Aliteraclara | Escola galega de escrita creativa

Aliteraclara.com, escola galega on-line de escrita creativa, nace da demanda das numerosas persoas que senten a necesidade de escribir e de aprender e que, por motivos laborais ou xeográficos, non teñen posibilidade de asistir ás clases. Está pensada para mulleres e homes que precisan da escrita para realizarse, que necesitan dunha man que os acompañe nos primeiros pasos e lles dea azos para desenvolverse na literatura. Aliteraclara.com ofrece ao alumnado un gran abano de posibilidades e recursos para lanzarse a escribir, pero tamén achega as novidades literarias, as convocatorias de concursos e o mundo editorial.
Clara do Roxo é a directora da escola. Escritora, profesora e narradora, imparte obradoiros de escrita creativa dende 2013. A súa maior motivación, e a dos escritores e escritoras que a acompañan neste proxecto é transmitir aos alumnos a súa paixón pola escrita. Aliteraclara.com conta no seu inicio coa poeta María Lado, os escritores Fran Fernández Davila, Antonio Manuel Fraga e Xabier López, e a propia Clara do Roxo como profesores, e ofrece obradoiros de poesía, novela e relato. Para pechar o círculo, nun intento de achegar aos autores e autoras á publicación ou aos certames literarios, a escola pon ao seu dispor un servicio de valoración e corrección de orixinais, a cargo dos escritores Amadeo Cobas e Manuel Sánchez Gálvez.