Eva Veiga gaña o XIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

“En Sarria, a 20 de abril de 2013.

Reuniuse o xuri do XIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, composto por Rosa Enríquez, Xerardo Quintiá e Alfredo Ferreiro, actuando con voz e sen voto como Presidente o Concelleiro de Cultura de Sarria, Francisco Pérez e como Secretaria a Presidenta da A. C. Ergueitos, María Casar.
Logo dunha intensa deliberación motivada pola cantidade e calidade dos poemarios presentados o ditame final realizouse sobre catro obras, as presentadas baixo os lemas: Viaxe circular, Sen fin, Verán e a que acordamos por unanimidade é a gañadora desta edición do Fiz Vergara Vilariño, presentada baixo o lema A distancia do tambor e seudónimo Baruch Sanarai. Destacamos desta obra o uso novidoso e minimalista da linguaxe poética a través dunha marcada e contida intensidade expresiva e que propón unha reflexión sobre o espazo como un lugar vivo.
Aberta a plica en acto público ás 13:30 horas a obra presentada baixo o lema A distancia do tambor resultou ser da autoría de Eva Veiga Torre.”

Sarria: presentación de A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval

O venres 22 de febreiro, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura de Sarria (Rúa Marqués de Ugena, s/n), preséntase a novela A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, publicada en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, María Casar, presidenta da A. C. Ergueitos. Intervirán os músicos Miguel Pita Rodríguez, piano; Olg Dzevelo, clarinete; Vadim Yukhnevich, acordeón e Hugo Rodríguez Rey, violín, profesores do Conservatorio Cantiga de Sarria.

Lugo: presentación do catálogo do Roteiro artístico-literario Fiz Vergara Vilariño

O venres 28 de decembro, ás 20:00 horas, no Museo Provincial de Lugo, preséntase o catálogo do Roteiro artístico-literario Fiz Vergara Vilariño, con obras de Primitivo Lareu, Jesús Otero-Yglesias, Buciños, Álvaro de la Vega, Violeta Bernardo, Miguel Macía, Fernando Yáñez, Mónica Alonso, Paco Poy, Caxigueiro, Eudardo Valiña, Paco Pestana e Manolo Caamaño. O acto está convocado pola Asociación Cultural Ergueitos, co patrocinio da Área de Cultura e Turismo, vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo.

Convocado o XIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

BASES

1. O Concello de Sarria e a Agrupación Cultural Ergueitos convocan o XIII Premio de Poesía FIZ VERGARA VILARIÑO.
2. As obras presentadas deben estar escritas en lingua galega.
3. A extensión mínima será de 400 versos. Os orixinais deberán ser inéditos e non premiados en ningún outro certame.
4. Os traballos presentaranse por quintuplicado, mecanografados a dous espazos e baixo plica. Enviaranse por correo certificado a: XIII Premio de Poesía FIZ VERGARA VILARIÑO, Concello de Sarria, Rúa Maior 14, 27600 Sarria, até o 31 de xaneiro de 2013.
5. Estableceuse un único premio indivisíbel dotado con 6000 euros, suxeito á normativa fiscal vixente. O xuri poderá deixar deserto o premio se considera que as obras presentadas non acadan unha mínima calidade.
6. O xuri estará composto por persoas de prestixio no mundo da creación ou a crítica literaria. Actuarán como Secretaria a Presidenta da Agrupación Cultural Ergueitos e como Presidente o Concelleiro de Cultura de Sarria, os dous con voz e sen voto. A decisión do xuri será inapelábel e será dada a coñecer no primeiro cuatrimestre de 2013.
7. A obra premiada será propiedade do seu autor, agás a primeria edición que será publicada pola Editorial Espiral Maior. En posteriores edicións farase constar a condición de premiada no XIII Premio de Poesía FIZ VERGARA VILARIÑO.
8. Os orixinais non premiados non serán devoltos e serán destruidos. Non se manterá correspondencia cos autores/as.
9. A interpretación destas bases correspondelle ao xuri. A participación no certame implica a súa aceptación.

Sarria: entrega do XII Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño e Roteiro literario a Lóuzara, o 7 e 8 de xullo

O sábado 7 de xullo, a partir das 20:30 horas, na Casa da Cultura de Sarria, terá lugar a entrega do XII Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño, organizado pola Asociación Cultural Ergueitos. No acto, xunto á autora premiada este ano, Cristina Ferreiro, participan Estevo Creus, Antía Otero, Francisco X. Fernández Naval e Xerardo Quintiá, coa colaboración da bailarina Amparo Novas e o músico Iván Ouro.
O domingo 8 de xullo terá lugar unha nova edición do Roteiro literario a Lóuzara, con saída ás 11:30 horas. Para inscribirse nel e ter máis información pódese contactar con María Casar (teléfono 678601550 e correo mariacasar@hotmail.com) ou con Xerardo Alvaredo (teléfono 677429225 e correo gerardoalvaredo@gmail.com).

Cristina Ferreiro gaña o XII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

“O xuri do XII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, formado por Antía Otero, Estevo Creus, Francisco X. Fernández Naval, Francisco Pérez e María Casar, reunido na Casa do Concello de Sarria o sábado 14 de abril ás 11:00 horas, tras realizar a derradeira deliberación á que chegaron 12 poemarios resolveu conceder o premio á obra presentada baixo o lema: Abecedario póstumo, do que resultou ser autora Cristina Ferreiro.
O xuri destaca que o premio Fiz Vergara de poesía chegue a esta edición cunha enorme vitalidade, demostrada polo número de orixinais presentados, así como pola elevada calidade dos seus textos, o que o converte no centro das olladas de moitas e moitos poetas e un referente no panorama literario da poesía galega.
Esta obra foi destacada polo seu ritmo, por tratarse dunha peza non compartimentada, na que estamos ante un poema longo que inclúe textos de prosa poética e no que se reflicte a contemporaneidade máis actual. É, en certa medida, unha testemuña deste momento histórico, non como denuncia senón como receptora da realidade que vivimos. Reveladora e en certo modo visionaria. Nela trabállanse moi ben os silencios e as pausas, deixando espazos para o lector.
O xuri destacou que hai no libro un latexo de cidade asolagada que entronca co mito das cidades asolagadas galegas e co momento de incerteza e cambio que vivimos.” Vía A. C. Ergueitos.

Lugo: presentación de Fornelos & Fornelos, de Xerardo Quintiá

O venres 3 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría Trama (Avenida da Coruña, 21) de Lugo, preséntase o libro gañador do XI Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, Fornelos & Fornelos, de Xerardo Quintiá, publicado en Espiral Maior. No acto, organizado pola Agrupación Cultural Ergueitos, participan, xunto ao autor, María Casar, Baldo Ramos e Miguel Anxo Fernán-Vello.

Sarria: presentación de Fornelos & Fornelos, de Xerardo Quintiá

O venres 18 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Sarria, preséntase o libro Fornelos & Fornelos, de Xerardo Quintiá, publicada en Espiral Maior, obra gañadora do XI Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño. No acto, coorganizado pola editorial, o Concello de Sarria e a A. C. Ergueitos, participan, xunto ao autor, Xiana Arias, Miguel Anxo Fernán-Vello, Francisco Pérez e María Casar.