“Cara a unha cultura non precaria”

Desde Sermos Galiza:
“O pasado setembro, Alberto Núñez Feixoo restituía a Consellaría de Cultura. Como en tempos de Fraga Iribarne, iso si, engadíalle o apéndice Turismo. Ou non tan apéndice, a xulgar polas intervencións públicas do conselleiro, Román Rodríguez, cuxo discurso se centra adoito no vindeiro Ano Xacobeo, 2021. A fusión e a confusión entre cultura e turismo non coincide coas preocupacións centrais dos axentes preguntados por Sermos Galiza para facer unha prospectiva do sector de cara á 2019. A precariedade é o elemento común que atravesa as súas angueiras.
“Aplaudimos a rectificación que significa recuperar unha Consellaría de Cultura independente, pero preocúpanos que derive nun maior peso do turismo”, explica Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), “somos conscientes de que na Galiza, o turismo ten que ser cultural, é evidente. Mais agardamos que o Camiño e o fenómeno do Xacobeo non tape os distintos camiños da cultura”. O fondo da súa tese, as difíciles relacións dos sucesivos gobernos do PP coa cultura, emerxe a cada paso. Non por nada unha das primeiras medidas adoptadas por Feixoo en 2009, cando asumiu a presidencia do Goberno, foi liquidar o departamento de Cultura e subsumilo en Educación.
Mais o territorio da cultura é extenso, non doadamente reducíbel. Por iso a crítica, produtora e profesora Beli Martínez cita a TVG á hora de mencionar as perspectivas do cinema para o ano que comeza. “A Televisión Galega é a maquinaria menos engraxada na cadea do cinema, a que menos apoia”, di. Coloca como exemplo a ETB vasca, que destina máis de cinco millóns de euros a sufragar propostas cinematográficas. “Aquí é un millón, e nin sequera se saben ben os criterios que usan”, afirma, “non pode escusarse en que se trata de filmes difíciles de programar. Para iso naceu tamén a TVG, para facilitar o cinema galego e en galego”.
A gran repercusión internacional das directoras e directores galegos, que hai quen agrupa na etiqueta Novo Cinema Galego, é igualmente sinalada pola catedrática, académica e cineasta Margarita Ledo. “2019 será o ano en que gañemos a batalla do cinema en lingua galega”, asegura. E, porén, alén da brillantez e o risco de autoras e autores, as deficiencias estruturais ameazan a produción. Advírteo Beli Martínez: “O principal reto é conseguir dereitos laborais, termos traballos non precarios”.
Fala do filme que está a producir, Longa Noite, e lamenta que o director, o premiado Eloi Enciso, non chegue nin a mileurista. “As axudas públicas non cobren o 60% neste tipo de proxectos singulares, cando en Europa atinxen entre o 80 e o 100%. Ese debe ser o obxectivo”, apunta sobre uns filmes que están a levar Galiza ao palmarés dos máis prestixiosos festivais. “Pero as condicións laborais son lamentábeis e só de vontade non se come”.”

Lugo: presentación de Amor en alpargatas, de Manuel Portas

OManuel Portas xoves 15 de outubro, ás 19:30 horas, na Libraría Trama (Avenida da Coruña, 21) de Lugo, preséntase Amor en alpargatas, de Manuel Portas, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Alberte Rodríguez Feixóo e Manuel Bragado.