Arquivos da etiqueta: Achegas á Simboloxía do Románico da Ulloa
Xosé Lois García: “Cómpre sensibilizar a xente que vive perto de templos románicos do seu valor expresivo”
Entrevista de Xosé Barros a Xosé Lois García en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Cal é esa simboloxía románica á que fai referencia no título da súa obra?
– Xosé Lois García (XLG): É un estudo de investigación e análise da iconografía románica, nos seus pormenorizados temarios: antropomorfismo, zoomorfismo e fitomorfismo, os tres temas de maior transcendencia e visibilidade, que exercen varias lecturas no sentido dualista, do ben e do mal. Hai outros temas interesantes como son os elementos xeométricos e a orientación de todos eles que conforman este amplo cuestionario da simboloxía románica.
– ND: Que mostras da arte románica poden atoparse na Ulloa?
– XLG: Todas as que teñen referencia nas diversas expresións do século XII e XIII románico, e aínda do XIV, o románico tardío ou rural, etapa de transición do románico ao gótico. Os meus traballos non entran demasiado no tema da arte. O que eu estudo pertence á semiótica, todo aquilo que está representado en signos que descifran o símbolo iconográfico románico. É un tema moi minoritario e pouco desenvolvido até agora na Galiza. Do que coñecemos de arte románica, sobre estruturas arquitectónicas e históricas, a Galiza está moi adiantada nestes temarios e con excelentes estudosos e técnicos. (…)
– ND: Que importancia teñen libros como este para achegar ao público xeral o Románico galego, neste caso da Ulloa?
– XLG: Este tipo de traballos de campo e no que eu investigo sobre simboloxía, non son os máis doados para que a xeneralidade de persoas o entendan de súbito todo ese tecido técnico e de linguaxe que emiten as iconas. Cómpre sensibilizar a xente que vive a redor destes templos románicos do valor expresivo de tantas cousas que constatan referentes da tradición dos nosos devanceiros e da nosa cultura de hai novecentos anos.
Nestes momentos hai unha explotación desmesurada de intereses, no que se emprega ese “todo vale”, visitas en que certos guías explican o templo desde un acomodo de chiste persoal, que nada ten que ver coa realidade que emiten eses elementos iconográficos. Mais non todo é así, hai guías moi competentes que afondan na realidade do monumento que contemplan visitantes e turistas.”