Artigo de Carolina Sertal en Faro de Vigo:
“A novela Como escorrentar un lobo, do escritor Antonio M. Fraga (Pontedeume,1976), vén de ser incluída na Lista de Honra IBBY 2026 (Organización Internacional para o Libro Xuvenil), unha das distincións internacionais de maior prestixio no ámbito da literatura infantil e xuvenil. Esta obra, publicada pola editora Cuarto de Inverno, foi proposta por IBBY España como representante da creación literaria en galego e se ben Antonio M. Fraga é o único autor de Galicia que figura no catálogo que, na edición de 2026 acadou a listaxe máis longa nos 60 anos do programa, cun total de 191 nominaciones en 52 idiomas procedentes de 59 países, a representación galega tamén está abandeirada pola tradución do catalán ao galego de Que é a guerra, elaborada por Moisés Barcia, de Sushi Books.
Tras coñecer a selección da súa novela para entrar na Lista de Honra IBBY, Antonio M. Fraga sinalou que recibe a súa inclusión na IBBY 2026 «con enorme gratitude e alegría. É unha honra que ‘Como escorrentar un lobo’ se vexa recoñecido nun espazo tan prestixioso da literatura infantil e xuvenil», engadindo tamén que a escrita desta obra lle permitiu no seu momento «viaxar a outras realidades e a outros tempos; foi un proceso gozoso e cheo de aprendizaxes». Así mesmo, o autor de Pontedeume destacou: «Penso tamén en Alfreda Noncia Markowska, cuxa historia e valentía transformaron a novela até se converter na súa protagonista. Gustaríame que a súa historia chegase a moitos lectores e lectoras, porque o seu exemplo de humanidade e coraxe pode achegar unha luz nestes tempos de erros repetidos que estamos a vivir».
Como escorrentar un lobo sitúa a súa historia na Polonia ocupada polos nazis durante a Segunda Guerra Mundial. Mentres agocha dous nenos xudeus da persecución, Noncia recorre aos contos para protexelos do medo, tecendo unha narración que combina memoria histórica, tradición oral e fantasía. Así, a novela de Antonio M. Fraga achega unha reflexión sobre o poder da palabra, a esperanza e a capacidade das historias para resistir mesmo nos tempos máis escuros. Esta inclusión na Lista de Honra IBBY supón un novo recoñecemento á traxectoria de Antonio M. Fraga e reforza a proxección internacional da literatura infantil e xuvenil galega, pois o catálogo da Honour List distribúese internacionalmente e as obras seleccionadas forman parte de exposicións e iniciativas de promoción da lectura impulsadas por IBBY.
En canto a Que é a guerra, escollida como unha das mellores traducións pola organización internacional para o libro xuvenil, este é un libro pensado para responder de maneira sinxela todas as preguntas tras ver noticias sobre a guerra, comprender como funcionan os conflitos bélicos, as súas causas e consecuencias como primeiro paso para a cadar a paz.”