O martes 20 de marzo, no Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n.) da Coruña, e dentro do programa CoruñaMayúscula, terá lugar, ás 19:30 horas, un coloquio entre Ángel de la Cruz e Juan Carlos Sanmiguel.
Arquivos da etiqueta: Ángel de la Cruz
Intervención de Armando Requeixo, Cesáreo Sánchez e Ángel de la Cruz en Eirado
Desde Criticalia, o blogue de Armando Requeixo:
“O pasado sábado día 3, os amigos do programa Eirado da TVG convidáronme a unha entrevista para falar da aparición do volume Criticalia. Con tal motivo, tiven o pracer de conversar co periodista Pemón Bouzas sobre diversas cuestións literarias que xiran arredor do libro. No mesmo programa participaron tamén o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias e o escritor e cineasta Ángel de la Cruz; o primeiro en calidade de presidente da AELG para informar das últimas actividades que esta ten posto en marcha e o segundo co gallo do seu éxito na cerimonia dos Goya mercé ao filme de animación Engurras, co que recibiu, como guionista, o Premio ao Mellor Guión Adaptado deste ano. (…)”
Ángel de la Cruz: “Non sería raro que un filme de animación fose nominado na categoría de mellor película”
Entrevista a Ángel de la Cruz en Praza:
“(…) Arrugas é un proxecto arriscado, a adaptación do álbum de Paco Roca centrado na demencia senil e o alzheimer e a vida nunha residencia de anciáns. Precisamente hai uns días un grupo de traballadores dun xeriátrico compostelán, na Volta do Castro, enviáronlle a Alberto Núñez Feijoo unha entrada para ir ver o filme ao cinema e así coñecese como transcorre a vida nun centro destas características, “xa que non se digna a visitar os seus propios centro de traballo”, explicaban.
– Praza (P): Arrugas é o terceiro filme dirixido por ti que acada un Goya. As sensacións son as mesmas que a primeira vez?
– Ángel de la Cruz (ÁC): Non, non é a mesma sensación. Cando nos deron o Goya por O bosque animado non o esperabamos, non nos coñecía ninguén. Pero de todos os xeitos, este premio ao mellor guión adaptado devolveume esas sensacións da primeira vez, porque non contabamos con el. Foi moi emocionante. (…)
– P: O premio certifica o bo momento da animación galega?
– ÁC: Comeza a recoñecerse a Galicia, non só en España, senón en todo o mundo, como un sitio no que somos expertos en animación. E é importante manter esa sona. Constato, cando vou a Madrid, que a xente pode non recoñecer que unha película é dun ou doutro director, dunha produtora ou doutra, de Filmax ou Dygra, pero eles si que a asocian con Galicia, co bo facer da animación galega.
– P: Tes novos proxectos? Volverás adaptar unha novela gráfica?
– ÁC: Teño entre mans algúns proxectos, unha adaptación, aínda que non de novela gráfica, de momento. Pero non o desboto.”
Ourense: presentación de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández
O xoves 15 de decembro, ás 20:30 horas, na Galería Sargadelos (Avenida da Habana, 12) de Ourense, terá lugar un diálogo entre Ángel de la Cruz e Miguel Anxo Fernández, arredor da novela Lume de cobiza, deste último autor, publicada en Galaxia. Estarán moderados por Xosé Manoel Rodríguez.
Fotobiografía posterior deste acto en Galaxia.
A Coruña: actividades do martes 9 na Feira do Libro
Estas son as actividades máis destacadas do martes 9 de agosto dentro da 40º edición da Feira do Libro da Coruña, nos Xardíns de Méndez Núñez, aberta até o 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h., e de 18:00 a 22:00 horas:
– 19:00 h. Francisco X. Fernández Naval presenta o seu libro de poesía, en edición bilingüe (galego e castelán) Golpear de sombras, publicado pola editorial Huerga y Fierro. Xunto co autor, participarán no acto a poeta Eva Veiga e a profesora e traductora Teresa Seara.
– 20:00 h. Presentación de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, publicado en Galaxia, coa participación, acompañando ao autor, de Víctor F. Freixanes e Ángel de la Cruz.
Ángel de la Cruz dirixirá a adaptación audiovisual das historias do detective Frank Soutelo
“O director Ángel de la Cruz adaptará para as pantallas coa súa produtora Artemática, a novela Lume de cobiza, a recente entrega do detective Frank Soutelo na súa primeira aventura en Galicia, obra do escritor e crítico cinematográfico Miguel Anxo Fernández, editada por Galaxia e actualmente nas librarías. (…) Na presentación da obra en Santiago, proxectouse un teaser do proxecto audiovisual da obra e a presentación da web de Frank Soutelo.” Vía Galaxia.
Santiago: presentación audiovisual de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández
O mércores 22 de xuño, ás 20:30 horas, no hotel AC Palacio do Carme de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación audiovisual de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, publicada en Galaxia. No acto participan, co autor, Ángel de la Cruz e Víctor F. Freixanes.
Cambados: presentación de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández
O xoves 9 de xuño, ás 20:00 h., en Cambados, preséntase Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, publicado en Galaxia. No acto participan, acompañando ao autor, Saúl Otero e Ángel de la Cruz.
O Carballiño: presentación de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández
O xoves 26 de maio, ás 20:00 h., no Casino do Carballiño (Rúa Tomás María Mosquera, 6), preséntase Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, publicado en Galaxia. No acto acompañarán ao autor Carlos Lema, Ángel de la Cruz e Eduardo Galán.
Vigo: presentación de Os mortos van á présa
Biblos presenta o guión da película Os mortos van á présa de Ángel de la Cruz, editado en tapa dura na colección Mandaio. O autor, que é ademais director e produtor da película, achéganos unha comedia en que se mesturan as historias de tres parellas de diferentes xeracións. O acto terá lugar no Salón de actos de Ámbito Cultural de El Corte Inglés de Vigo, hoxe venres 29 de maio ás 20 horas, e contará coa participación de Ángel de la Cruz, a actriz María Castro e o editor, Tucho Calvo.