Piloño, Vila de Cruces: XIII Forxa Literaria da Fundación Paco Lareo

O primeiro libro de relatos de Letra en Obras supera as 1.000 descargas

“En Letra en Obras esta semana temos algo que celebrar. O libro homónimo, que recolle 17 relatos doutros tantos autores novos, superou xa o milleiro de descargas na rede. Os escritores Samuel L. Paris, David Pobra, Iria Ameixeiras, Brais Lamela, Elena Veiga Rilo, Andrés Carrasco, Raquel Boo Anderson, Paulo Martínez Lema, Alba Payo Froiz, Xurxo Martínez, Mónica Fernández Armesto, Brais Zas, Alberto Rodríguez Díaz, Celia Parra, Vidal, Paloma Calvo e Eva Moreda son os protagonistas desta obra que pode ser descargada na nosa páxina.” Vía Letra en Obras.

Alba Payo: “Na literatura a revolución tecnolóxica é inevitable”

“Así se define Alba Payo, que protagoniza unha das novas entrevistas de Letra en Obras: “Son Alba Payo Froiz da quenda do 1981, estudei Historia na USC, actualmente doulle á Historia da Arte pola UNED e ao Inglés na EOI. Recentemente publiquei O que Darwin non previu coa editorial Urco. Publiquei unha poesía; Matanza por Internet coa Solaina de Piloño. Participei no libro colectivo Deixade pois que voe o Paporroibo co relato A Roda. E publiquei na Revista Murguía de Historia Nº13: A rede escolar no Deza e Trasdeza nos ss.XVIII e XIX. A miña andanza literaria comezou na miña adolescencia obtendo o primeiro e o terceiro premio de relato curto Varela Buxán de Lalín e tamén alguna inmersión na poesía cun accésit no Francisco Añón de poesía en Serra de Outes. Actualmente son perpetua opositora á espera da miña oportunidade de ser profesora, mentres non caian os exames escribo as ideas que me rondan pola cabeza. (…)”. Vía Letra en Obras.

A Solaina de Piloño (Vila de Cruces): recital poético musical na X Forxa Literaria da Solaina

‘A Fundación Casa Museo A Solaina de Piloño (Vila de Cruces) organiza a X Forxa Literaria. Encontros culturais no rural. O xoves 7 de xullo inaugurouse coa proxección do documental Luís González López “Ferreiro”.
O venres 8 de xullo María Dolores González Pérez presenta o seu libro O vento do Nordés, acompañada por Héitor Mera, Tino Vaz e Raúl Belloso.
O sábado 9 de xullo acolle, entre outros actos, unha mesa redonda con Daniel González González, Xosé Vázquez Pintor, Ana Ulla e Daniel González Alén.
O domingo 10 clausúrase esta nova Forxa literaria, coa presentación do libro Cambio de estrela, de Iria Pedreira, publicado en 3C3, e o monólogo de Cándido Pazó titulado Falar non ten cancelas. De seguido celebrarase un recital músico poético onde intervirán Andrés Lareo Jr., Tamara Soto Soto, Nicolás Soto Mazás, Cristina Gende, Alba Payo Froiz, María Lado, Celso Fernández Celsiño, Andrea Porto Mato e José Luís Taboada Areán. Outro dos actos máis significativos son as entregas das medallas Amigo da Solaina, que este ano recaen, entre outras persoas, en Xosé Luna e Xoán Xosé Fernández Abella.’ Vía Fervenzas Literarias.

Nace Letra en Obras, unha web para promocionar autores novos

“O colectivo Letra en Obras pon a funcionar hoxe un proxecto web homónimo para promocionar os escritores novos. O primeiro proxecto é o libro 17 letras sen día (en formato pdf e epub e con licenza Creative Commons), con 17 relatos de autores novos, que se presentou o 17 de maio na Libraría Couceiro de Compostela. A autoría dos dezasete textos correspóndelles a Samuel L. Paris, David Pobra, Iria Ameixeiras, Brais Lamela, Elena Veiga, Andrés Carrasco, Raquel Boo, Paulo Martínez Lema, Alba Payo Froiz, Xurxo Martínez, Mónica Fernández, Brais Zas, Alberto Rodríguez, Celia Parra, Vidal, Paloma Calvo e Eva Moreda.” Vía Galicia Hoxe, Galicia Confidencial e Culturagalega.