A xornalista Mar Mato recibe o XX Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego

Desde Galicia Confidencial:
“A xornalista Mar Mato foi galardoada este martes co XX Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego polo seu artigo Réquiem por un sombreiro publicado no Faro de Vigo.
A xornalista recibiu este martes en Vigo o galardón, nun acto no que estivo acompañada polos finalistas Manuel Varela e Begoña R. Sotelino; o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet; ou director xerente de Afundación, Pedro Otero Espinar; así como os integrantes do xurado.
En concreto, tal e como sinalou Afundación nun comunicado, integraron o xurado Víctor Freixanes, presidente e vogais como Fina Casalderrey, María Varela, Gloria Rodríguez López ou Xosé Carlos Caneiro.
A Obra Social de Abanca incidiu en que “con cada edición deste galardón” que convoca, contribúe a dinamizar o panorama cultural de Galicia. “E iso para nós significa materializar o compromiso adquirido para impulsar o coñecemento a través da cultura, especialmente nun ano no que Francisco Fernández del Riego é dobremente conmemorado: co Día das Letras Galegas e con este premio, que recoñece cada ano o labor, a favor das letras, a cultura e do progreso a través de ambas.”

Francisco Castro gaña o XIX Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego

Desde Afundación:
“O Café Moderno Afundación de Pontevedra celebrou o acto de entrega do XIX Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego o martes 25 de outubro, outorgado a Francisco Castro polo seu artigo «Coiden da música» publicado en La Voz de Galicia.
Acompañaron o premiado, ademais das outras dúas persoas finalistas, Cláudia Morán e Diego Giráldez, todas as persoas que conformaron nesta edición o xurado: Víctor Freixanes, presidente do xurado; Carlos Valle, secretario; Fina Casalderrey, vogal; Míriam Ferradáns, vogal; e Gloria Rodríguez López, vogal.
Tamén Camiño Noia, escritora, filóloga e profesora emérita da Universidade de Vigo, participou do acto, facendo unha introdución sobre a sobranceira figura de Francisco Fernández del Riego, a quen se lle dedicará o Día das Letras Galegas no vindeiro 2023. A raíz desta homenaxe, convocamos a vixésima edición do Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego, que presentará as súas persoas finalistas no mes de maio, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas.”