Ribadeo: presentación de Cadernos Ribadenses. Especial Letras de Ribadeo

Este novo número dos Cadernos Ribadenses tenta ser unha mostra do querer literario da xente que vivimos neste curruncho ou que temos relación con el. Nel hai traballos de escritores e escritoras recoñecidos xunto con outros que teñen pouco publicado ou mesmo nunca o fixeran, e aos que animamos a darse a coñecer participando nesta publicación. Tamén fan a súa achega desde o mundo da ilustración e da fotografía persoas vinculadas dun ou doutro xeito a Ribadeo e que gozan xa de notoria experiencia no mundo da imaxe.
Con poemas ou relatos curtos colaboran Eva Moreda, Iván Reymóndez, Celia Castro, Tania Penabad, Alba López, Toni Deaño, Farruco Graña, Víctor Villar Caamaño, Paloma Díaz, Carmen Rodríguez, Arturo Mogo, Rosa Mª Saborido, Primi Nécega, Silvia Murias, Xosé Carlos Rodríguez Rañón, Pablo Villapol e Xavier Rodríguez Baixeras. Roberto Martínez (ilustración) e Javier Peña Monjardín, Belén Pérez Teijo, José Mª Álvarez e David Ribas Pena (fotografía) poñen imaxe a este Especial Letras de Ribadeo.

Os compositores galegos poñen música aos poetas galegos

A Concellaría de Mocidade, Solidaridade e Normalización Lingüística da Coruña e a Asociación Galega de Compositores coa colaboración do Conservatorio Profesional de Música da Coruña organizan o ciclo Música de Compositores Galegos sobre Poemas Galegos. O primeiro concerto terá lugar o domingo 10 de Maio de 2009 de 20 a 22 horas no Auditorio do Conservatorio Profesional de Música (Praza do Conservatorio, A Coruña), e contará coa participación de Alba López, soprano; María José Ladra, mezzosoprano; Ramón Carnota, guitarra, e Javier Vázquez Grela, piano. O repertorio será o seguinte:

1.ª PARTE

Miña nai,miña velliña. Texto: Manoel Cambeiro. Música: Carlos Cambeiro Alís
Pontedeume,un cantar que chove. Texto: Ramiro Fonte. Música: Miguel Brotóns
Irmaus (*). Texto: Celso Emilio Ferreiro. Música: Xoán Antón Vázquez Casas
Cantarei (*). Texto e música: Xoán Antón Vázquez Casas
Cantiga (*). Texto: Macías “o Namorado”. Música: Julio Montero
Tres cantigas sabias para dúas voces e guitarra (*): Esta é como Santa María avêo as dúas combooças que se querían mal; Como El Rey Don Affonso de Castela adoeçeu en Bitoria e poseronlle o Livro de Santa María e sanou; O pergureir’astrosso, a vella pobre e a súa ovella falante. Texto: Afonso X “O Sabio”. Música: Juan Pérez Berná sobre textos e melodías das CSM 68, 209 e 147

2ª PARTE

O beixo, Op. 81, nº 2 (*). Texto: Miguel Anxo Fernán Vello. Música: Paulino Pereiro
Corazón bolboreta. Texto: Ramón Cabanillas. Música: Juan Durán
Un repoludo gaiteiro. Texto: Rosalía de Castro. Música: Juan Durán
Cantiga n.º 2 de Cantiga Finisterrae. Texto: Miguel Anxo Fernán Vello. Música: Juan Durán
Os soños na gaiola (*). Texto: Manuel María. Música: Margarita Viso

As pezas sinaladas con (*) son estreas absolutas. A entrada é de balde até completar capacidade.