar; Miguel Valverde; María Reimondez e o titiriteiro Borxa Ínsua. O indefinible dúo eléctrico IgMig encargarase da parte musical, a artista d’O sorriso Felino elaborou os incribles poemas-obxecto e as poetas María Lado e Lucía Aldao oficiarán de presentadoras desta singular noite. Merendacea é un proxecto producido integramente polo museo Verbum–Casa das Palabras de Vigo.

Pontevedra: nova edición de A hostia en verso

O venres 4 de febreiro ás 20:00 h., no Café Moderno (Praza de San Xosé, 3) de Pontevedra, terá lugar unha nova edición de A hostia en verso. Este combate lírico enfrentará os poetas do proletariado contra os poetas pequeno burgueses. Actuarán Ledicia Costas, Daniel Landesa, Xavier Xardón, David Rodríguez, Lara do Ar e Eduardo Estévez. O acto é unha divertida velada na que ambos equipos se enfrontarán para gañar o favor do público, e estará presentado polas poetas Lucía Aldao e María Lado, que xa sacaron da súa mente enferma un número sorpresa. Contará tamén coa intervención musical da banda Mr. Carácter. Como noutras edicións, o público asistente é máis ca un espectador silencioso e verase reconfortado coa posibilidade de votar el mesmo o equipo gañador ao longo dos tres asaltos que compoñen este singular combate!!!