Lalín: actividades do fin de semana na Feira do Libro

Remata a Feira do Libro de Lalín (na Praza da Igrexa) neste fin de semana, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:00 h.

Das actividades do sábado 14 destacamos as seguintes:
12:00 h. Charla e coloquio coa escritora Fina Casalderrey, Premio Nacional de Literatura Infantil co tema: O tempo libre e os libros. Ao remate, a escritora asinará exemplares dos seus libros.
13:00 h. A escritora Gracia Santorum fará a presentación de Abelcebú, do escritor de Lalín Carlos Negro, publicado por Edicións Positivas. No acto, xunto co autor do libro, estará presente o director da editorial, Paco Macías.
13:45 h. Charla coloquio: A literatura galega dende o Deza, coa participación dos escritores da comarca Gonzalo Navaza, Xosé Vázquez Pintor, Ignacio Vilariño e Alba Payo Froid. O moderador será Carlos Negro. Ao remate do acto os escritores asinarán exemplares dos seus libros.

E do domingo 15, último día da Feira, destacamos:
12:00 h. Presentación do libro A cociña de Larpeiros 2, de Benigno Campos, publicado por Editorial Galaxia. Xunto co autor, participará no acto o xornalista gastronómico Miguel Vila e o representante da editorial, Xulio Amigo.
13:00 h. Cunqueiradas. Monólogo humorístico do actor e autor teatral Cándido Pazó, sobre textos de Álvaro Cunqueiro.

Titoán, de Iván Suárez e Ignacio Vilariño obtén o VII Premio de banda deseñada Castelao

O cómic Titoán, do debuxante compostelán Iván Suárez e o guionista de Lalín Ignacio Vilariño, é a obra gañadora da VII edición do Premio de banda deseñada Castelao, convocado pola Deputación da Coruña e dotado con 6.500 euros e a publicación da obra gañadora. Miguelanxo Prado apuntou que todos os libros de banda deseñada que gañaron o Castelao foron editados tamén en castelán e están a ter unha boa acollida por parte do público, pois son obras “que chegan máis alá do mercado local e deféndense por si soas con dignidade”. Segundo explicou Miguelanxo Prado, Titoán é “unha achega adulta a un personaxe histórico como Castelao, a través dunha narrativa medida e axustada, sen parafernalia efectista”, e cunha solución gráfica “atractiva, coherente e eficaz, que funciona á perfección ao servizo que está a contar”. “Non é doado facer unha obra sobre Castelao sen caer no didactismo ou na cita enciclopédica”, afirmou Miguelanxo Prado, que subliñou tamén “a metalectura do texto, a historia que se conta nun segundo plano da obra, como Castelao constrúe unha historia e vai atopando personaxes e situación”, todo iso cunha “estrutura arriscada” na que o humor se mestura con momentos de grande intensidade poética.
A obra foi seleccionada por unanimidade, pois “ten un plus a nivel gráfico e de guión, cuxa orixinalidade e plantexamento vai alén dos estándares habituais”. O xurado decidiu tamén seleccionar como finalista a obra Salpock, o val dos cegos, de Álvaro López Santos e Luis Sendón, que é “unha fantasía heroica, unha utopía e unha ucronía en clave de aventura” (Galicia Hoxe). Tamén foi recollido en Culturagalega, Xornal, Galiciaé.