Fina Paco Lareo, dinamizador cultural do rural galego

“Esta fin de semana morreu en Cruces Paco Lareo (Piloño, Vila de Cruces, 1938), un dos referentes actuais de dinamización do contorno rural. Malia a súa faceta de creador como escultor e pintor, destaca o seu proxecto cultural que desenvolveu na Solaina, unha das casas que posuía na súa localidade natal. Unha iniciativa que leva tres décadas de traballo promovendo encontros de artistas e escritores de eido internacional nun espazo rural, moi apegado á natureza. Lareo presidiu a fundación A Solaina (en proceso de reconverterse en Fundacion Paco Lareo) que promove a actividade deste espazo ata 2011, cando deixou o cargo na súa irmá tras serlle diagnosticado parkinson.” Desde Cultura Galega.

A Solaina de Piloño (Vila de Cruces): recital poético musical na X Forxa Literaria da Solaina

‘A Fundación Casa Museo A Solaina de Piloño (Vila de Cruces) organiza a X Forxa Literaria. Encontros culturais no rural. O xoves 7 de xullo inaugurouse coa proxección do documental Luís González López “Ferreiro”.
O venres 8 de xullo María Dolores González Pérez presenta o seu libro O vento do Nordés, acompañada por Héitor Mera, Tino Vaz e Raúl Belloso.
O sábado 9 de xullo acolle, entre outros actos, unha mesa redonda con Daniel González González, Xosé Vázquez Pintor, Ana Ulla e Daniel González Alén.
O domingo 10 clausúrase esta nova Forxa literaria, coa presentación do libro Cambio de estrela, de Iria Pedreira, publicado en 3C3, e o monólogo de Cándido Pazó titulado Falar non ten cancelas. De seguido celebrarase un recital músico poético onde intervirán Andrés Lareo Jr., Tamara Soto Soto, Nicolás Soto Mazás, Cristina Gende, Alba Payo Froiz, María Lado, Celso Fernández Celsiño, Andrea Porto Mato e José Luís Taboada Areán. Outro dos actos máis significativos son as entregas das medallas Amigo da Solaina, que este ano recaen, entre outras persoas, en Xosé Luna e Xoán Xosé Fernández Abella.’ Vía Fervenzas Literarias.