O relato “Escuma de wolframio”, de Gerardo González Carrera, gañador do XIII Certame de Relatos Vigo Histórico

Desde Editorial Elvira:
“(…) Os dous relatos premiados non teñen nada que ver, más alá de que a trama se desenvolve en Vigo. O primeiro premio, Escuma de Wolframio, de Gerardo González Carrera, é unha historia de espionaxe, amor e traizón ambientada no Vigo da Segunda Guerra Mundial, coa ría e o tráfico de wolframio como pano de fondo. O protagonista é Thomas Harris, un axente británico infiltrado como comerciante de viños que se verá atrapado entre a súa misión, unha perigosa rede de intereses nazis e unha muller que garda moitos segredos. (…)
A única condición marcada nas bases do Certame, más alá da extensión, é que Vigo debe ter un papel protagonista na historia presentada. No acto de hoxe tamén se anunciou a data na que se celebrará a gala de entrega dos premios que será o vindeiro venres 13 de novembro. Neste acto tamén se presentará o libro Relatos na Rúa XIII, no aparecerán publicados os relatos premiados e unha ampla escolla dentro dos presentados realizada polo xurado, que un ano máis fixo un traballo impecable. Entre eles, figuran textos de Marcos López Concepción, Nuria Guardiola Medel, Andrea Broullón Dobarro, Ángela Costas Parada, Soledad Garcia Riveiro, Iván Campo Rodríguez, Miguel Regojo Fernández, Clara Pino, Masha Álvarez, Lía Rodríguez Puertas, Rebeca Lar, Julio Fernández Peláez e Pablo Barreiro Castro.
O xurado do Certame de Relatos Vigo Histórico está formado pola escritora Clara do Roxo; o xornalista Jacobo Buceta; a filóloga e poeta Patricia Meira, o escritor Santiago Lopo; a escritora e actriz María Lado; a xornalista Noelia Otero Lago; a profesora e tradutora Alba Piñeiro e a diplomada en Relacións Laborais e gran lectora María Jesús Fernández Domínguez, ademais do presidente do xurado, que é Xabier Romero. (…)”

Julio Fernández Peláez e Alberto de Casso fanse co Premio Laudamuco de Teatro

Desde Nós Diario:
“Julio Fernández Peláez e Alberto de Casso Basterrechea son os autores do texto Vento mareiro non dá voltas que resultou gañador da sétima edición do premio Laudamuco para textos teatrais, convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. O premio está dotado con 7.000 euros a publicación da obra por Positivas. O xurado estivo formado por Francisco Oti, Xulio Lago, Nieves Lema, Manuel Xestoso -xornalista cultural en Nós Diario- e Inma López Silva como secretaria.
A acta destaca da obra “a súa estrutura dramatúrxica que, con só dous personaxes, a través de entretecidos monólogos e fluídos diálogos” que introduce nun contexto de convivencia veciñal cotiá “os grandes temas da actualidade como a ecoloxía ou o racismo”. Ademais, “a escrita da peza está realizada cun nivel de polisemia que admite unha gran posibilidade de lecturas escénicas para as persoas que aborden a súa dirección, así como retos interpretativos interesantes debido á importancia que nela cobran as relacións humanas e o seu impacto no desenvolvemento persoal e profesional”.
Cabe sinalar que o xurado tamén fixo constar “a súa preocupación polo baixo nivel de corrección lingüística da maioría dos textos presentados, condición que dificultou seriamente o seu veredicto final”. (…)”