Arquivos da etiqueta: Amor de tango
María Xosé Queizán: “Os partidos de esquerdas daban por suposto que, coa liberación proletaria, ía vir soa a da muller, como caída do ceo”
Entrevista de Montse Dopico a María Xosé Queizán en Praza:
“(…) – Praza (P): Na novela Amor de tango falas dun tipo de represión franquista que sufriron as mulleres e que non adoita ser chamada así: o confinamento na casa, nos roles tradicionais. A volta atrás respecto ao andado na II República.
– María Xosé Queizán (MXQ): Se non se fala diso neses termos é, se cadra, porque un retroceso enorme. Agora hai moitas mulleres metidas no naturalismo, nuns roles que van aínda máis atrás do que facían a miña nai e a miña avoa. Na II República as mulleres saían, traballaban… Sobre todo en cidades industriais coma Vigo. Pero xa na Revolución Industrial traballaban, e aínda que fosen explotadas tiñan un salario que lles daba autonomía. Quero dicir, que é algo que viña xa de moi atrás.
A primeiros do século XX en Vigo, e nos anos 20, a maior parte da xente que traballaba nas fábricas eran mulleres. E non só nas conserveiras. E ter un salario, un horario, ter relación con outras mulleres, ter que cumprir cunha dinámica de traballo para non romper a cadea… eu creo que che organiza a mente dun xeito diferente e se non saes da casa. Muda a mentalidade. Pois co franquismo non interesaba que continuase iso. Obrigar as mulleres a volver á casa para parir tamén é un xeito de represión. De volver atrás os avances. Mais non foi só iso. Tamén xurdiu despois unha clase media de señoritas que antes non existía. E non ten a mesma mentalidade unha muller que ten independencia económica que quen non a ten. O traballo paréceme unha das cousas máis importantes para o ser humano.
– P: En Cólera falas, de xeito específico, de resistencia ao franquismo. De folgas obreiras, detencións, mortes, cárcere, exilio… Ver agora as cifras daquelas folgas e manifestacións impresiona. Como ver as da II República. Que mudou, aínda que Vigo siga a ser unha cidade que si se mobiliza bastante?
– MXQ: Non é para nada como era daquela. Agora temos as procesións do Cristo da Vitoria… E vamos a algunha manifestación e dicimos o slogan, pero non é o mesmo. Quero dicir, no franquismo participar en manifestacións tiña outra implicación. Agora pode cargar a policía ou poden levarte un día para a comisaría. Pero daquela que te collesen era moi perigoso. Significaba tres días de interrogatorios, e dependendo das circunstancias as preguntas podían ir a máis. Por menos de nada ías ao TOP [Tribunal de Orden Público] e podías acabar na cadea. No franquismo, protestar era expoñerse moito. Agora a xente ten medo. Hai pouco, na presentación do OUFF, en Ourense, a presentadora fixo mención aos atentados de París. Eu comecei a cantar a Marsellesa e quedei soa. Ninguén me seguiu. (…)
– P: E no 77 publicas A muller en Galicia, que molestou moito, ao comparar a opresión das mulleres coa da lingua e coa do país.
– MXQ: É que eu escribín os primeiros ensaios feministas que se publicaron neste país. Pero tampouco creas que se armou moita polémica. O mesmo pasou con Recuperemos as mans. O que rodeaba os meus libros era o silencio. Non sei de onde saquei as forzas para seguir escribindo. Fun non ignorada, senón silenciada. (…)”
Vigo: hoxe María Xosé Queizán fala sobre Amor de tango
«O luns 12 de abril, ás 20.00 horas, a escritora María Xosé Queizán ditará unha conferencia no Salón de Actos da Escola Oficial de Idiomas de Vigo arredor de “Amor de tango e o Vigo da primeira metade do século XX”.
En Amor de tango María Xosé Queizán ofrece unha novela que reconstrúe o Vigo da república e da represión franquista a través dos recordos de Margot, unha das protagonistas. É a novela das mulleres que durante os esperanzados anos 20 e 30 foron rapazas activas, ilusionadas e decididas a descubrir o mundo. É a novela das traballadoras que espertaron á vida naquela urbe pioneira, atlántica e liberal que era o Vigo de preguerra. É a novela das obreiras das fábricas de sardiñas que están estreitamente ligadas están ao desenvolvemento industrial da cidade e da ría. É a novela dos trasatlánticos, das fábricas de salazón, do Cable Inglés, das grandes Navieiras, da emigración, do Berbés. Memoria viguesa, intimismo, historia miúda e persoal e retratos construídos desde un eficaz realismo constitúen os eixos sobre os que gravita este fermoso e inesquecible canto a Vigo e as mulleres que a poboaron.»