Ángel de la Cruz, enfeitando personaxes

Entrevista a Ángel de la Cruz en El País:
“O coruñés Ángel de la Cruz deu os seus primeiros pasos no eido cinematográfico sen imaxinar que un día sería guionista ou director. “Traballaba de enxeñeiro e non me ía mal, pero un día Jesús Vecino encargoume un story-board para a súa produtora. Déronlles a subvención e seguiron contando comigo. Incorporeime como axudante de decoración a Tirano Banderas e decateime que era do que me gustaría vivir”. Como parte do departamento de decoración traballou en varias curtas. De la Cruz aproveitou un momento álxido en Galicia para as propostas de pequeno formato. O realizador subliña que hoxe a situación resulta máis complexa para un cineasta novel: “É moito máis difícil saír adiante”. O seu primeiro traballo detrás das cámaras foi Sitcom show, ao que seguiría Paranoia Dixital. Como guionista asistiu a cursos de Juan Antonio Porto e Jaime Chávarri e leu unha manchea de libros teóricos. “Naquela época saíronme bastantes traballos de vídeo industrial e corporativo. Axudoume a curtirme”. A súa terceira curtametraxe foi Aínda máis difícil, que contén un plano secuencia de dous minutos no que participaban 75 extras vestidos de época. “Foi unha tolería e aí comprendín o estresante que é dirixir. Tiñamos cinco días para rodar e ao terceiro ingresei no hospital por gastroenterite”. Aínda máis difícil logrou oito Mestre Mateo. (…)”

Intervención de Armando Requeixo, Cesáreo Sánchez e Ángel de la Cruz en Eirado

Desde Criticalia, o blogue de Armando Requeixo:
“O pasado sábado día 3, os amigos do programa Eirado da TVG convidáronme a unha entrevista para falar da aparición do volume Criticalia. Con tal motivo, tiven o pracer de conversar co periodista Pemón Bouzas sobre diversas cuestións literarias que xiran arredor do libro. No mesmo programa participaron tamén o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias e o escritor e cineasta Ángel de la Cruz; o primeiro en calidade de presidente da AELG para informar das últimas actividades que esta ten posto en marcha e o segundo co gallo do seu éxito na cerimonia dos Goya mercé ao filme de animación Engurras, co que recibiu, como guionista, o Premio ao Mellor Guión Adaptado deste ano. (…)”

Ángel de la Cruz: “Non sería raro que un filme de animación fose nominado na categoría de mellor película”

Entrevista a Ángel de la Cruz en Praza:
“(…) Arrugas é un proxecto arriscado, a adaptación do álbum de Paco Roca centrado na demencia senil e o alzheimer e a vida nunha residencia de anciáns. Precisamente hai uns días un grupo de traballadores dun xeriátrico compostelán, na Volta do Castro, enviáronlle a Alberto Núñez Feijoo unha entrada para ir ver o filme ao cinema e así coñecese como transcorre a vida nun centro destas características, “xa que non se digna a visitar os seus propios centro de traballo”, explicaban.
– Praza (P): Arrugas é o terceiro filme dirixido por ti que acada un Goya. As sensacións son as mesmas que a primeira vez?
– Ángel de la Cruz (ÁC): Non, non é a mesma sensación. Cando nos deron o Goya por O bosque animado non o esperabamos, non nos coñecía ninguén. Pero de todos os xeitos, este premio ao mellor guión adaptado devolveume esas sensacións da primeira vez, porque non contabamos con el. Foi moi emocionante. (…)
– P: O premio certifica o bo momento da animación galega?
– ÁC: Comeza a recoñecerse a Galicia, non só en España, senón en todo o mundo, como un sitio no que somos expertos en animación. E é importante manter esa sona. Constato, cando vou a Madrid, que a xente pode non recoñecer que unha película é dun ou doutro director, dunha produtora ou doutra, de Filmax ou Dygra, pero eles si que a asocian con Galicia, co bo facer da animación galega.
– P: Tes novos proxectos? Volverás adaptar unha novela gráfica?
– ÁC: Teño entre mans algúns proxectos, unha adaptación, aínda que non de novela gráfica, de momento. Pero non o desboto.”

Ourense: presentación de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández

O xoves 15 de decembro, ás 20:30 horas, na Galería Sargadelos (Avenida da Habana, 12) de Ourense, terá lugar un diálogo entre Ángel de la Cruz e Miguel Anxo Fernández, arredor da novela Lume de cobiza, deste último autor, publicada en Galaxia. Estarán moderados por Xosé Manoel Rodríguez.
Fotobiografía posterior deste acto en Galaxia.

A Coruña: actividades do martes 9 na Feira do Libro

Estas son as actividades máis destacadas do martes 9 de agosto dentro da 40º edición da Feira do Libro da Coruña, nos Xardíns de Méndez Núñez, aberta até o 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h., e de 18:00 a 22:00 horas:

– 19:00 h. Francisco X. Fernández Naval presenta o seu libro de poesía, en edición bilingüe (galego e castelán) Golpear de sombras, publicado pola editorial Huerga y Fierro. Xunto co autor, participarán no acto a poeta Eva Veiga e a profesora e traductora Teresa Seara.
– 20:00 h. Presentación de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, publicado en Galaxia, coa participación, acompañando ao autor, de Víctor F. Freixanes e Ángel de la Cruz.

Ángel de la Cruz dirixirá a adaptación audiovisual das historias do detective Frank Soutelo

“O director Ángel de la Cruz adaptará para as pantallas coa súa produtora Artemática, a novela Lume de cobiza, a recente entrega do detective Frank Soutelo na súa primeira aventura en Galicia, obra do escritor e crítico cinematográfico Miguel Anxo Fernández, editada por Galaxia e actualmente nas librarías. (…) Na presentación da obra en Santiago, proxectouse un teaser do proxecto audiovisual da obra e a presentación da web de Frank Soutelo.” Vía Galaxia.

Santiago: presentación audiovisual de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández

O mércores 22 de xuño, ás 20:30 horas, no hotel AC Palacio do Carme de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación audiovisual de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, publicada en Galaxia. No acto participan, co autor, Ángel de la Cruz e Víctor F. Freixanes.

O Carballiño: presentación de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández

O xoves 26 de maio, ás 20:00 h., no Casino do Carballiño (Rúa Tomás María Mosquera, 6), preséntase Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, publicado en Galaxia. No acto acompañarán ao autor Carlos Lema, Ángel de la Cruz e Eduardo Galán.