Desde Agadic:
“O Salón Teatro de Santiago de Compostela recibe esta semana a Contraproducións con sete pases do espectáculo Fillos do sol, unha proposta escénica de Cándido Pazó arredor da figura do escritor Eduardo Pondal e do seu poema épico Os Eoas. Serán catro funcións para público xeral, do xoves 9 ao domingo 12, e outras tres dirixidas a escolares, nos días lectivos.
A compañía galega presenta esta montaxe no centenario da morte do autor de Ponteceso, un dos piares literarios do Rexurdimento Galego, e faino achegándose á súa vida e obra a través dunha produción que mestura realidade ficcionada e fabulación dramática.
Interpretado por César Cambeiro, un Don Eduardo xa octoxenario e comesto pola neurose, confronta as súas dúbidas, medos e insatisfaccións creativas cun personaxe nacido da súa perturbación, Eduardo, que non é outro que el mesmo cando comezaba de mozo a súa carreira literaria. Adrián Ríos é o actor que se pon neste papel, formando parte dun elenco que completa Alba Bermúdez como Rosa, a criada da pensión na que o bardo pasou a última etapa da súa vida.
O traballo actoral é un dos principais reclamos desta montaxe, xa que se presenta como un elaborado exercicio de interpretación ao servizo dun texto, dunha lingua e duns personaxes. O espectáculo conta tamén cunha coidada iluminación, obra de Afonso Castro, e cunha música orixinal composta por Guillerme Fernández que lle dá vida sonora ás emocións e ao ritmo escénico.
Con dúas tramas entrelazadas e ritmos cambiantes, Fillos do sol combina momentos de reflexión (sobre a historia e a creación literaria, a lingua e a identidade colectiva), de comicidade (da expresión e da sabedoría popular), e de emoción (pola tenrura das relacións humanas).
A venda anticipada de entradas para as funcións de público xeral (xoves, venres e sábado ás 20,30 h. e domingo ás 18,00 h.) está xa dispoñible no web entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443. No despacho de billetes do teatro poderán adquirirse desde dúas horas antes do comezo do espectáculo.”
Arquivos da etiqueta: Adrián Ríos
Casilda Alfaro e Adrián Ríos: “Silda & Hadrián é un agasallo de Manuel Lourenzo sobre dúas formas de ver o teatro”
Entrevista a Casilda Alfaro e Adrián Ríos en Erregueté:
“Casilda Alfaro e Adrián Ríos presentaron no Salasón de Cangas, Silda & Hadrián, unha micropeza escrita por Manuel Lourenzo e dirixida por Salvador del Río e na que conflúen dúas xeracións e dúas formas de ver o mundo e o teatro. Conversamos cos dous intépretes do Morrazo para coñecer un pouco máis sobre este proxecto que convida a reflexionar sobre o oficio actoral. |Vanesa M. Sotelo|
– Erregueté: Que é e como nace Silda & Hadrián?
– Adrián (A).- Nace con Manuel Lourenzo durante o Festival Internacional de Outono de Carballo ao descubrir que Silda e mais eu nos coñeciamos desde había tempo. A el fíxolle ilusión atopar a dúas xeracións dispares no tempo que estaban conectadas a través do teatro e aos poucos días recibín no meu correo un texto como homenaxe a esa descuberta. Manolo escribiu unha pequena parodia para os dous como un agasallo. Tanto a Silda como a min dábanos mágoa que ese detalle quedase na bandexa de entrada do correo e atopamos na Mostra de Cangas o espazo ideal para darlle forma. Sabemos que é unha parodia e que é unha peza moi breve pero que agocha certa complexidade. Nela está o encontro entre dúas xeracións, entre dúas formas de ver o teatro: o dunha actriz que leva moitos anos máis traballando nisto e un actor que comezou nunha etapa diferente e con outros referentes. O que se reflicte no texto é ese encontro desde o amor, desde o cariño, desde o coñecemento e desde a amizade.
– Casilda.- Silda & Hadrián ofrece dúas formas distintas de ver o teatro, de ver o mundo, de ver a vida e de ver o amor. É unha parodia que reflicte eses dous mundos tan diferentes de dúas persoas que se aprecian, que se coñecen moito, que son da mesma zona: el é un galán e ela é unha muller que o observa desde a fiestra do Tostadeiro (bar), que segue a súa traxectoria, que vai a todas as funcións. Ela é a súa espectadora fiel pero tamén é actriz.
– A:.- É unha relación moi bonita que garda un paralelismo coa realidade. Eu comecei neste mundo grazas a Casilda: foi a miña mestra durante dous anos e axudoume a preparar as probas de acceso para a ESAD. Ela foi a que me deu o empurrón final para meterme no camiño da interpretación e o texto agocha tamén esa idea de querer ver que estamos facendo agora. (…)”