A. C. Ergueitos: Espiral Maior e o Fiz Vergara Vilariño

“A Agrupación Cultural Ergueitos comezou no ano 2000 o traballo de deseño e posta en marcha dun premio de poesía que levara o nome do poeta louzarín Fiz Vergara Vilariño. Foi unha decisión tomada dende a xustiza da súa valía poética e dende o afecto. E dende o inicio do proxecto, hai case vinte anos, o concello de Sarria estivo apoiando o premio, fomentando a difusión da poesía e da cultura e poñendo a Sarria no centro mesmo da vida cultural galega.
O Fiz recibiu o cariño do pobo de Sarria dende sempre e tamén iso se lle manifestou dende as institucións foran estas dirixidas por uns ou outros partidos políticos. O Fiz por méritos propios está chamado a ter un Dia das Letras Galegas máis cedo que tarde. E iso tamén importa .
O seu nome asignóuselle a unha rúa sendo concelleira de cultura polo PP Fe Vázquez Morán a finais dos anos noventa do século XX e o Fiz Vergara de poesía comezou a andar con Francisco Pérez como concelleiro de cultura nos inicios deste século, e dende hai 16 anos estivo organizado con gobernos municipais dos diferentes grupos políticos: PP, PSOE, Independentes, BNG… Institucionalizouse. E os labores organizativos recaen na A. C. Ergueitos.
É un premio de poesía que non aspira a máis que a render tributo a un poeta da nosa comarca e dar difusión aos gañadores e gañadoras do certame. Que se prepara con solidez e na procura unicamente da mellor obra de cada edición. Que se recoñece en todos os círculos culturais galegos e tamén é referencia noutros lugares do estado. Un premio que na difusión mesma das bases viaxa até todos os continentes e latitudes e busca manter a conexión coas galegas e galegos que viven no exterior.
O nome dun poeta e da nosa vila viaxan nas palabras até calquera recuncho onde haxa unha lectora ou lector de poesía ou alguén que estude a cultura galega contemporánea. Un proxecto cultural vinculado ao excelente labor dos membros de cada xurado que traballan e len con dedicación extrema para escoller cada ano entre o case centenar de obras que se presentan (superando no número con moito aos recibidos na maioría dos certames convocados) merece un pouco de seriedade.
Reprobar as declaracións dun deputado das Cortes é unha decisión política máis do xogo no que se entra no exercicio da política. Vincular as palabras de Miguel Anxo Fernán Vello co premio de poesía Fiz Vergara Vilariño é un despropósito. Primeiro porque as fixo Fernán Vello no seu nome e non no da editora Espiral Maior (de ser dende a responsabilidade de director da empresa sería outra cousa). E por dicir que sería case infinita a listaxe de empresas que polas declaracións dalgún dos seus directivos ou propietarios terían que ser reprobadas. E segundo e máis importante que o anterior porque Miguel Anxo Fernán Vello non ten responsabilidade na dirección de Espiral Maior dende hai meses. É dicir estase reprobando a Espiral Maior “per se”. A editorial Espiral Maior ten un administrador que non é Fernán Vello, el non forma parte da estrutura da editorial. Así está escriturado e así consta no Rexistro Mercantil. É bo documentarse.
Para reprobar a Espiral Maior deberíanse empregar argumentos que afecten ao cumprimento dos seus deberes neste premio. Da consecución dos compromisos adquiridos e do desenvolvemento do estipulado nas bases. Forma parte das bases que a obra premiada será editada en Espiral Maior porque é unha editorial de recoñecido prestixio, valorada polas poetas e os poetas como a mellor plataforma para chegar ao público lector. Cuns case 300 títulos editados na colección na que se inclúe o Fiz Vergara de poesía e cen máis noutras coleccións. Con 25 anos de dedicación á edición de poesía que fan dela un aval para o premio.
Non só estamos tratando da empresa editorial Espiral Maior. Estamos falando do Premio que nos enriquece como concello e como comarca e que vai unido indefectiblemente ao nome de Sarria.
A poesía, e a cultura están por riba deste debate político. Porque son iso: POESÍA, CULTURA. PALABRA ESCRITA QUE SE FAI VENTO PERO PERMANECE.

MARÍA CASAR.
PRESIDENTA A.C. ERGUEITOS
Sárria 1 de outubro de 2016″

Marcos Abalde gaña o XIV Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, con Oenach

“En Sarria a 10 de maio de 2014.
Reuniuse o xuri do XIV Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, composto por Cristina Ferreiro, Xavier Rodríguez Baixeras e Miguel Mato Fondo, actuando con voz e sen voto como Presidente o Concelleiro de Cultura de Sarria, Francisco Pérez e como Secretaria a Presidenta de Ergueitos, María Casar.
Logo dunha intensa deliberación motivada pola cantidade e calidade dos poemarios presentados, o ditame final realizouse sobre dúas obras. A que acordamos por unanimidade é a gañadora desta edición do Fiz Vergara Vilariño, presentada baixo o lema Oenach e seudónimo Humus é a presentada baixo o lema Chegaron os xinetes das primeiras xeadas, da que aconsellamos a súa publicación.
Na obra gañadora, Oenach, destacamos a súa boa construción e alento poético, as recurrencias míticas e a denuncia da ignominia: Ceuta, Lampedusa, Tijuana, Guernika, San Simón… Hai neste libro unha feliz adaptación dun mito clásico á realidade histórica e social galega. Hai poesía e hai terra.
Aberta a plica en acto público ás 13:30 horas a obra presentada baixo o lema Oenach resultou ser da autoría de Marcos Abalde Covelo.”

Mañá sábado coñecerase a obra gañadora do XIV Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

O sábado 10 de maio reúnese o xuri do XIV Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, formado por Cristina Ferreiro, Xavier Rodríguez Baixeras e Miguel Mato Fondo, actuando como Presidente o Concelleiro de Cultura de Sarria, Francisco Pérez e como Secretaria a Presidenta de Ergueitos, María Casar, ambos os dous con voz e sen voto.
A plica da obra gañadora abrirase ás 13:30 horas no Salón de Plenos do Concello de Sárria e nese momento coñecerase quen é a persoa gañadora desta 14ª edición do Premio.

Sarria: entrega do XIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño a Eva Veiga

O sábado 14 de setembro, ás 19:30 horas, na Casa da Cultura de Sarria, entregarase o XIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño a Eva Veiga. No acto, organizado pola A. C. Ergueitos, participarán os membros do xuri Rosa Enríquez, Xerardo Quintiá, Alfredo Ferreiro, Francisco Pérez e María Casar, xunto ao artista plástico Miguel Ángel Macía.

Cristina Ferreiro gaña o XII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

“O xuri do XII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, formado por Antía Otero, Estevo Creus, Francisco X. Fernández Naval, Francisco Pérez e María Casar, reunido na Casa do Concello de Sarria o sábado 14 de abril ás 11:00 horas, tras realizar a derradeira deliberación á que chegaron 12 poemarios resolveu conceder o premio á obra presentada baixo o lema: Abecedario póstumo, do que resultou ser autora Cristina Ferreiro.
O xuri destaca que o premio Fiz Vergara de poesía chegue a esta edición cunha enorme vitalidade, demostrada polo número de orixinais presentados, así como pola elevada calidade dos seus textos, o que o converte no centro das olladas de moitas e moitos poetas e un referente no panorama literario da poesía galega.
Esta obra foi destacada polo seu ritmo, por tratarse dunha peza non compartimentada, na que estamos ante un poema longo que inclúe textos de prosa poética e no que se reflicte a contemporaneidade máis actual. É, en certa medida, unha testemuña deste momento histórico, non como denuncia senón como receptora da realidade que vivimos. Reveladora e en certo modo visionaria. Nela trabállanse moi ben os silencios e as pausas, deixando espazos para o lector.
O xuri destacou que hai no libro un latexo de cidade asolagada que entronca co mito das cidades asolagadas galegas e co momento de incerteza e cambio que vivimos.” Vía A. C. Ergueitos.

Sarria: presentación de Fornelos & Fornelos, de Xerardo Quintiá

O venres 18 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Sarria, preséntase o libro Fornelos & Fornelos, de Xerardo Quintiá, publicada en Espiral Maior, obra gañadora do XI Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño. No acto, coorganizado pola editorial, o Concello de Sarria e a A. C. Ergueitos, participan, xunto ao autor, Xiana Arias, Miguel Anxo Fernán-Vello, Francisco Pérez e María Casar.