Julio Fernández Peláez e Alberto de Casso fanse co Premio Laudamuco de Teatro

Desde Nós Diario:
“Julio Fernández Peláez e Alberto de Casso Basterrechea son os autores do texto Vento mareiro non dá voltas que resultou gañador da sétima edición do premio Laudamuco para textos teatrais, convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. O premio está dotado con 7.000 euros a publicación da obra por Positivas. O xurado estivo formado por Francisco Oti, Xulio Lago, Nieves Lema, Manuel Xestoso -xornalista cultural en Nós Diario- e Inma López Silva como secretaria.
A acta destaca da obra “a súa estrutura dramatúrxica que, con só dous personaxes, a través de entretecidos monólogos e fluídos diálogos” que introduce nun contexto de convivencia veciñal cotiá “os grandes temas da actualidade como a ecoloxía ou o racismo”. Ademais, “a escrita da peza está realizada cun nivel de polisemia que admite unha gran posibilidade de lecturas escénicas para as persoas que aborden a súa dirección, así como retos interpretativos interesantes debido á importancia que nela cobran as relacións humanas e o seu impacto no desenvolvemento persoal e profesional”.
Cabe sinalar que o xurado tamén fixo constar “a súa preocupación polo baixo nivel de corrección lingüística da maioría dos textos presentados, condición que dificultou seriamente o seu veredicto final”. (…)”