A homenaxe á literatura infantil será múltiple no próximo Salón do Libro

Desde Sermos Galiza:
“Cada ano, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra homenaxea a un autor ou autora da escrita para públicos novos. A próxima será a 15 edición e, con este motivo, queren celebrar a tod@s que foron homenaxead@s en anteriores edicións.
María Vitoria Moreno, Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda, Bernardino Graña, Xabier P. DoCampo, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Paco Martín, Gloria Sánchez e Marilar Aleixandre son os autores e autoras que recibiron a homenaxe anual do Salón do Libro Infantil e Xuvenil que para a próxima edición, cando se cumpren 15 desde o seu nacemento, prepara un recoñecemento colectivo a quen se lle adicou até o momento a celebración anual.
Cociñando Contos será o tema escollido para a próxima edición, vencellado ao proxecto europeo Europa á carta no que participa en parcería coa editorial Oqo. A ilustradora da AGPI que se encargará de deseñar o o cartel será Natalia Rey González, Pirusca, que traballa na imaxe do encontro que terá lugar do 14 de marzo ao 5 de abril.”

Candidatos galegos para os premios ALMA

“Fixéronse públicas as candidaturas para a edición 2012 do Premio Memorial Astrid Lindgren (ALMA), un dos máis importantes da literatura infantil e xuvenil no ámbito internacional. Na lista figuran a escritora Fina Casalderrey e mais o ilustrador Miguelanxo Prado entre un total de 184 candidatos de 66 países. Esta é a lista completa de candidaturas. O nome dos gañadores darase a coñecer o 20 de marzo de 2012.” Vía AGPI.