Lugo: XVIII Xornada de Literatura de Tradición Oral. “Onde van os marcos? As narrativas no ano da oralidade das mulleres”, o 25 de outubro

A XVIII Xornada de Literatura de Tradición Oral. “Onde van os marcos? As narrativas no ano da oralidade das mulleres” terá lugar o sábado 25 de outubro no Salón de Actos da Deputación de Lugo (Rúa San Marcos, 8). Esta iniciativa da AELG co apoio da Deputación Provincial de Lugo e CEDRO, xunto á colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega.

A inscrición é obrigatoria e previa, con matrícula gratuíta, seguindo estes criterios:
– As persoas que queiran dispor da homologación da Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, por un total de 8 horas, deberán inscribirse directamente a través https://www.as-pg.gal/, no apartado de Formación.
– As persoas que desexen recibir un certificado de asistencia por parte da AELG, e aquelas que queiran asistir sen obter homologación nin certificado, deberán incribirse enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org, indicando nel o nome, apelidos e documento de identidade.

PROGRAMA

10.15 Recepción, entrega de material e inauguración.

10.30-11.10 Conferencia: “Da polavila á escena: recollida, creación e difusión”
– Adrián Méndez. Mestre de baile e música tradicional, productor e integrante de De Ninghures.

11.10-11.50 Conferencia: “A regueifa no ensino: a oralidade como catalizador na mocidade”
– Almudena Falcón. Docente de Lingua e Literatura galega no IES Basanta Silva de Vilalba.
Promotora do Campus de Regueifa da Terra Chá.

11.50-12.30 Conferencia: “O valor da palabra, sempre e mais despois”
– Tereixa Novo. Mestra, música fundadora e integrante  de Fuxan os Ventos.

12.30-14.00 Mesa redonda: “A oralidade das cantareiras:  Fonte de inspiración e recursos na escena cultural e musical”
Participan: Almudena Falcón, Tereixa Novo e Adrián Méndez.
Coordina: Branca Villares.

16.00-16.40 Conferencia: “ A radio escolar como ferramenta para traballar o Patrimonio Inmaterial”
– Lois Toirán. Mestre de primaria, docente de radio e representante do proxecto Ponte nas ondas.

16.40-17.20 Conferencia: “As voces das mulleres rurais e a contrucción dun arquivo oral. Terra e memoria”
– Ana Cabana. Doutora en Historia pola USC, profesora titular do Departamento de Historia no Campus de Lugo da USC.

17.20-18.00 Conferencia: “Colleita e recolleita: a patrimonialización da memoria intrafamiliar”
– Branca Villares. Mestra de canto tradicional e divulgadora do folclore galego.

18.00-19.30 Mesa redonda: “A oralidade das cantareiras: salvagarda da memoria do pobo. O valor dos arquivos e a súa difusión”
Participan: Lois Toirán, Ana Cabana e Branca Villares
Coordina: Eva Teixeiro.

19.30-20.30 Sesión práctica: “Cantareiras: o poder da poesía do pobo”
Jara Ortiz, cantareira, compositora, arranxista e divulgadora musical.

O programa pode descargarse en formato pdf na seguinte ligazón.

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Claudia Pérez, Luca Chao e Manuel González Seoane gañan o VII Concurso de microrrelatos da RAG e PuntoGal

Desde a Real Academia Galega:
““Nin coa lexivia”, unha historia sobre a violencia que se exerce contra as mulleres a través das palabras, é a gañadora do primeiro premio do VII Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal na categoría de adultos, ao que se presentaron máis de 450 textos. A súa autora é Claudia Pérez González (1995), nada no Bierzo e veciña de Ourense. O segundo premio é para Luca Chao (1988), que xa se fixera co mesmo galardón en 2021, desta volta cun texto titulado “Esperanza” coa guerra como escenario non nomeado; e “Herdanza”, un conto sobre os conflitos familiares presentado por Manuel González Seoane (1955), natural de Vilagarcía de Arousa e residente na Coruña, mereceu o terceiro.
O xurado composto polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o presidente de PuntoGal e tamén académico, Manuel González; a académica correspondente Olga Castro; o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro; e a escritora Antía Yáñez, membro do comité de redacción da revista Luzes, elixiu ademais como finalistas “Cando viu o seu corpo xeado”, de Almudena Falcón Folgueira (1982), natural de Cospeito e veciña de Castro de Ribeiras de Lea; e “Á autoridade competente”, de Álvaro Arbizu Ponce (2001), veciño de Cedeira.
Da historia de Claudia Pérez González, profesora de Lingua castelá e literatura no IES Ferro Couselo de Ourense, o xurado salientou a súa capacidade para reflectir o peso dos estereotipos de xénero que estigmatizan aínda hoxe as mulleres. O relato, de 190 palabras, denuncia ademais que “a violencia tamén está nas palabras”.
O texto máis breve dos premiados na categoría de adultos, con 88 palabras, é “Esperanza”, unha reflexión arredor da guerra sen mencionala que lle valeu un novo galardón neste concurso á luguesa Luca Chao, doutora en Ciencias Sociais. O xurado subliñou o “dominio da arte do microrrelato” que se demostra neste conto, no que o título dialoga co texto para lle dar sentido, atrapando a atención de quen o le ata o final.
Canto a “Herdanza”, escrito polo mestre xubilado Manuel González Seoane, o xurado destacou a “sorpresa final moi ben administrada” dunha historia que “evidencia os conflitos que marcan as familias, ás veces por cousas moi cativas”.
O xurado escolleu ademais como un dos contos finalistas “Cando viu o seu corpo xeado”, de Almudena Falcón Folgueira, do que chama a atención a súa capacidade de non normalizar a guerra; e “Á autoridade competente”, de Álvaro Arbizu Ponce, do que subliña o xeito de xogar co léxico. Ambos os autores son tamén docentes: Almudena Falcón de Lingua galega e literatura e Álvaro Arbizu mestre.
Na modalidade de 12 a 17 anos, o coruñés Jacobo Pérez Criado (2007), a luguesa Mencía Ferreiro García (2007) e Carla Coucheiro Rodríguez (2009), valenciana e veciña de Santiago de Compostela, foron distinguidos co primeiro, segundo e terceiro premio, respectivamente. Así o decidiu o xurado que avaliou os case 500 textos presentados nas categorías de persoas menores de idade, integrado nesta ocasión polo académico de número e dramaturgo Euloxio R. Ruibal; a académica correspondente e profesora da USC Montse Pena Presas; a presidenta do padroado do Museo do Pobo Galego e membro da directiva de PuntoGal, Concha Losada; a filóloga e tamén membro do equipo de PuntoGal Cristina Ríos; e o escritor e xornalista Lois Alcayde Dans, coordinador da revista Luzes.
Na categoría infantil o primeiro premio é para Martina Boo Álvarez (Cambre, 2012); o segundo, para Mariña Abollo Aneiros (Santiago de Compostela, 2012); e o terceiro, para Xoel Villar Castro (2014), de Castrelo de Miño. O xurado elixiu ademais como finalistas xuvenís senllos relatos de Paula García Villar (Lestedo, 2008) e do veciño de Tomiño Brais González Vázquez (2007); e como finalistas infantís, unha historia do compostelán Pedro Novais Méndez (2012) e outro conto de Mariña Abollo Aneiros.
Todos os relatos premiados poderán lerse nunha edición dixital que se difundirá nas páxinas web da RAG, de PuntoGal e do concurso (relatos.gal) o día da entrega dos galardóns. As nove historias galardoadas e mais as finalistas publicaranse ademais na edición en papel de Luzes.”