O cómic Titoán, do debuxante compostelán Iván Suárez e o guionista de Lalín Ignacio Vilariño, é a obra gañadora da VII edición do Premio de banda deseñada Castelao, convocado pola Deputación da Coruña e dotado con 6.500 euros e a publicación da obra gañadora. Miguelanxo Prado apuntou que todos os libros de banda deseñada que gañaron o Castelao foron editados tamén en castelán e están a ter unha boa acollida por parte do público, pois son obras “que chegan máis alá do mercado local e deféndense por si soas con dignidade”. Segundo explicou Miguelanxo Prado, Titoán é “unha achega adulta a un personaxe histórico como Castelao, a través dunha narrativa medida e axustada, sen parafernalia efectista”, e cunha solución gráfica “atractiva, coherente e eficaz, que funciona á perfección ao servizo que está a contar”. “Non é doado facer unha obra sobre Castelao sen caer no didactismo ou na cita enciclopédica”, afirmou Miguelanxo Prado, que subliñou tamén “a metalectura do texto, a historia que se conta nun segundo plano da obra, como Castelao constrúe unha historia e vai atopando personaxes e situación”, todo iso cunha “estrutura arriscada” na que o humor se mestura con momentos de grande intensidade poética.
A obra foi seleccionada por unanimidade, pois “ten un plus a nivel gráfico e de guión, cuxa orixinalidade e plantexamento vai alén dos estándares habituais”. O xurado decidiu tamén seleccionar como finalista a obra Salpock, o val dos cegos, de Álvaro López Santos e Luis Sendón, que é “unha fantasía heroica, unha utopía e unha ucronía en clave de aventura” (Galicia Hoxe). Tamén foi recollido en Culturagalega, Xornal, Galiciaé.