Alba Moledo Ucha, Rexina Vega e Carmen Villar, finalistas do XXII Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego

Desde Afundación:
“Afundación, a Obra Social de ABANCA, deu a coñecer en xullo na Sede Afundación de Pontevedra os artigos finalistas do XXII Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego que, nesta edición, ademais dos 10 000 euros para a gañadora, entregará tamén 2000 euros a cada unha das dúas finalistas. Tras a deliberación do xurado, integrado por Víctor Freixanes, Carlos Valle, Xosé Carlos Caneiro, Fina Casalderrey, Gloria Rodríguez e Diego Ameixeiras, fíxose pública a resolución das persoas finalistas desta edición. As persoas finalistas son, xa que logo, Alba Moledo Ucha por «Agromar» publicado en Diario de Pontevedra o 06/06/2024; Rexina Vega, por «Aínda aprendo», en Tempos Novos, o 01/01/2024; e Carmen Villar, por «A terra que nos ata ao mundo» en Faro de Vigo, o 19/05/2024.
Na rolda de prensa, Pedro Otero Espinar, director xerente de Afundación, subliñou «tanto a ardua tarefa de selección por parte do xurado, dada a calidade dos textos presentados, como o papel esencial que o xornalismo desempeña e que require grandes esforzos e se nos revela imprescindible». Fina Casalderrey, vogal decana do xurado, pola súa banda, quixo «agradecer a Afundación o mantemento deste premio, ao tempo que felicito a todas as persoas que enviaron o seu artigo, porque é un acto de xenerosidade e de humildade. Os temas foron variados, de índole intimista, feminista, de análise política, de identidade, de saúde física e mental e de reivindicación, e sempre cunha calidade tan elevada que nos levou a apaixonados debates na deliberación».
Todo o material desta rolda de prensa, xunto aos artigos finalistas, está dispoñible aquí.”